Somos máis que esposas, nais e amas de casa

Somos máis que esposas, nais e amas de casa

Hai vinte anos quizais estiver xogando coas miñas bonecas calquera tarde de domingo, xogaba con nais que casaban pola Igrexa, e tiñan fillos e fillas. Xogaba con barbies que agardaban submisas a que o seu home chegase á casa, con barbies que coidaban de até o máis mínimo detalle para que o ken ficase contento. E coma min -que pouco despois descubrín que prefería xogar ao fútbol-, miles de milleiros de nenas interiorizamos desde meniñas o papel tradicional que deberan desenvolver as mulleres: o coidado da familia, concibir fillos e fillas e facer as tarefas do fogar. Vinte anos despois, malia que a sociedade mudou grazas á loita das mulleres e ao apoio de forzas como o nacionalismo galego -que asume o traballo a prol da igualdade como compromiso imprescindíbel para avanzarmos cara a unha sociedade máis xusta-, revivimos esa carga moral que nos veu inculcada desde que eramos crianzas.

Seguindo as consignas dos grupos máis ultraliberais, o PP vén de aprobar no pasado Consello da Xunta o anteproxecto de Lei da Familia, que agromou baixo as directrices do Foro Español da Familia. Trátase dun colectivo do que forman parte organizacións que abranguen posturas que oscilan entre o Opus Dei e os Lexionarios de Cristo. Un exemplo de grupúsculos que forman parte desta rede é Hazte Oír, caracterizado por considerar a homosexualidade unha patoloxía, por rexeitar calquera política de tendencia liberal ou progresista ou por nin tan sequera recoñecer o aborto xustificado por razóns médicas ao ficar en perigo a nai ou a crianza. A lei impulsada polo PP agocha, baixo a retórica do seu título, o ataque contra a dignidade das mulleres e unha carga de moralidade inadmisíbel, na que para nada existe a homosexualidade.

Máis galescolas e menos dogmas ultraconservadores

Malia que a lei se presenta como unha norma de "apoio á familia e á convivencia", a Xunta céntrase só na infancia e na adolescencia e esquece os nosos maiores, dependentes e persoas con discapacidade. E é que ao PP preocúpalle máis que as mulleres aborten que o feito de que as mulleres poidan conciliar a súa vida laboral coa familiar. Así, para evitaren a interrupción voluntaria do embarazo os seguidores da política de Feijóo promoven neste anteproxecto de lei a adopción ou a acollida de crianzas como alternativa para que a muller xestante continúe co embarazo.

Máis que centrarse en tentar impedir o aborto, o Goberno galego debera preocuparse máis por que se dean as condicións sociais e económicas para que as mulleres e os homes poidan ter un fillo. Nada recolle a lei sobre dependencia, sobre escolas infantís, sobre actividades extraescolares ou sobre comedores. En vez de dedicarse a subvencionar colectivos antiabortistas e en vez de decicarse a pórlle control á nosa vida sexual, a Xunta debera axudar as e os homes mulleres con medidas como a reapertura das escolas do rural, con centros de ensino con horarios adaptados aos laborais, coa apertura de novas escolas infantís, con novos centros de día, coa sanción á persecución e discriminación das mulleres que tentas conciliar o seu posto de emprego coa súa familia, coa promoción da corresponsabilidade ou co restabelecendo das axudas a colectivos como as mariscadoras que non tiñan opción a unha pensión digna.

Lexislar en balde

Lexislar na situación en que nos atopamos as galegas non ten sentido. Lembremos que os nosos salarios veñen ser un 83% do salario medio e un 26% inferior ao dos homes, ao que hai que sumarlle a desprotección derivada dos retallamentos orzamentarios da Xunta de Galiza, que reduciu nun 377% os orzamentos destinados ás accións para a igualdade, protección e promoción das mulleres. Estas partidas pasaron dos 32 millóns de euros no 2009 aos actuais e ridículos 6,7 millóns de euros. E é que en época de crise, as mulleres sufrimos de xeito duplo. O PP xustificounos coa demagoxia da austeridade a supresión do Servizo Galego de Igualdade, mais á vez vai dispor orzamentos específicos para a creación de novos órganos, como o Consello Galego da Familia ou o Observatorio Galego da Familia.

En vez de impulsar esta lei en contra dos dereitos da muller, a Xunta debera recuperar normas que paralizou, como a de loita contra a violencia de xénero ou a favor da igualdade no eido laboral. No canto de impoñer con esta lei un programa ideolóxico, o Goberno galego ten a obriga de actuar para protexer realmente as mulleres. Se Feijóo quer realmente "defendernos", que actúe para atallar a sangría do desemprego, que en Galiza ten faciana de muller. Os últimos datos sinalan que 131.632 mulleres se atopan arestora no paro e como solución, o PP non propón máis que absurdos anteproxectos que soportan lexislativamente as consignas propias do ultradereitismo que practica.

Informe demoledor do CES

O Consello Económico e Social (CES), un órgano consultivo pouco sospeitoso de ser "radical" ou de proceder do feminismo vén de aprobar un informe contundente en contra do anteproxecto de lei que, entre outros aspectos, cualifica de regresivo e de contar con pouca incidencia na práctica. O propio CES alerta de que o obxectivo do anteproxecto de lei non pasa por estabelecer accións de apoio á convivencia, senón a recuperación do rol tradicional das mulleres, para así aforrar recursos orzamentarios en dependencia, nas escolas infantís ou nos comedores. O CES tamén alude a que o anteproxecto de lei pretende impedir que as mulleres non exerzan o seu dereito a decidir libremente sobre a súa maternidade, reforzando, desde a propia Xunta de Galiza e con rango de lei os discursos que cimentan o patriarcado.

Desde o nacionalismo galego seguiremos acreditando no compromiso coa igualdade e coa loita contra a discriminación de xénero. Somos e seremos moitas as que, o día de mañá, educaremos os nosos fillos e fillas para que xoguen a que sexa a boneca quen chega cansa a casa logo dun longo día de traballo e que sexa o boneco quen a espere coa aspiradora na man.