Tempo de compromiso con Galiza
Hai decepción e mesmo resignación social. Tamén hai contestación e mesmo disposición ao compromiso. A pasada folga xeral en Galiza deixounos un novo exemplo nas importantes manifestacións do sindicalismo nacionalista. Ten que haber esperanza, confianza na sociedade, na política como a súa expresión democrática fronte a poderes económicos que condicionan todo na nosa vida sen pedir permiso. Confianza e compromiso con Galiza.
Sabemos das políticas do Partido Popular. Os orzamentos do goberno de Feixóo, xemelgos dos españois, cargan contra os servizos públicos básicos como sanidade e ensino e reducen o investimento no sistema produtivo e nas infraestruturas. Non mellorarán a economía e deixarannos sen parte das conquistas sociais que nos foron facendo a todos algo máis iguais á marxe do que carguemos na carteira. Quen ía solucionar a crise en 45 días conseguiu 40.000 parados/as máis desde que goberna. Dá xenio vivir nun país con ben poucas voces imparciais que, con datos contrastados, desmintan a un presidente que afirme con solemnidade que reduciu o paro na súa etapa de goberno. Voces das que contan co privilexio da tribuna mediática, claro. A incompetencia da Xunta de Feixóo é xa un clamor recoñecido. El mesmo recoñece carecer de competencias, ao tempo que renega de demandalas, escorna contra quen o fai noutras latitudes e foxe dun cambio no sistema de financiamento a todas luces máis conveniente. Incompetencia demostrada e confesada.
Mais está a ser clamor tamén a incapacidade, a decepción con aquela imaxe inicial de eficacia e eficiencia, de cualidades e excelencias xestoras. Polo momento sectores do empresariado galego recoñecen a eficiencia, aquí si, do novo secretario estatal de finanzas do PP. Macroconcursos da Xunta para macroempresas estatais e/ou multinacionais, que alonxan ás empresas autóctonas de participar nunha distribución do gasto público beneficioso para o tecido económico produtivo galego, para o emprego, para saír da crise. Con Xerais á vista tamén nisto a prioridade é España, non Galiza. "Non fan nada, ten moi mal equipo", afirman algúns certificando o indulto presidencial. Pouco tardarán en velo como outra vaca no millo. Tempo e acción. Non semella xa Galiza un taboeiro político no que saltar de oca en oca até a xubilación.
No Estado o PP marcou a axenda do PSOE. Unha por unha. Da 'España plural', ao 'cierra España' con Tribunal Constitucional incluído (haberá que revisar as verdadeiras intencións da división de poderes dos revolucionarios franceses, poñendo no seu sitio a unha xustiza afincada no antigo réxime fronte aos desexos de evolución da sociedade). De 'salvar aos desfavorecidos da crise', ás reformas neoliberais. Das políticas sociais, a reducir o déficit con recortes sociais. Non sigo. Veremos o resultado das alteracións ministeriais en Exteriores e Igualdade, outras dúas bestas negras do PP. En España non existe a tradición alemana da "gran coalición". En Euskadi haina sen tradición. Mais, onde viron vostedes que goberne a oposición? O bucle do bipartidismo estatal converte en decepcionante ao Estado español para moitos sectores da sociedade. A cousa vén de vello, mais o momento é propicio para constatar a evidencia do verdadeiro carácter centralista e sistémico da xenética do Estado español, cando menos na súa versión imperante representada politicamente hoxe con formas, procedencias e tonas distintas por PP e PSOE.
Non salvará a Zapatero o continuísmo puro e duro adobándoo cun cambio cosmético de goberno. Nin colgando vacas sagradas no parachoques dianteiro. Polo momento o decreto do carbón axudounos a constatar de boca de Pachi Vázquez a contradición entre ser galego e ser socialista (do PSOE, enténdase), é dicir, a falta de harmonía das dúas condicións no seu partido. Tamén nos axuda a comprobar por enésima vez que Galiza nunca está nas prioridades de España. Meirama e As Pontes, como foron outras zonas de Galiza noutros sectores produtivos, sacrifícanse en beneficio da minería de carbón de Asturias e León, como foron beneficiados outros sectores noutras partes do Estado. É o interese xeral do Estado. Que mágoa que nunca pase por Galiza.
En fin. Que aquí segue o BNG. E, por compromiso e coherencia, outravolta centro de miradas. De quen sempre nos mirou, de quen mirou e ignorou un tempo e de quen mira por vez primeira. A virtude do surfista non está só en dar coa boa onda, está na habilidade para collela no braceo, no chimpo para poñerse en pé, en manter o equilibrio no traxecto e en direccionar a táboa como mellor conveña. Mesmo en dominar a caída. Por descontado, esta última deixou de destacar entre os nosos saberes. Hai experiencia e capacidade para render nas demais habilidades. E a nosa nación ben precisa do noso compromiso. Porque só coa onda non chega.