Solidariedade de ida e volta
Na escola rural na que eu iniciei a miña etapa escolar había unha revista dos misioneiros Combonianos chamada Mundo Negro, que levabamos para a casa bastante habitualmente, non lembro se por iniciativa nosa ou iniciativa do profesor, que é o máis probábel, dado o ambiente cristiá que imperaba polas aquelas alturas na escola pública, -estou a falar de mediados dos anos 70-.
Pouco recordo do seu contido, pero sendo pequeno como era, nunha ocasión chamoume poderosamente a atención unha viñeta que figuraba nesa revista, que resumía á perfección o comportamento do mundo occidental, o norte rico se se prefire, con este continente. No debuxo aparecía unha fileira de meniños africanos coas manciñas estendidas pedindo algunha esmola; de fronte tiñan o estereotipo do capitalismo, home vestido de traxe con sombreiro de copa, que portaba nunha man unha bolsa, supostamente con cartos para repartirlles; o chamativo da viñeta é que o brazo que tiña libre era tan longo que cando repartía os cartos entre os meniños, quen levaba a mellor parte da esmola era precisamente o occidente altruísta e solidario, ficando sen nada os nenos e nenas pobres.
Non hai moitos días ollei un documental emitido no programa "Documentos TV" da TVE2, titulado "Planeta en venda", e veume á mente esa viñeta. Nel dábase conta da adquisición por parte de grandes grupos empresariais de inmensas superficies agrarias en todo o mundo, especialmente en África e América do Sur. A lóxica empresarial botaba contas do número de persoas que habería que alimentar no mundo dentro de 50 anos para xustificar estes "investimentos" masivos en terras de cultivo.
En África, especialmente, o prezo das terras saía bastante a prezo, case regalado, e as autoridades locais xustificábano dicindo que ía ser bo para o país porque crearía postos de traballo -o de sempre, unha frase que por estas latitudes oímos tamén habitualmente-. O que non dicían era que destruía completamente a rudimentaria agricultura deses países, que desprazaba a poboación que ocupaba esas terras, e os escasos postos de traballo que se xeraban eran en réxime de escravitude, iso sen esquecernos do impacto ambiental que teñen estas mega-cultivos, e por suposto, nos recursos hídricos destes estados africanos.
Mais isto non é todo, os despropósitos non rematan aquí. Estas transnacionais da produción agrícola, que conseguían terras de cultivo case gratis, teñen como potenciais clientes a organismos internacionais, ONG's e todo tipo de misións cristiás de axuda humanitaria, que actúan, loxicamente, neses países.
O paradoxo é que algúns destes países africanos, cuxa poboación morre de fame, serán grandes produtores de alimentos e tamén exportadores potenciais a occidente, coa posibilidade de non só repercutir á alza ou á baixa nos prezos destes produtos a nivel mundial, senón que mermarán e prexudicarán a produción agrícola de terceiros países, sen que iso redunde en beneficio algún para a poboación local africana.
O negocio, como se ve, redondo para estas transnacionais occidentais, mais, ruinoso para estes pobos e para estas persoas, empobrecidos nun círculo vicioso de importantes e poderosos intereses económicos das transnacionais empresariais e da solidariedade, que, como vemos, non é tal.
Estes mega-cultivos non resolven o principal problema destes pobos empobrecidos pola rapiña occidental, ao contrario, son totalmente contrarios aos intereses destes pobos, que aínda que libres do xugo imperialista e da metrópole de turno, as autoridades locais seguen a ser os colaboradores necesarios para que espolio dos importantes recursos naturais e enerxéticos continúe en detrimento da poboación local, un comportamento que na Galiza coñecemos moi ben.
Os e as nacionalistas galegos dicimos habitualmente que queremos traballar e producir na nosa terra, por iso cómpre prestar especial atención ás campañas solidarias, moi habituais por estas datas, xa que eses países non queren vivir das nosas esmolas, queren, igual ca nós, traballar e producir na súa terra.