Tamén a choiva
A película de Iciar Bollaín é excepcional pola perfecta fusión que fai a directora da loita contra colonización imperial do século XV coa do século XXI, amosándonos que poucas cousas cambiaron nos últimos 500 anos: antes era o ouro, hoxe son produtos básicos como a auga ou os alimentos de primeira necesidade os que están en xogo, e os que cotizan en bolsa.
Este é o título da última película de Iciar Bollaín. Ambientada en Bolivia, no ano 2000, en plena guerra da auga, unha equipa de cine desprázase até este país para rodar unha película sobre a colonización americana por parte do daquela imperio español.
Malia que o final é moi ao estilo Hollywood -seguramente por iso, foi nominada para participar nos Oscar's-, a película é excepcional pola perfecta fusión que fai a directora da loita contra colonización imperial do século XV coa do século XXI, amosándonos que poucas cousas cambiaron nos últimos 500 anos: antes era o ouro, hoxe son produtos básicos como a auga ou os alimentos de primeira necesidade os que están en xogo, e os que cotizan en bolsa. Ao mesmo tempo ensínanos, -por se alguén o tiña xa esquecido-, que só a través da mobilización social se poden reverter unha situación inxusta e perversa, unha lección que vén moi acaida para os tempos convulsos que estamos a vivir, onde os mercados, o novo imperio do século XXI, son os que ditan as normas.
Como dixen, a historia da película desenvólvese durante a guerra da auga, un conflito social importante levado a cabo pola comunidade indíxena deste país americano, que foi o preludio da vitoria electoral de Evo Morales. Este conflito xurdiu pola privatización da auga, -mesmo a auga da choiva (de aí o título da película)-, por parte do goberno boliviano a grandes empresas con intereses globais, o que trouxo aparellado unha suba desproporcionada do prezo da auga, inasumíbel para a meirande parte da poboación deste país.
Nos últimos meses a sociedade galega está a soportar, con certo estoicismo, contrarreformas varias. O Goberno Central do PSOE, conxelou pensións, conxelou e diminuíu os soldos dos funcionarios, privatizou servizos públicos, reformou a lexislación laboral implantando na práctica o despido libre con cargo ao erario público, de acordo co PP privatizarán as caixas de aforros, retirou o subsidio de 426 € aos parados, subiu os impostos indirectos, e a guinda é a reforma das pensións, que suporá que teremos que traballar máis anos para ter unha pensión inferior á que cobraríamos hoxe.
Hai motivos abondo para saír á rúa o 27 de xaneiro. Como os bolivianos, que se mobilizaron en 2000 fronte á privatización dun ben esencial para a vida como é a auga, ou máis recentemente, lograron que o goberno de Evo Morales recuara a subida do 20% do prezo dos carburantes, a sociedade galega ten a oportunidade de reverter unhas medidas que non só están a acentuar a crise, senón está a prexudicar o benestar e o futuro de miles de galegos e galegas.
A resposta desde logo ten que ser contundente, non só fronte ao Goberno Central do PSOE, senón tamén fronte ao Goberno do PP na Xunta de Galiza, que ten asumido con fe cega e entusiasmo os recortes orzamentarios recomendados por Bruxelas e Madrid, con subidas de impostos incluída, iso sen contar os ataques contra a nosa cultura e o noso idioma que leva perpetrado o goberno de Feijóo.
Como dixen o 27 de xaneiro temos unha nova oportunidade para darlle a volta a unha situación económica e social que se complica por momentos. Ou freamos a deriva neoliberal do PSOE e o PP ou acabaremos, igual que en Bolivia, vendo como nos privatizan a auga, mesmo, a auga da choiva; desde logo os primeiros pasos xa os dou o PP coa Lei de Augas.
Galiza non é Bolivia, pero podería selo, para o bo e o malo.