Somos a nosa bandeira


O noso País vén de sofrer, máis unha vez, unha catástrofe ambiental que como todas as anteriores ten responsábeis directos. Desta vez a catástrofe ten forma de lume, como outras tivo de chapapote, como todos os días ten de limitacións ao dereito a vivirmos do que producimos, do noso traballo, na nosa lingua...

Neste caso, á marxe das responsabilidades e dos intereses directos que poda haber en prenderlle lume ao monte, a outra man incendiaria está na política de recortes e de expropiación da renda da maioría traballadora para lucro dos que só queren ser inmensamente máis ricos.

Contra esta política incendiaria, tamén para os nosos montes, convocáronse en toda Galiza mobilizacións. Nesta, como en todas as ocasións anteriores, desde Castrelo de Miño ás Encrobas, desde o Prestige á defensa da nosa lingua, desde a reconversión naval ás sucesivas reformas laborais ou á loita por contarmos cun agro produtivo, o nacionalismo volveu saír á rúa para mostrar cal é a súa alternativa, cal é o seu sitio, onde está a súa posición, fóra do oportunismo, a mesma desde 1964.

Alguén recorda algunha mobilización social xurdida da dignidade e necesidade de levantar esta vella nación, que non contase coa presenza activa do nacionalismo a facer ver que outra Galiza e outra política é posíbel? Xa que logo, non precisamos buscar lexitimación da nosa presenza, porque xa non é que non deixaramos de estar, é que ademais foron moitas as ocasións nas que comezamos e estivemos sos. De sempre, traballamos colectivamente precisamente por querer e acreditar que mudar a realidade é posíbel só se deixamos de lado o individualismo. A resposta social, se realmente quer ser efectiva, ten que ser tamén organizada, reflexiva, política e non o resultado da indignación individual e apolítica dun día. Nas mobilizacións ten que se visualizar a alternativa, porque non serven para nada se o seu único obxectivo é a de xuntármonos para agardar xuntos a que se nos pase o cabreo.

Do outro lado, o dos verdadeiros responsábeis da crise e do lume (o suficientemente organizados como para imporlle á maioría social as súas decisións e políticas acordes aos seus intereses: Estado Español, UE, FMI, BM, OTAN...), non queren que se nos vexa, precisamente por constituírmos unha alternativa real ao seu programa devastador, por sermos a súa antítese.

Se non atopan palla no ollo alleo que tape a viga no propio, búscana. Como cada vez que hai resposta contundente á súa estratexia, os criminais buscan outros que expurguen a súa culpa, sementando confusión. Seica o problema non son as políticas neoliberais, o problema é, como sempre, levarmos a nosa bandeira ou o que é o mesmo, a nosa presenza mesma, atrevéndose a chamárennos oportunistas, electoralistas, manipuladores, por erguémola con orgullo.

Non é a primeira, e seguro que non será a derradeira vez que pretendan avergoñarnos por mostrarmos quen somos e a nosa intención de seguirmos a ser un colectivo que traballa pola transformación deste país. Cambia o método, mais segue a tratarse de ocultarnos. Porén, se antes utilizaban a Brigada Político Social, agora teñen outras ferramentas que utilizan sen rubor para pór en cuestión o noso dereito democrático e elemental a mostrarmos publicamente quen e o que somos. Non o conseguiron a paus, non o farán cos chíos, nin coa guerra psicolóxica.

A nosa bandeira non é flor dun día ou dunha data illada no calendario, é mostra de nós, da nosa historia, é expresión libre e sincera de todo aquilo que compartimos e queremos: o dereito a existirmos como nación que somos, como pobo con dereitos, con traballo e dignidade. Por iso foi prohibida, encarcerada, represaliada, queimada... por iso aínda hoxe hai a quen lle doe vela, e por todo iso gañamos para ela/para nós o dereito a estar onde é preciso, de onde nunca debe/debemos marchar. Con ela nos facemos ver, con ela nos identificamos, ela representa uns principios que non vendemos, nin lavamos, nin agachamos.