Tempo de valorizar a militancia

Tempo de valorizar a militancia
O pasado 25 de xullo ao rematar o acto político da Praza da Quintana, co que se pecha a manifestación do BNG comentaba cos e coas representantes das delegacións internacionais as súas impresións, buscando sobre todo a opinión de aquelas persoas que asistían por primeira vez ao Día da Patria.

Quen xa nos tiñan acompañado en outras ocasións dicían que para el@s era un acto que demostraba forza e que a primeira vez que tiñan asistido ficaran moi sorprendid@s, pois nunca tiñan imaxinado que o nacionalismo galego tivera tal capacidade de mobilización, dado que a nosa realidade como movemento político é case totalmente descoñecida fóra de Galiza.

Varias persoas asistían por primeira vez e coincidían na impresión, destacando ademais o feito de que un día tan desagradábel no meteorolóxico non fora impedimento para a presenza de milleiros de persoas na manifestación. De entre elas chamoume moito a atención un compañeiro que dixo rotundamente “co que chove desde que saímos pensei que non ía manterse a xente, aquí vese que hai militancia e que hai organización”.

Esta reflexión levoume a matinar sobre o período histórico que estamos a vivir desde hai uns anos, un período histórico no que se hai dúas palabras desprestixiadas son “militancia” e “organización”; e hai moita xente que fuxe delas deixándose levar polos ventos do supostamente avanzado, supostamente moderno, supostamente rupturista e supostamente orixinal; son eses ventos que nos venden como verdades supremas conceptos ou procedementos como horizontalidade, primarias, mobilización espontánea ou activismo.

Eses conceptos e eses procedementos posúen elementos moi positivos, pero desde hai un tempo empréganse para denigrar a quen mantén a militancia como un principio ou a quen considera que a loita organizada e instrumentos como os sindicatos ou as organizacións políticas son básicos para conseguirmos dereitos e avanzar na transformación social.

Ese antagonismo forzado non é casual, forma parte desa sociedade líquida moi ben definida por Zygmunt Bauman; unha sociedade caracterizada pola fragmentación das reivindicacións, polo individualismo e polo hedonismo; na que moitas veces reivindicacións importantes son popularizadas e amplificadas polo propio sistema, empregándoas como elementos para regular a tensións social, evitando que moitas das persoas sensibilizadas dean un paso máis, o de organizarse e soster no tempo a reivindicación e a loita.

Nos últimos tempos asistimos ao nacemento de plataformas, movementos e sobre todo candidaturas supostamente horizontais, e baleirad@s da “contaminación” que segundo nos din acompañan ás estruturas estábeis. Observamos como foron inchadas artificialmente, e vemos agora como en moitos casos o toque dun simple alfinete fai que o globo desinche e en algúns casos produza un grande estoupido descubrindo unha realidade que agachaba dirixismos, intereses persoais ou corporativos, egos....; e desgraciadamente, tamén eses estoupidos deixan no camiño un número importante de persoas ben intencionadas que quedan queimadas.

Quen tentamos mudar o sistema para construír algo distinto e mellor, sexamos nacionalistas, comunistas, ou de calquera outro “ista” moi respectábel, nunca debemos desprezar ao inimigo, e debemos sempre estudar os seus movementos. Ao tempo precisamos ter ollos e ouvidos abertos a todas as novidades, para mellorar sempre que sexa posíbel a nosa actuación na sociedade e a nosa toma de decisións.

En tempos de recesión a resistencia é fundamental, quen resiste hoxe avanzará mañá; e os motores desa resistencia son o compromiso militante das persoas que están dispostas a seguir traballando e non se deixan levar por cantos de serea, e as organizacións que engraxadas e melloradas son quen de manterse a pe firme.

O Día da Patria 2019 foi un grande éxito de participación e o Festigal un espazo de confraternidade e irmandade; pero detrás da manifestación e dos actos da tarde hai moita militancia nacionalista, persoas que con firmeza foron e son quen de manter izada a bandeira azul e branca coa estrela vermella da liberación nacional. Un traballo que non se ve, e unhas persoas anónimas que non forman parte nin do Consello Nacional nin da Executiva, pero que son o motor do BNG.