Tempos modernos


En “Tempos modernos” do gran mestre do cine Charles Chaplin, descríbese unha sociedade industrial onde os traballadores eran autómatas sometidos aos caprichos do grande capital. Mal pagados, explotados e humillados, os traballadores e traballadoras rebélanse e inician unha loita, que ten como referente a un despistado traballador protagonizado polo propio Chaplin que, por casualidade, colle unha bandeira vermella (supostamente, xa que a película é en branco e negro), que todos identifican como o guieiro, o faro que os a levar até a conquista dos seus dereitos e as súas demandas.

Pasou moito tempo desde esta película dos anos 30 do século pasado e moito se transformou a sociedade desde aquela, non xa a norteamericana, que durante anos purgou calquera atisbo comunista e de esquerdas no seu territorio, en moitos casos raiando na paranoia máis irracional e a intolerancia máis ditatorial, senón en xeral a sociedade occidental, cuxo modelo semella ser o único válido.

Hoxe o moderno, mesmo dentro dos movementos sociais como o 15M que tiveron o seu momento hai xa dous anos, hoxe o moderno é non ter bandeiras, non exhibir ningunha simboloxía partidista nin ideolóxica; o importante é o individuo. Porén, xa é curioso que non hai película hollywoodiense que se prece na que non apareza a bandeira do imperio. Non hai celebración da selección española que non exhiba a “rojigüalda”. E vemos con verdadeiro estupor, como as camadas máis novas do Partido Popular mostran con orgullo a bandeira da ditadura franquista, ante o silencio cómplice dos dirixentes deste partido.

Por iso non deixa de sorprenderme a verdadeira teima de moitas persoas progresistas e de esquerdas que rexeitan as bandeiras e símbolos identitarios e partidarios nas mobilizacións dos movementos sociais e populares, na Galiza claramente identificados co nacionalismo.

,Esta teima que teñen algúns sectores sociais é verdadeiramente preocupante, xa que non hai moitos anos o dereito de asociación estaba prohibido, e o simple feito de pertencer a algún colectivo que non fora o “Movimiento Nacional” era ilegal e supoñía un severo correctivo para toda aquela persoa con inquietudes sociais e políticas. Ao mesmo tempo o dereito de reunión reservábase case en exclusiva para aplaudir ao “Caudillo” e o dereito á folga, ese mesmo que agora tamén está en entredito por determinados sectores políticos reaccionarios, estaba simplemente prohibido. E xa non digamos a exhibición de calquera simboloxía que non fora a propia do estado fascista.

Mais iso non é cousa do pasado. A nova lei de seguridade cidadá que prepara o executivo central vai no sentido de restrinxir aínda máis os nosos dereitos colectivos, ao mesmo tempo que limita e recorta os dereitos laborais e servizos conquistados ao longo do último século, conquistas feitas por traballadores e traballadoras que, como Chaplin, levaban na man unha bandeira, un símbolo, que os unía a todos contra a tiranía.

A bandeira non che dá de comer, pero sen ela cómente. Iso tíñao claro Charles Chaplin cando dirixiu “Tempos Modernos” en 1936, tamén igual que agora, nun contexto de profunda crise económica e social. Non somos máis modernos deixando a bandeira na casa cando imos ás manifestacións; para o liberalismo económico e político sempre é máis doado someter a individuos que a un pobo. Que llo conten a Estados Unidos que perdeu a Guerra de Vietnam precisamente por iso, porque tiñan un pobo enfronte.