Submisos e nus


A divulgación por Wikileaks de máis de 250.000 documentos secretos dos Estados Unidos, após as revelacións que xa foran feitas sobre os crimes de guerra cometidos en Iraq e no Afganistán, está a converterse nun escándalo internacional e nunha fonte de descrédito para a diplomacia norteamericana. Os papeis coñecidos retratan o amo, mais tamén os vasalos. Non é de desprezar a relevancia da publicación destas informacións na medida en que poidan contribuír para a clarificación ideolóxica sobre os modos e maneiras en que actúa o imperialismo, mais é preciso contextualizalas.

Lendo estes días a imprensa, parece que as filtracións de Wikileaks veñen a descubrir unha realidade descoñecida sobre o comportamento dos Estados Unidos como grande potencia imperialista e a súa estratexia de dominación. Na verdade sobre isto non achega nada que non estivese amplamente analizado desde o pensamento marxista e por organizacións anti-imperialistas e de esquerda en todo o mundo. No entanto, as filtracións viñeron pór moita cousa ao descuberto, para alén de evidenciar a prepotencia e o desprezo que mesmo en relación aos estados considerados "amigos" mostran os procónsules do imperio.

O interese está, á partida, no feito de que a estratexia de dominación mundial dos EUA, tantas veces denunciada polos movementos populares e anti-imperialistas, así como a estrutura hierárquica das relacións internacionais e o sometemento aos intereses estratéxicos -quer políticos, quer económicos- de Washington, fica agora ao descuberto, diante dos ollos do grande público. E, aliás, non por boca dos críticos, mais da man dos propios actores. Tamén radica en coñecermos de primeira man os métodos empregados, confirmando que o imperio non para en barras con tal de lograr os seus obxectivos.

Neste sentido é especialmente significativa a revelación de espionaxe á ONU e ao seu secretario xeral, e iso a pesar de sabermos amplamente confirmado na práctica o papel compracente, cando non servil, que as Nacións Unidas xogan nos momentos en que se deciden asuntos chave para os EUA. Pensemos senón na xustificación da invasión do Iraq ou na absoluta permisividade face ás actuacións ilegais e incumprimentos de Israel nos últimos 60 anos.

Porén, todo isto tamén non dá para sermos especialmente optimistas canto aos efectos que poida ter nunha hipotética mudanza nas relacións internacionais. Non hai medo. Desde ese punto de vista non pasou nada irremediábel, nada que non se poida resolver con algunhas xestións diplomáticas e sobre todo, coa melloría da seguranza nos sistemas de comunicacións para o futuro.

Primeiro, porque estamos a falar de comunicacións diplomáticas, que revelan unha parte moi pequena, apenas a punta do iceberg, quer do comportamento e dos obxectivos de dominación dos Estados Unidos, quer das verdadeiras motivacións que fican por detrás das decisións que chegamos a coñecer.

En segundo lugar, mesmo polo tratamento que están a recibir os documentos filtrados por parte dos medios que os divulgan. Algunhas pasaxes especialmente comprometidas foron "depuradas", seica "por responsabilidade" polos xornais aos que Wikileaks entregou a información. Para alén diso, semella en moitos casos haber máis interese polo anecdótico que polo realmente significativo. Algúns medios prestan máis espazo aos relatos sobre o bótox, enfermeiras ucranianas, orxías, megalomanías, etc. que ás manobras e interferencias políticas do USA en terceiros países ou mesmo á evidencia de falsidades que sustentan importantes decisións internacionais.

No caso do Estado Español, as revelacións de Wikileaks, retratan un goberno absolutamente submiso aos Estados Unidos, que se sente á vontade no papel de vasalo. Lonxe fican actitudes de oposición á guerra e xestos de firmeza face ás barra e estrelas, que puideron na época valer moitos votos progresistas. Agora toca colaborar dilixentemente -tamén na guerra: aí está Afganistán- mesmo se iso supón tentar torcer decisións dos xuíces e interferir na tan cacarexada "independencia" do poder xudicial. Mesmo se iso supón negar o dereito á xustiza a cidadáns do estado español impunemente asasinados (Xosé Couso en Iraq, Baby Hamday Buyema no Sahara). Mesmo se supón fechar os ollos perante a sistemática violación dos dereitos humanos (voos da CIA, Guantánamo, máis unha vez o Sahara).

Aliás, este retrato en preto e branco vén completar unha imaxe núa de submisión que xa nos ofreceran outras fotografías anteriores. A crise deixou a ceo aberto quen manda na realidade nos estados, por caso no Estado Español. Toda a cidadanía puido ver un presidente do goberno que anuncia duras medidas de cortes salariais e sociais horas após de ser feita pública a recomendación polo FMI e recibir unha chamada da Casa Branca. E aínda hai apenas uns días, máis unha vez, vimos un presidente do Goberno que presenta un novo pacote de medidas de cortes sociais e privatizacións a "pedido" (nada amábel, por certo) dos mercados.

Todo isto colócanos diante da ficción da soberanía. Non estou a falar, claro é, da soberanía que reclamamos para Nós, mais daquela que outros proclaman como principio xurídico e dogma de fe, precisamente para negarnos e para negar os nosos dereitos: "A soberanía nacional reside no pobo español, do que emanan os poderes do estado" (art. 2). Unha soberanía que se cede con gusto fronte aos poderosos, máis da que non é posíbel prescindir, nin sequera partillar no mínimo, se se tratar de dar satisfacción ás aspiracións de autogoberno do pobos que facemos parte estado. Exemplo ben clarificador o do aeroporto do Prat. Negativa rotunda, casus belli, a transferilo á Generalitat de Catalunya, mais non se dubida en entregalo á empresa privada. O mercado manda. E, aliás, iso non peca contra o primeiro e principal dos mandamentos: a "sagrada unidade de España".