#SosFragasdoEume, o berro da Nación

#SosFragasdoEume, o berro da Nación

O desastre medioambiental das Fragas do Eume volve a ensinarnos con total crueza a situación límite de Galiza, agravada pola incompetencia dun goberno do Partido Popular que despreza con saña o máis valioso que ten esta nación: o seu patrimonio natural e cultural.

A rabia e a impotencia que durante a fin de semana sentiron os/as galegos/as, lévannos en moitas ocasións a unha comprensíbel pero inxusta análise, ao converter as vítimas en verdurgos. E digo isto, porque cando estamos a ver como arde unha xoia natural por falta dunha boa xestión e posta en valor, tendemos a pensar que a culpa é do propio pobo ou que é froito dun destino maldito do país, que ciclicamente nos leva a sufrir catástrofes medioambientais. Non nos podemos resignar e temos que pensar que o futuro está en converter as grandes potencialidades do país en riqueza.

As Fragas do Eume foron declaradas en 1997 Parque Natural, sen que isto supuxera unha especial protección, sendo un exemplo da mala xestión do noso patrimonio natural, que tamén se dá noutras reservas naturais do país.

A unha liña de alta tensión ou á plantación de eucaliptos hai que engadir o permiso que o ano pasado a Xunta de Galiza concedía para a explotación dunha mina de andalucita a ceo aberto, no límite mesmo do parque, lugar no que, curiosamente, comezou o incendio. As Fragas do Eume son unha xoia natural non só porque se manteñen como tal desde a idade media, senón tamén porque acollen moita fauna e flora ameazadas. Este bosque atlántico situado ao nivel do mar, consegue ter unhas condicións climáticas que fan que fauna e flora desaparecidas noutro lugares do planeta aquí se manteña. Por iso non é esaxerado dicer que este incendio pode ser comparábel coa destrución das Murallas romanas de Lugo, da Torre de Hércules ou do Pórtico da gloria.

Mais que en Galiza as catástrofes medioambientais sexan un feito case cíclico e agardado non é casualidade. O noso país concentra tal patrimonio ambiental desprotexido que isto volverá a ocorrer tarde ou cedo en calquera outro lugar, pois ademais, estes espazos forman parte dun medio rural cada día máis desertizado e que sen apoio institucional non se vai revitalizar. E esta posta en valor do medio rural non é só fundamental para que Galiza non desaparezca medioambientalmente, senón tamén desde o ponto de vista económico. Promover unha economía produtiva, pasa por fixar xente moza no rural, que poida vivir dignamente do traballo agrario. Isto, coa posta en valor do noso patrimonio natural e cultural, é o único xeito de que o noso país poida saír do furado de pobreza capitalista.

Este incendio prodúcese ademais nun momento no que a Xunta de Galiza recortou 20 millóns de € o orzamento de prevención dos lumes ou 7 millóns nos traballos de extinción, como vén denunciando o BNG desde hai meses. Ademais, os efectos do cambio climático fixeron que neste ano o inverno fora o máis seco desde que temos dados metereolóxicos do país.

A opacidade á hora de informar sobre o que estaba a suceder nas Fragas do Eume por parte da Xunta, a falta de previsión e a descoordenación nos traballos de extinción levou a miles de galegos/as a saír ás rúas do país, para pedir responsabilidades políticas, diante dunha nova catástrofe natural, da que aínda non coñecemos dados das súas consecuencias nin tan sequera das hectáreas afectadas, polo escurantismo co que o PP xestionou a crise.

Só ás redes sociais, que durante a tarde do sábado converteron en trending topic #SosFragasdoEume, informaron do que estaba a suceder. A CRTVG, como sempre, ao servizo do país, atendía as procesións e a festa da ostra.