Somos soberanistas ou só o proclamamos?
O vindeiro domingo, día 15, ocuparemos as rúas de Compostela para reclamar a soberanía para a nación galega. Defender hoxe que Galicia é unha nación é algo obvio e conseguintemente ocioso, o mesmo que afirmar que toda nación leva na súa esencia a vocación de se transformar en estado, pois unha nación sen estado, caso de Galicia, non é máis ca un corpo sen capacidade autónoma, un cerebro hipnotizado que unicamente actúa por ordes externas, unha marioneta que só xesticula e se move cando un alleo tira dos fíos.
Non se pode pretender que tódolos habitantes dunha nación sexan nacionalistas. Eu fuxiría desa terra como dunha seita. As preocupacións diarias do pobo non se centran na bondade ou non do idealismo con respecto ao empirismo, nin na discusión sobre as contradicións (verba empregada abusivamente nos escritos teóricos máis ou menos marxistas) do sistema capitalista, nin no bosón de Higgs. O que realmente preocupa á xente emana da súa propia realidade, moito máis concreta e inmediata, e xira habitualmente en torno a ela; mesmo hai nacionalistas, entre os que me conto, que desexariamos non ter que selo, porque iso sería sinal de termos acadado a soberanía, de vivirmos con ela con naturalidade e de podermos ser simplemente, o que non é pouco, galegos.
Todo partido nacionalista, con independencia de que social e economicamente sexa de dereitas ou de esquerdas, ten de ser por principio soberanista. A soberanía é para un partido nacionalista o interese estratéxico prioritario e, conseguintemente, irrenunciable. O camiño para conseguila adoita ser moi longo e -a historia amosa múltiples exemplos- en ocasións moi traumático, polo que as tácticas que hai que empregar para chegar a ela serán necesariamente cambiantes en función das circunstancias de cada intre concreto. Se definir a estratexia é moi doado (a nación galega ten que devir en estado galego), acertar coas tácticas a empregar para conseguilo xa é fariña doutro costal e non sempre se ten atinado. Aínda que para algúns se convertese en estratéxica, non deixou de ser unha mera táctica encamiñada á consecución da soberanía o feito da creación do propio BNG. O que se fixo foi unha alianza como tantas que temos visto ao longo da historia, desde a Liga de Delos á do Peloponeso, a Tripla Entente, etc. Neste caso, uns partidos nacionalistas espallados polo espectro político de esquerda a dereita, pero todos eles co denominador común dun maior ou menor nacionalismo galego, deciden camiñar xuntos, en bloque, para acadar mellores resultados que os conseguidos coas forzas disgregadas.
O tacticismo non é, en si, nin bo nin malo. O mesmo que sucede coas compañías, coas sociedades limitadas, entrementres as cousas vaian ben e haxa reparto de beneficios non hai problemas; pero estes maniféstanse axiña, ata chegar á separación, non sempre amigable, cando torna e se revira a fortuna. Unha alianza táctica para conseguir algo concreto faise e, acadado o obxectivo, desfaise; mais unha alianza permanente ten un día a día tan complexo e con tan diferentes afáns que, diluíndose o interese que deu lugar á alianza, chega a se converter nun aburrido matrimonio de comenencia tan insoportable que remata rebentando na primeira ocasión. Non preciso lembrar exemplos aínda moi quentes; pero o que a min me abraia é que voces significadas do BNG, ao tempo que critican duramente a táctica que levou a algúns a abandonar a vella alianza e a facer outra nova con forzas españolistas (respondendo cumpridamente á pregunta retórica que no XII Congreso da UPG se facía o presidente Bautista Álvarez de se a apertura que reclamaban era para entrar ou para saír), sigan a clamar por unha volta ao curro dos fillos pródigos.
Tampouco entendín moi ben que no discurso do Día da Galicia Mártir, en Pontevedra, o Portavoz Nacional do BNG criticase as alianzas con forzas españolas, mentres xustificaba o tacticismo de Castelao e Bóveda, aliándose coa ORGA de Casares Quiroga, con Portela Valladares ou mesmo a alianza electoral coa Fronte Popular. Poderiamos falar das consecuencias daquelas alianzas para o PG e para o propio Bóveda; pero o que agora me admira é que, despois de xustificar isto como táctica, se engada que aliarse agora con forzas españolas é traizoar a Bóveda. El si foi traizoado por aqueles socios que non moveron un dedo para que saíse deputado por Ourense; se o fose, o Alzamento colleríao, como a Castelao, entregando o Estatuto en Madrid, e a vida sería moi distinta para el. Precisamente, na autoxustificación de Beiras para se aliar con EU dixo que estaba a facer o mesmo que Castelao, aliándose coa Fronte Popular. Tácticas.
Como dixen ao primeiro, eu tiña claro que a UPG e o BNG tiñan, desde sempre, como obxectivo estratéxico a conquista da soberanía para a nosa nación. Non sei se me desconcerta e desacouga máis este furor soberanista que semella ter entrado agora no BNG ou a súa aparente carencia durante os nefastos anos nos que pisou moqueta. Defendín daquela que o BNG debería de ter feito un pacto de lexislatura e non entrar na Xunta da man do PSOE e fun acusado de “purista”. O presidente Bautista Álvarez, no devandito discurso, dixo o mesmo e avergoñouse do voto para que os funcionarios con cargo cobrasen un plus “in aeternum”. Resultado do paso polo goberno: ninguén lembra o banco de terras, nin o concurso eólico; todo quedou, ben amplificado polo PP, en vicepresidentes que bailan con vellas e en “mojitos” en Cuba, é dicir, en caídas en vicios fraguistas; pero a Fraga todo lle acaía ben, mentres as esixencias ao nacionalismo son (e teñen de ser) moi superiores.
Perante a Guerra Civil, as forzas de esquerda empregaron dúas tácticas diferentes. Os anarquistas da CNT-FAI e o antisoviético e troskista POUM decidiron que había que facer ao mesmo tempo a guerra e a revolución, mentres os comunistas do PCE-PSUC acordaron que primeiro había que gañar a guerra, pospoñendo para despois a revolución. Tiña eu iso moi presente durante o goberno bipartito, concluíndo que o BNG estaba a facer o mesmo que os comunistas: poñámonos a gobernar o pouquiño que temos e máis para diante xa nos ocuparemos da soberanía. Non se distinguían os dous partidos gobernantes.
O que hoxe me pregunto é: Soberanía para contrarrestar as defeccións? Como se pensa convencer ao pobo que citei ao primeiro de que a soberanía lle vai servir para algo? Cando se calcula que haberá os votos suficientes para reclamala en firme? Que itinerario, que etapas se van seguir para que Madrid (si, como na República, outra vez Madrid) facilite logo a conversión da nosa nación nun estado? Toca falar de soberanía para encher un baleiro e entreter ao persoal ou hai algunha base seria?
Como non teño nada claro o anterior nin coñezo as tácticas a seguir, conformareime con estar o 15 en Santiago e volver a berrar: “Viva Galicia ceibe”.