Somos nación


Andamos novamente ás voltas co debate da denominación que Galiza debe ter no novo estatuto. Un debate, aliás, no que as intervencións de PSOE e PP teñen baixado o nivel a límites insospeitados. A última pérola que puidemos ver deixóunola o presidente da Xunta: "a cuestión non é se Galiza é ou non un verso no Estatuto", en resposta á ocorrencia dos socialistas de cualificar o noso País como "nazón de Breogán". Calquera cousa contanto de non chamarlle simple e claramente nación. O fundamental é que ambos coinciden en que se trata apenas dun debate "nominalista" e, por tanto, accesorio. Para o nacionalismo, en troca, é unha cuestión central, substantiva. Somos nación, e defendelo é fundamental para Galiza se queremos avanzar non só en autogoberno, mais tamén en benestar.

Porque a clave está precisamente en que o status de nación, conscientemente asumido e exercido, implica unha posición diferente no relacionamento co Estado, máis vantaxosa, -nomeadamente se houber ao tempo un goberno con determinación de aproveitala nunha relación de bilateralidade- da que necesariamente derivan consecuencias de carácter material. Sexa en cuestión de financiamento, de recursos ou de competencias. É dicir, mecanismos que van incidir directamente na capacidade de actuación do goberno galego para avanzar na calidade de vida da cidadanía. Disto é ben consciente Feijoo.

Porén, pode máis a ideoloxía e os intereses a que serve. Non é de sorprender que até mesmo a ocorrencia dos socialistas lle sexa excesiva, a xulgar polos reiterados arrebatos de patriotismo (español, enténdase) cos que ultimamente nos obsequia. Aínda o lembramos, recén-coñecida a sentenza do Estatut, proclamando solemnemente que "en España nación só hai unha, España" e xa o voltamos a encontrar indignándose co presidente do goberno español por acordar a transferencia das políticas activas de emprego a Euskadi. O argumento non deixa lugar a dúbidas sobre o perigoso que isto pode resultar para a unidade do Estado: "Vive en un palacio donde fuera hay una bandera de España y debe defender los intereses de España".

Non, non sorprende o furor españolista de Feijoo. Casa coa ideoloxía en alza na dereita do Partido Popular e, se callar, aínda lle pode labrar unha boa imaxe en Madrid, por se houbese que "dar o salto" á política española. Para nós, porén, implica negarnos como nación, e ten como primeira consecuencia unha política sistemática de desconstrución nacional de Galiza, de intento de demolición premeditada e concienzuda dos nosos sinais de identidade nacional. A comezar pola lingua, claro. Mais tamén a cultura, os símbolos, e até as seleccións deportivas. Sen esquecer desbaratar o único organismo que nos vinculaba institucionalmente con Portugal, absolutamente deturpado coa incorporación de Castela-León.

Mais, ao tempo, envólvese nunha retórica vitimista, de denuncia da discriminación de Galiza, quer en financiamento quer en orzamentos ou no caso do carbón . Láiase da dupla vara de medir que utiliza o goberno do estado cando se tratar de Cataluña (Lei de Caixas) ou Euskadi (transferencias) e cando se tratar do noso País. Embora todo isto o atribúa á maldade intrínseca dos socialistas e ao mal-goberno de Zapatero, non á inserción economicamente dependente de Galiza e ao rol politicamente subordinado que el tan gustosamente asume.

E aí está a grande contradición de Feijoo. Laméntase do trato que recibe Galiza, ao tempo que renuncia a todos os mecanismos que política, moral e até institucionalmente afortalarían a súa posición negociadora. Empeñase en desdebuxar o perfil identitario da nosa nación e enfraquece con iso o peso político do goberno que preside. Abdica dunha relación bilateral que, en troca, privilexian Euskadi e Cataluña, equiparándose á vontade con Castela-León ou Ceuta e Melilla. Mesmo é capaz de baixar aínda máis o perfil político para actuar en moitas ocasións como delegado de Génova en vez de facelo, de xeito decidido e contundente, como presidente de Galiza.

Non é xa a renuncia a un Estatuto que nos coloque na Liga das Nacións, mais simplemente o desinterese por dotármonos dun novo estatuto que poida alargar, no mínimo que sexa, o autogoberno do noso País. Dáse entón o paradoxo de que unha forza nacionalista e non autonomista como o BNG, que ten como obxectivo último a soberanía nacional, é tamén a única que demostra un claro interese nun novo cadro xurídico para Galiza que implique avanzar realmente en autogoberno e benestar.

Temos escoitado repetidamente ao presidente da Xunta que á xente o que lle preocupa non é o estatuto, senón as condicións materiais. Como se unha cousa non tivese a ver coa outra. Non é, porén, a Feijoo a quen hai que explicar a directa relación entre nación, autogoberno e benestar, senón á cidadanía galega. O nacionalismo, desde a coherencia que sempre tivo na defensa dos intereses de Galiza, non pode desbotar mesmo o apoio ao executivo galego face ás políticas do goberno central cando for preciso. Mais, ao tempo, debemos denunciar a demagoxia populista e colocar permanentemente en evidencia a co-responsabilidade do goberno de Feijoo no trato que recibe o noso País pola política negacionista e anti-galega que vén exercitando.

Para nós os nacionalistas é unha aspiración básica que Galiza poida asentar un espazo de decisión propio progresivamente alargado e desenvolvido. Desde esa perspectiva, o Estatuto de Nación pode e debe ser un paso relevante. Mais é xa tamén unha cuestión de dignidade política. Limitarse como pobo, para alén de absurdo, é contaproducente e inútil. En troca, a autoestima si resulta útil. E a autoestima cifrada no recoñecemento xurídico de Galiza como nación, coa consecuente capacidade de exercer o pleno autogoberno, moito máis. Se a teimosía negacionista de Feijoo frusta, mais unha vez, o Estatuto de Nación, o pobo galego terá necesariamente que abrir outros camiños para garantir a conquista do benestar e do futuro.