Soñar Galiza

Que alguén soñe o meu país o seu lugar
Que alguén o soñe que se atreva


Ana Romaní


O 24-M deixou á vista unha mudanza relevante nas tendencias electorais. Pontevedra, Carballo, Tomiño, Ribadeo, Carnota, Vimianzo, Allariz, Ribadeo, Pobra do Brollón... son mostras de que os concellos con alcaldías nacionalistas teñen capacidade para consolidar proxectos transformadores. Son exemplos de boas prácticas e espello no que ollar unha Galiza próspera. Porén, tamén existen motivos para estarmos preocupadas. Os casos de Vigo ou Ourense deben motivar unha profunda reflexión, se ben teño a seguridade de que influíron casuísticas locais. Cómpre sermos cautas á hora de dar traslado deste resultado a outros procesos electorais. Lembremos, no ano 1999 o PP só acadou a alcaldía de Ourense, e en tres cidades había alcaldes nacionalistas, mais esta tendencia non se trasladou mimeticamente nas xerais e galegas. Con todo, é certo que asistimos a mudanzas no sistema de partidos e no comportamento electoral. Coido necesario ler con atención os cambios que se teñen producido e actuar en consecuencia.

Neste novo escenario o resultado do BNG é digno nos datos globais e se temos en conta a historia recente da organización. Mais tendo isto presente, deixa un resultado profundamente insatisfactorio. Vaia por diante, non creo que esteamos ante problema individual de persoas que se solucione con dimisións. Acredito máis na tese dun problema colectivo que debemos encarar deste xeito, entre todas e todos, desde a unidade e con vocación de avanzar. O 24-M constata unha base nacionalista moi fraxilizada, debilitada e dividida. Unha situación que debe motivar cambios. Debemos recoller a mensaxe e adoptar cambios audaces para recuperar apoios, emocións e esperanzas. Nese camiño estamos.

Neste último mes o BNG reaxiu e puxo sobre a mesa unha proposta de futuro: conformar unha candidatura nacional galega. Unha candidatura que teña o seu centro de decisión na Galiza e que nos sitúe a no debate político estatal. Unha candidatura que integre a todos e todas as persoas e organizacións que estean dispostas a rachar coa nosa dependencia e actuar priorizando os intereses colectivos do pobo galego. Non falamos dunha abstracción ou capricho, senón da necesidade de dar continuidade a voces propias que defendan os nosos lexítimos intereses.

Defender os intereses de Galiza é un acto en defensa dun mundo igualitario e xusto, fronte un centralismo antidemocrático e unha UE ao servizo da ditadura dos mercados. Pensemos por exemplo no sector naval. Un claro exemplo de como o Estado privilexiou aos estaleiros andaluces en detrimento dos galegos. Todas as forzas estatais estiveron de acordo neste deseño, a única voz discordante foi a do BNG. Sector enerxético. O centralismo impide que nos beneficiemos colectivamente da producción de electricidade. É evidente que só desde unha posición que defenda os intereses de Galiza poderemos avanzar e concretar unha tarifa eléctrica galega que abarate o custe da electricidade na Galiza. Ou así poderiamos seguir falando de pesca, agro, ferrocarril... Mais mesmo nun futuro marco de reforma do marco constitucional é evidente que só a ruptura do sucursalismo pode evitar que Galiza repita os erros e discriminacións da fallida transición.

O tempo dirá cal é o interese do resto de persoas e forzas que se definen como nacionalistas, galeguistas ou simplemente non sucursalistas. Agardo altura de miras e xenerosidade, e sobre todo non repetir erros do pasado. As experiencias históricas constatan o fracaso da integración en forzas estatais. Contarmos cun proxecto galego, sen ataduras nin dirección madrileña, é chave para ter un futuro digno. Soñamos cunha Galiza próspera e libre e ninguén -ninguén!- nos vai roubar o dereito a soñar e traballar para facer realidade os nosos soños. E tal e como nos apela a poeta no verso inicial, agardo que nos atrevamos a soñar a Galiza que queremos e o seu lugar no mundo.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.