Temos que salvarnos nos mesmos; o pobo traballador

Tomo prestado este anaco da Internacional xa que o considero moi acaído nos tempos que andamos. Estoume a referir a resposta que debería darse como consecuencia do proceso de recortes laborais e sociais que esta poñendo en práctica o Goberno español. Nunca sucedeu que un proceso destas características e, sobre todo, con esta dimensión non tivera unha masiva contestación social. Non hai xustificación de ningún tipo, agás o sometemento aos máis poderosos para proceder dun xeito contundente na eliminación de conquistas sociais acadadas con moito esforzo e entrega de moitas persoas ao longo do tempo.
Como se pode explicar se non a rapidez, a profundidade e a extensión destas reformas baixo o paraugas de enxugar o déficit público?. Que ten que ver a negociación colectiva e a súa recentralización coa débeda pública?. É que os mercados así o demandan, esta é a explicación que recibimos mais, quen son os mercados?. Pois nin máis nin menos que as grandes transnacionais, a banca e os especuladores financeiros que, coa colaboración implícita dos gobernos de quenda, provocaron a crise para ter máis poder e gañar máis e non queren desaproveitar esta oportunidade para dar o asalto definitivo aos servizos públicos e as conquistas sociais.
A explicación máis convincente recibímola por parte do secretario xeral da Asociación Española da Banca a fins do ano pasado, cando manifestaba que "a pesar das dificultades do entorno económico e financeiro, os bancos españois xeraron beneficios e manteñen unha rendibilidade positiva". Máis de 11.000 M€ foron as ganancias da banca española ate setembro do ano pasado e a previsión é de que seguira con beneficios no ano que estamos. O asalto á sociedade do benestar esta servido, máis faltaba uns dos botíns principais; o fondo de reserva para as pensións de máis de 64.000 millóns de euros.
Un bo número de institucións veñen dende fai tempo alarmando á cidadanía baixo o argumento de que vaise producir un estrangulamento no sistema público das pensións en función da evolución demográfica e, polo tanto, hai que reducilas dando como alternativa os sistemas privados de capitalización. Bancos e caixas, consultoras ben pagas por grandes empresas, economistas ao uso, etc.. teñen publicado, cada certo tempo, informes alertando do colapso das pensións, mais a realidade é que o fondo de reserva tense incrementado
Xa non é a primeira vez que intentan tomar as pensións, pero agora están no mellor momento e contan coa colaboración absoluta non so dos grandes partidos, senón tamén da patronal e das centrais sindicais españolas. O obxectivo é moi claro; transferir as rendas dos traballadores aos bancos, inclusive o seguro do futuro como son as pensións.
O principal problema do sistema público de pensións é a falla de ingresos e, polo tanto, o desemprego e a precarización do traballo. Polo tanto, o que hai que facer é enfrontar o problema do paro xerando emprego e que este sexa de calidade. A reforma das pensión so ten un único obxectivo; abaratalas e subscribir fondos de pensións privados, como pasou na reforma propiciada polo Pacto de Toledo no 1995, que supuxo unha rebaixa de entre un 15 e un 20% das que se viñan cobrando e o incremento dos plans privados. E tamén que as consecuencias repercuten de xeito distinto tanto nos territorios como nas persoas traballadoras. Así debemos ter en conta que Galiza tiña a pensión media máis baixa do Estado no ano 2009, xa que estaba en 645,94 € fronte aos 772,57 €, un 19,6% menos, incrementándose a distancia no ano pasado.
Máis, tamén, o que agora compre é dar unha resposta a tamaña agresión e recoller o malestar e a rabia contida de moitos traballadores e traballadoras que, a pesares da súa precariedade laboral, non saben como expresala pero que necesitan unha referencia e unha oportunidade para mostrar o seu descontento; que non están sos e que queren expresar o seu convencemento de que as cousas pódense facer doutro xeito; que os dereitos se conquistan e non se mendigan; que debemos lembrar que para chegar aos que hoxe temos moitas persoas sacrificaron ás súas vidas; que con resignación non se defenden os logros laborais e as conquistas sociais.
Chegados a estas alturas, cecais sexa mellor acudir á frase dunha das persoas máis ricas do mundo, Warren Buffet, que manifestou que "existe a loita de clases, por suposto, pero é a miña clase, a clase dos ricos, a que esta facendo a guerra, e a estamos gañando". A claridade da exposición non deixa lugar a interpretacións, polo que compre constancia e firmeza na defensa do actual sistema público de pensións. Pero parece ser que non todos o teñen claro, pois mentres PP e PSOE comparten os recortes, as centrais sindicais españolas non mobilizan e amortecen o descontento, avalando as posturas do Goberno español e manténdose nunha actitude de submisión e colaboración. Por iso non é casual que so o nacionalismo galego, debido a súa composición social, sexa quen de representar esa alternativa demandada pola inmensa maioría da sociedade; como proxecto comprometido coa nosa nación, coas clases populares, como proxecto transformador nacional e social representa a vangarda na loita contra os retrocesos nos dereitos e as desigualdades sociais. Por iso so o nacionalismo convoca unha folga xeral contra o recorte das pensións convencidos de que hai argumentos máis que suficientes e parar as intencións do Goberno español, dos partidos españois, da patronal e da banca. Do éxito desta convocatoria esta, en boa parte, o resultado final polo que debemos esforzámonos en estender a convocatoria e achegar as razóns a aqueles que coa submisión e a entrega entenden que non hai outro xeito de actuar.