SOPA para todos
Os Estados Unidos ao longo da súa historia desenvolveron unha política moi agresiva para manter os seus intereses económicos e xeoestratéxicos en calquera parte do mundo. América do Sur, África, Asia, Oriente e mesmo Europa, forman parte do mapa de operacións do Imperio para impor o seu dominio e evitar a toda costa o rexurdimento de calquera outra potencia que lle faga sombra. Un dominio construído, na maioría dos casos, con violencia, cun enorme custe en vidas humanas e en bens materiais, que é xustificado a través dunha potente industria cultural e do entretemento e dun abafante control dos principais medios de comunicación, que espallan urbi et orbi, as súas consignas favorábeis ao Imperio e as pertinentes xustificacións destas agresións.
Se xa é grande a omnipresencia da cultura americana antes da irrupción de internet nas nosas vidas, sobre todo en estados onde as políticas neste eido son bastante laxas e proclives aos intereses do Imperio, por exemplo no Estado Español, co espallamento do uso das tecnoloxías de P2P e outras semellantes que permiten o intercambio de ficheiros entre os internautas, o dominio da industria cultural americana é absoluto tamén neste eido.
Para seguir engordando as contas de resultados da industria do entretemento americano, os lobbies en Washington están presionando duramente para que se aprobe a lei SOPA (Stop Online Piracy Act), concibida en principio para frear a pirataría de produtos de entretemento na internet, e para protexer a propiedade intelectual.
,Aínda que é unha lei elaborada en Estados Unidos, malia o que poida parecer, de aprobarse, tería un alcance global, á imaxe da súas campañas bélicas esparexidas polo mundo enteiro para salvagardar os seus intereses. Neste ocasión, sen embargo, non teñen necesidade de depregar a súa incríbel maquinaria bélica, basta cun simple computador para levar a cabo esta guerra incruenta, na que a vítima principal sería a liberdade de expresión.
Neste sentido, o primeiro obxectivo do Imperio, de aprobarse a lei SOPA, sería sen dúbida Wikileaks, espazo web que filtrou documentos segredos de varios países, entre eles os Estados Unidos, uns documentos protexidos todos eles pola propiedade intelectual, e que revelaron múltiples e aberrantes violacións dos dereitos humanos en Afganistán e Irak, principalmente.
Pero tamén, servizos de blogues como Wordpress e Blogger, redes sociais como Twitter ou Facebook ou a mesmo a Wikipedia e Google tamén estarían na diana da lei SOPA, xa que calquera destes servizos que conteña unha ligazón a un contido protexido, podería pechar todo o servizo para todos os usuarios e usuarias.
Ademais, como Imperio que son, tal e como nos teñen acostumados, os Estados Unidos atribuiranse a xurisdición sobre os dominios .com .net e .org que empregan miles de páxinas web en todo o mundo, entre elas a páxina do BNG ou a do Terra e Tempo, polo simple feito de colgar imaxes, vídeos ou texto con dereitos de autor, que non estiveran debidamente autorizados.
Desenganémonos, a lei SOPA non é para protexer os dereitos de autor, nin unha lei anti-pirataría, como acaba de demostrar hai uns días o peche por parte do FBI dos servidores de Megaupload, que non necesitaron desta lei para actuar contra un presunto delito; ao contrario, o que se busca con esta lei é amordazar aínda máis os escasos nichos de opinión e coñecemento libre que nos quedan.