Solidariedade con Galiza
O pasado 1 de xuño realizáronse concentracións de solidariedade coa causa palestiniana nas que participou o nacionalismo galego, como resposta ao ataque terrorista de Israel contra a denominada "Frota da Liberdade". Foi esta unha constante histórica do nacionalismo galego: a práctica dun antiimperialismo activo, relacións de amizade coas nacións submetidas, e un internacionalismo merecente de tal nome. Singularmente no caso de Palestina, pobo que sofre e resiste con heroica dignidade a dominación israelí co coñecido apoio norteamericano.
Acontece, porén, que a concentración convocada en Pontevedra, moi solidaria con Palestina, requería tamén de solidariedade con nós, co pobo galego. Porque a alocución dun -suponse- portavoz dos convocantes, significado dirixente do sindicato español CGT, realizouse integramente en español. Moi solidario, si, con Palestina, mais desprezativo co seu propio pobo. Pobre o país no que é máis doado ser solidario co de fóra que comprometerse co propio. Así pasa na Galiza. Toda a radicalidade cosmética dun sindicato de orientación anarcosindicalista, seica, mais tamén moi español, colide coa realidade máis próxima, aquela na que hai que actuar, e na que se pode (e debe) incidir. Dereitos políticos para Palestina, mais non para Galiza. Curiosa maneira de entender e aplicar o compromiso internacionalista desde unha nación sen estado.
Hai aínda moito toxo por rozar. Moito traballo por facer no tocante á clarificación ideolóxica. O nacionalismo galego non só ten que se facer valer na súa proxección internacional, senón que tamén, e sobretodo, na propia Patria. O uso do idioma nacional, non do imposto, é sinal inequívoco de pertenza a un pobo. E a práctica coherente do principio de autoorganización nacional certeza de exercicio consecuente coa nobre causa de liberación nacional. Na Palestina e na Galiza. Na Catalunya e no Kurdistán. Non é posíbel ser realmente de esquerdas, nunha nación negada, esquecendo ou desprezando o dereito de autodeterminación, non do punto de vista da abstracción teórica, senón da súa aplicación práctica diaria.
O pobo galego foi quen de construír, con esforzo, sacrificio e teimosía, un corpo nacionalista organizado que posúe xa unha relativa fortaleza e presenza estruturada nos ámbitos político, sindical e cultural. O suceso deste movemento libertador non vai radicar na asunción dunha comprensión indulxente ou simpática por parte de quen nega, na súa práctica lingüística e na súa estrutura orgánica sucursalista, a existencia mesma da nación. Todo o contrario, vai depender do medre, expansión social, clarificación desacomplexada e afortalamento do propio movemento nacionalista. Aquí e no Saara. En Córcega e en Irlanda. Para ser solidario cumpre saber primeiro o que se é, e asumilo. E logo proxectalo. Falar de adhesión e respaldo á loita palestiniana desertando da loita do teu pobo non parece ser moi congruente. Non queiras para os demais o que non asumes para ti. Porque nós tamén temos dereitos. A estas persoas e organizacións de obediencia española sería bo que, unha vez reclamada a solidariedade con outras xustas loitas noutras latitudes practicaran tamén aquí, aínda que for só un bocadiño, a solidariedade con Galiza. Nós tamén a precisamos.