Somos internacionalistas!
Calquera de nós, defensores da lingua galega, considerándonos como nos consideramos integrantes dunha tradición política que defende a existencia de Galiza como nación e que defende o futuro do pobo galego, subscribiría sen dubidalo a afirmación que encabeza este artigo. Mais, a miúdo sucede que as proclamas teóricas cobran sentidos diferentes, mesmo antagónicos, en función do contexto en que sexan emitidas ou da propia intencionalidade con quen sexan proferidas.
Na última folga estudantil deste curso, convocada polo Sindicato de Estudantes a fins do mes de marzo, tres mozos desta organización pediron entrar na aula en que daba clase para deixaren información sobre a convocatoria de folga. Dirixíronse en español a todos os alí presentes, alumnado de segundo de bacharelato, e houbo un espontáneo da aula que, non sei se por brincadeira ou por estarmos afeitos a debater sobre o asunto, pediu:
- Manuel, non lles dis que falen en galego? -
Por certo –dixen, tal e como acostumo nestas ocasións. Xa podiades facer un pequeno esforzo….
Foi naquel momento, cando un deles, o que falara no primeiro momento, manifestou todo fachendoso, como quen se sente dono da verdade máis grande do mundo:
- Somos internacionalistas!
Con esa consigna xa abondaba. A situación, desde logo, propiciou un interesante debate no que participou o alumnado máis inquedo da clase. Non saía eu do meu asombro pensando que aqueles internacionalistas, e mais a organización que representaban, eran capaces de negar a existencia de Galiza como nación e tamén eran capaces de obviaren que exista a cuestión da lingua e a necesidade de usarmos e defendermos o galego. E supostamente facíano en nome da solidariedade entre as nacións e da causa democrática dos pobos do mundo. Asombro tamén pola facilidade con que organizacións políticas e sindicais da esquerda española andan a inocular na mocidade clixés esquemáticos e consignas que non se sustentan máis que en abstraccións, intentando cuestionar que un nacionalista galego é, aquí e agora, o único e verdadeiro internacionalista. O debate vén de vello e a min lembroume as acaloradas disputas dos tempos universitarios, cando organizacións de carácter sucursalista intentaban captar adeptos no movemento estudantil galego.
Hai un adoutrinamento para negar a Galiza e a lingua galega que xa é como un andazo e que segue a cargar as tintas nos mesmos anatemas contra o nacionalismo: antiprogresista, insolidario, excluínte, demodé… É ese progresismo abstracto o que, a maioría das veces atufa a españolismo rancio, porque non lle interesa asumir ningunha análise materialista e avanzada da realidade nin no seu devir histórico nin na sincronía.
Ando a matinar nestas liñas un primeiro de maio, que é o día do internacionalismo proletario, logo de acudir a unha das manifestacións convocadas pola CIG. O ton mitineiro seguramente vai impregnar as miñas cavilacións, por máis que queira ser claro e pedagóxico. Calquera galego ou galega pode preguntarse o porqué de moitos traballadores e traballadoras se autorganizaren nun sindicato de ámbito galego á marxe dos estatais para defenderen os seus intereses de clase e os do seu país. Coido, por sorte, que temos partidos e organizacións políticas no nacionalismo que se preocuparon desde o momento da súa fundación de promover tamén a organización da xente traballadora do agro e do mar, da mocidade, da xente que traballa nos diferentes ámbitos da cultura, da ecoloxía... E por suposto tamén no eido da lingua, cunha entidade como A MESA pola Normalización Lingüística. Teremos aprendido por experiencia e por feitos teimudos que, sen autoorganización do pobo galego, estamos vendidos a intereses alleos.
É este un primeiro de maio que ten unha relevancia especial, ás portas xa da campaña das eleccións europeas; unha excelente oportunidade para explicarmos con claridade, e por suposto desde unha óptica internacionalista, o resultado da nosa integración na UE e o papel que xogamos no Estado. Podiamos agardar por transformacións desde arriba, a nivel europeo ou estatal, acreditando que a actual Unión pode chegar, sen un cuestionamento de raíz, a ser máis social e máis dos pobos, tal e como afirman algunhas formacións políticas que practican un europapanatismo desaforado: Máis Europa, para que haxa máis Galiza! Mais é difícil, á vista dos feitos, acreditarmos nunha UE que ten un cerne profundamente antidemocrático, onde campa o capitalismo máis depredador, que nos ten convertido en periferia consumidora ou exportadora de man de obra barata. Nós dicimos: Máis Galiza, para que haxa unha Europa diferente!
A nosa mocidade non precisa abstraccións e consignas baleiras. Ten que ser consciente do papel que lle está reservado coa precarización do emprego, a emigración masiva, o aniquilamento dos sectores produtivos, o desmantelamento industrial, o aumento da exclusión e das desigualdades sociais… Precisa saber quen son os causantes desta situación. E precisa autoestima a respecto do propio. E tamén precisa saber que Galiza foi e é unha nación cunhas grandes potencialidades, nalgún tempo considerada despensa abastecedora do Estado e que, no futuro, podería volver a selo do Estado e de Europa. Mais precisa coñecer tamén a fondo o saldo histórico negativo da nosa integración no Estado español, co conseguinte empobrecemento, emigración brutal, perda de peso demográfico, avellentamento da poboación… Precisa ser consciente do saldo negativo que tivo para Galiza o ingreso de España na Comunidade Económica europea nos anos oitenta, co sacrificio dos seus sectores produtivos para salvar os intereses doutras partes do Estado.
Un verdadeiro internacionalista galego ou calquera internacionalista que se considere non é quen de negar esa realidade nin outras realidades que existen no mundo. O nacionalismo non é, non pode ser de ningún xeito, antagónico do internacionalismo. Ambos os dous van ligados, pois o nacionalismo cuestiona de raíz calquera forma de imperialismo, de dominio e explotación, exercida con violencia sobre unha nación e un pobo nos planos político, económico e cultural. E por iso mesmo é internacionalista, porque parte do principio de que todas as nacións, con independencia do seu tamaño ou do grao de desenvolvemento, teñen dereito a existir, a seren recoñecidas e deben ter dereito a decidiren o seu futuro libremente.
Eramos uns loucos, uns tremendistas, os que advertiamos nos anos oitenta, cando aínda nin se falaba da troika, das consecuencias negativas que para nós ía ter o ingreso no Mercado Común Europeo nas condicións en que fora negociado ou cando denunciabamos o Tratado de Maästricht ou o papel da moeda única. Hoxe en día, este discurso que se enunciaba desde unha nación europea periférica, pode ser asumido por verdadeiros internacionalistas de moitas outras latitudes do continente.
Algo intuía o escritor de Tras-os-Montes, Miguel Torga, hai xa algo máis de vinte anos, en 1993, cando pronunciaba estas palabras nun discurso seu: “Ninguém me encomendou o sermão, mas precisava de desabafar publicamente. Não posso mais com tanta lição de economia, tanta megalomania, tão curta visão do que fomos, podemos e devemos ser ainda, e tanta subserviência às mãos de uma Europa sem valores”.