Taxas universitarias, máis un chanzo cara á desigualdade

Taxas universitarias, máis un chanzo cara á desigualdade

Podemos ler nestes días no número un do semanario Sermos Galiza uns datos estarrecedores con respecto á situación de empobrecemento das familias galegas: un 47,6% recoñecen chegar a final de mes con moita ou bastante dificultade, reducindo gastos en roupa, calzado ou transporte para poder facer fronte aos recibos de obrigado pagamento. Neste contexto socioeconómico o Estado promulga un RD-Lei para, a través de recortes e medidas recadadoras, introducir mecanismos de “racionalidade e eficiencia” no sistema educativo, ou o que é o mesmo, recadar tres mil millóns de euros a cambio de recortar servizos e incrementar prezos públicos (Olla por onde aparecen os euros para pagar os intereses dos cen mil millóns entregados aos bancos)

Fronte a isto, a comunidade educativa galega, a través de diferentes entidades (organizacións sindicais, ANPAS, movementos de renovación pedagóxica, organizacións estudantís, organizacións xuvenís, partidos políticos, etc.) organizouse nunha Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público para mostrar publicamente o rexeitamento ao RD-Lei 14/2012, promulgado polo goberno do estado, e esixir da Consellaría de Educación a non aplicación na Galiza de ningún dos recortes contidos nesa norma. Ao mesmo tempo demandaba da Xunta que iniciase o proceso para a presentación dun recurso de inconstitucionalidade por invadir competencias, constituíndo a suba das taxas universitarias un dos aspectos onde é máis evidente esta intromisión do Estado. (Outras Comunidades, menos obedientes, si anunciaron a presentación deste recurso)

Coincidindo coas diferentes mobilizacións que se sucederon, a Consellaría de Educación e o propio Presidente da Xunta fartáronse de aseverar que na Galiza os prezos públicos do Sistema Universitario Galego eran os máis baixos do estado e que así continuarían sendo.

Pois resulta que non, que non era verdade, como o pon de manifesto un informe elaborado polo Observatori del sistema universitari que contradí as afirmacións anteriores, polo menos no que se refire aos prezos na Galiza seren os máis
baixos do Estado xa que non queremos desconfiar da intención do Sr. Presidente que sen dúbida pretende rebaixar as taxas para que poidan ser, efectivamente, as máis baixas. Mais mentres ese día non chega cinxámonos ao presente.

Prezos diferentes para a mesma titulación


Como é sabido, existen importantes diferenzas de prezo entre unhas universidades e outras, podendo chegar ao 80% nos mesmos estudos de grao, mais o Sistema Universitario Galego non figura, tal como no seu momento afirmou o presidente da Xunta, no derradeiro lugar da listaxe, e ás veces nin sequera entre os máis baixos, de xeito que neste mesmo curso que agora remata o informe sitúa o prezo duns estudos de grao en ciencias da saúde en 836 € na Galiza fronte aos 732 de Andalucía ou os 806 de Canarias; en humanidades 591 na Galiza fronte a 518 de Canarias).

Se nos cinxirmos á contribución que supoñen as taxas no financiamento da docencia universitaria a media do estado situase no 19,88%, sendo en Galiza do 18, 91, con datos do curso 2008-2009, o derradeiro cuantificado, e situándose por baixo de Galiza sete comunidades autónomas.

Tampouco nos prezos dos estudos de doutorado Galiza fica na derradeira posición: o prezo dunha dirección de tese de doutoramento custa na Galiza 6 veces máis do que en Euskadi.

O mesmo informe tamén establece que o que paga cada curso o estudantado dunha universidade pública no estado español só é superado por Portugal, Holanda, Italia, Irlanda e Reino Unido, e é máis do pagaría en calquera outra universidade da UE21 ao tempo que o sistema de bolsas é un dos máis febles entre os países referidos (Sirva de exemplo que o investimento en bolsas no Estado só o 0,11% do PIB (fronte ao 0,18 de media dos países OCDE), mentres que Dinamarca inviste o 20% do gasto en educación no programa de bolsas, e ademais a matrícula é gratuíta)

O estudo conclúe que os estudantes universitarios españois pagan, en media, entre o 19% e o 20% do custo dos seus estudos, nivel de contribución alto en termos comparativos con outros países da nosa área socio-política, especialmente tendo en conta a inexistencia de bolsas-salario, o modesto nivel das bolsas de estudos e a súa limitada cantidade.

Pagar para estar na elite


A entrada en vigor do RD-Lei 14/2012 supón un cambio substancial na forma de entender o establecemento do sistema de prezos, xa que, por vez primeira, remítense os prezos aos “custos de prestación do servizo”, cuestión esta que non aparece definida no RD-Lei, mais os prezos e taxas de matrícula pasan a ter que cubrir determinadas proporcións destes custos: para os estudos de grao e para os másteres que dan acceso a profesións reguladas, estas proporcións estarán comprendidas entre o 15% e o 25%, en caso de primeira matrícula, e aumentarán progresivamente en matrículas ulteriores, até cubrir a totalidade dos custos en caso de cuarta matrícula. Noutros tipos de másteres os prezos cubrirán unha proporción maior dos custos: entre o 40% e o 50%.

É obvio que a pretensión é achegar o prezo das matrículas ao existente nas universidades privadas e impedir que as universidades públicas continúen a cumprir o papel de inclusión e igualdade social.

Resulta evidente que a adopción destas medidas responde a opcións políticas perfectamente deseñadas, que o motivo real non é “introducir elementos de racionalidade e eficiencia” nin “cumprir cumprir co compromiso de redución do déficit” como se di no citado RD-Lei, e non se corresponde cunha saída circunstancial motivada pola “crise”. Noutros países -como é o caso de Alemaña, cuxo modelo educativo no ensino secundario é tan admirado polo Partido Popular- a opción elixida foi aplicar a gratuidade no acceso á universidade para así potenciar o alcance da educación Universitaria.

E mentres tanto, a Xunta de Galiza a colaborar e a ollar para outro lado, o lado da privatización, da exclusión social e de que cada quen pague o seu. E entre todos, pagamos o dos bancos, que por algo os estudos superiores se presentan como, outro, dos grandes negocios da banca.