Temos dereito a unha actividade física xeneralizada?

Temos dereito a unha actividade física xeneralizada?

Desde hai moito tempo falar de deporte non só é unha faceta de ocio da sociedade senón que representa unha condición de mellora da calidade de vida da poboación. Distintos organismos públicos a nivel internacional están facendo fincapé na necesidade da práctica deportiva para mellorar hábitos de saúde, polo que incide de forma moi notoria na calidade de vida. É dicir, a súa practica habitual nas distintas capas da sociedade (nenas e nenos, persoas de avanzada idade,...) conleva aforros inxentes de gastos sanitarios, pois ataca moitas das patoloxías a cotío presentes nas formas de vida actuais, sedentarismo e hábitos alimentares perxudiciais. Saúde preventiva.

Todos estes factores enormente positivos da actividade deportiva choca co marco xurídico actual, no ámbito educativo, pois a reducción de horas nos centros de ensino para a educación física están en clara contradicción coas recomendacións de organismos internacionais, onde se fai fincapé na recomendación progresiva da práctica do deporte e a actividade física regulada nas distintas fases da etapa escolar: infantil, primaria, secundaria e universitaria.

Xeneralización da actividade deportiva

Cómpre, sen dúbida algunha, incrementar os ratios da participación da actividade deportiva a toda a poboación galega. É un dereito que debe atopar acougo organizativo e unha infraestructura axeitada, próxima as usuarias e usuarios nos distintos concellos, tendo en conta as características de cada lugar: litoral, rural, vilas, cidades, barrios, parroquias,... cunha actividade deportiva que non poida chocar con marxinacións de carácter económico, xénero, minusvalías físicas ou psíquicas...

Deporte como xerador de identificación colectiva e da identidade como país

Foi analizado de distintas perspectivas o deporte como amplo xerador de posturas colectivas e vertebrador social en concellos, parroquias, barrios... que viabilizan xeitos solidarios de relación e fomentan interconexión de vencellos sociais, aínda en momentos de crise ou choque (guerras). Intercambio de experiencias entre colectivos de diversa condición e a organización de competicións regradas e con amplo tecido asociativo. Outra compoñente de enorme importancia é a referida á identidade nacional, a través da participación das seleccións nacionais, como garantes da representatividade colectiva e a súa implicación na autoestima nacional. O goberno actual do PP da Xunta de Galiza, fuxe deste papel como un "gato escaldado", as seleccións galegas fican nun segundo plano e nalgún caso -as de fútbol- anuladas. Por que será?... Outra característica será o fomento dos deportes autóctonos pola súa recuperación, e noutros casos apoio organizativo en modalidades de forte implantación.

É compatíbel a práctica deportiva saudábel e a competición?

Hai dous factores en xogo, como en toda actividade humana, que conleva fortes tensións e contradiccións, o desenvolvimento da práctica deportiva xeralizada e a concepción do deporte igual a competición, pura e dura, dende idades moi temperás, coa conseguinte concepción elitista, en función das capacidades individuais, eliminando o elemento integrador, independentemente das aptitudes, que conleva factores positivos de autoestima e papel socializador das nenas e nenos. Todo vale co fin de que "a nosa equipa acade os trunfos na competición", pouco importa as persoas que fican no camiño e, polo tanto, se lles furta a posibilidade de compartir unha actividade que lles aportaría, sen dúbida algunha, fortes experiencias no plano persoal e colectivo, como xeito de marcar a súa personalidade e madurar na percepción dos resultados, tanto positivos ou negativos -victorias/derrotas-, como unha formidábel ensinanza na aceptación dos resultados e comprensión dos regulamentos, reglas, etc..., das competicións deportivas.

Mención aparte, pola enorme transgresión que supón, o deporte espectáculo exarcebado, que desgraciadamente moitos medios de comunicación todo o invaden e terxiversan, chegando a asulagar, dun xeito premeditado e sistemático, o deporte de alta competición como narcótico social, máis en tempos de crise sistémica, onde é utilizado de forma abafante para desviar atencións principais colectivas. A escala de valores neste eido é fortemente alterada, na mercantilización das e dos deportistas co fin último de establecer modelos de "trunfadores ou trunfadoras"...

A loita pola igualdade de xénero no deporte acada unha tarefa de primeira orde

É ilustrativa a radiografía, non hai moito tempo, da práctica deportiva era maioritaria exclusiva dos homes -lembremos na dictadura franquista a marxinación radical da participación das mulleres-; nestes últimos anos desde posicións gubernativas municipais, nomeadamente nacionalistas -verbigracia, o Concello de Vigo, "Premio Nacional do Deporte ano 2009" do Consejo Superior de Deportes CSD, e no último goberno bipartito da Xunta de Galiza, baixo a dirección nacionalista, o esforzo pola participación deportiva das mulleres nas distintas idades, como a estimación paritaria nos orzamentos e importancia acadada, fronte a escandalosa discriminación que representaba anteriormente para as deportistas (premios, becas, seleccións nacionais femininas,...).

Cómpre destacar a incorporación paulatina de mulleres, nun grande número, de avanzada idade na actividade física, nun plano moi activo e reivindicativo perante as diversas institucións, co fin de que oferten servizos axeitados para a práctica deportiva, infraestructura -piscinas, etc...- e persoal cualificado.

O tecido asociativo que soporta a actividade deportiva na actualidad.

Hoxe o peso onde gravita o tecido asociativo é o numeroso número de persoas que dun xeito desinteresado, solidario, sacrificando moitas horas do seu ocio persoal, fican entregadas a labores de intendencia deportiva nos clubes, asociacións, federacións,... feito que a medio prazo teríase que ir reforzando con profesionais, no eido administrativo e da educación física, para garantir unha mellor e sistemática planificación deportiva. Nestes momentos de crise económica e desvertebración social, non é tarefa menor este obxectivo, pois axudaría á cohesión social e priorización de metas, sempre que nas institucionais gubernativas fiquen de inquilinos políticas alleas ás concepcións privatizadoras e fortemente elitistas e mercantilistas.