Sogama: Un modelo esgotado
O modelo incinerador de Sogama pode tratar actualmente, segundo informacións non oficiais moi axustadas á realidade, a metade de residuos que recibe, residuos dos que queima o 80%, amoreándose a outra metade no vertedoiro de Areosa que xa está no límite da súa capacidade. Esta ineficiencia por unha banda e por outra os cambios lexislativos no sector enerxético que afectan enormemente ao seu modelo económico toca de morte a esta empresa participada nun 51% pola Xunta e nun 49% por Gas Natural Fenosa.
Galiza dispón de tres plantas de tratamento de lixo que tratan un total de 1 millón de toneladas de residuos (1.098.888 exactamente no ano 2012). O da Mancomunidade Serra do Barbanza (Lousame) formada por nove concellos con 32.000 toneladas, Nostián que xestiona os 168.000 dos tamén nove do Consorcio das Mariñas e finalmente Sogama en Cerceda que trata os aproximadamente os 800.000 restantes procedentes do resto dos concellos galegos.
Os ingresos de Sogama veñen do canon que cobra aos concellos polo tratamento de residuos, da venda de enerxía eléctrica producida na planta termoeléctrica, na planta de coxeración e na planta de biogás de Areosa, da recuperación de envases e da venda doutros refugallos tales como metais férricos, aluminio e outros. O cambio lexislativo que afecta a produción eléctrica no pasado ano 2013 coa Lei 15/2012 pola que se crea un gravame do 7% sobre o total da enerxía producida e se establece un imposto ao consumo de gas para a coxeración, aumentando o prezo do mesmo, e sobre todo o RD Lei 2/2013 que elimina as primas á produción de enerxía eléctrica en réxime especial, toca considerablemente o modelo económico da Sociedade no que baseaba a súa viabilidade.
O impacto destas medidas económicas pódese cifrar en 13 millóns de euros, que Sogama, nun alarde de xestión, pretende traspasar integramente ao canon que cobra aos concellos e consecuentemente a todos e todas nos. Isto supón pasar dos 55,69 euros (sen IVE) por tonelada de canon a uns 74,64. Non é de estrañar pois a rebelión dos concellos non gobernados polo PP a esta suba que, ao tempo, leva a cuestionar un modelo para nada respectuoso co ambiente.
Unha xestión sostíbel dos residuos ten que contemplar nun primeiro paso que a redución dos mesmos é unha prioridade. Tense que poñer coto ao incremento continuado na produción de lixo e nesa liña resulta altamente interesante o proxecto piloto “porta a porta” enceitado polo concello de Allariz que fomentará a reciclaxe, outra das prioridades, entre a veciñanza e transformará os residuos orgánicos en compostaxe o que completa a terceira das prioridades, a reutilización. Defínense aquí pois os tres alicerces nos que un plan de residuos ten que basearse: redución, reciclaxe e reutilización.
O sentidiño lévanos tamén a pensar que non é lóxica unha planta centralizada que recolla todos os residuos de Galiza que trae como consecuencia continuos e longos desprazamentos polo territorio co conseguinte custo e influenza no ambiente. Parece máis axeitado un sistema descentralizado de pequenas plantas comarcais no que ademais posibles fallos dalgunha delas podería ser solucionado temporalmente coa colaboración das próximas.
O modelo de incineración de Sogama presenta uns inconvenientes inaceptábeis: custo enerxético enorme, desaproveitamento da materia orgánica e a constatación de que a incineración non fai que o lixo desapareza, soamente que se converta en fumes, cinzas e lodos tóxicos, contaminando plantas, animais e seres humanos.
Como podemos ver a man do lobby das eléctricas (terá algo que ver que anteriores cargos políticos con grandes responsabilidades, acaben en empresas como Gas Natural, Endesa e Iberdrola?) vese por todas partes e non solo na participación de Gas Natural Fenosa no caso que nos ocupa, senón na nova regulación do sector eléctrico que vai machacar ás enerxías renováveis, nomeadamente eólicas e solar, e que no caso de Galiza ten unha influenza notable. O grande futuro que agardaba a Galiza en enerxía eólica, enerxía limpa, renovábel e que permite liberarnos da dependencias externas en materia enerxética, vese cerceado por intereses alleos nun novo ataque as capacidades produtivas do noso país.
Volvendo ao caso que nos ocupa, Galiza ten pendente a concreción dun Plan de Residuos eficaz, consensuado entre todos e que resolva o problema dun xeito eficaz e respectuoso co ambiente. Un sistema que solucione todas as eivas do actual tratamento que se lle está dando na actualidade aos residuos. Galiza necesita tamén da soberanía precisa para poder decidir en todos os aspectos que inflúen no tratamento deste problema, sen estar sometida a continuas presións que mediatizan as determinacións a tomar.