Sociedade de cinza


Desta volta non vou falar do mundo rural en xeral e menos da agricultura, non desta xeira vou tentar darlle unha volta a algo que xa teño matinado en moitas ocasións e que xurde dalgúns comentarios ao meu anterior artigo e aos artigos do compañeiro e amigo Xosé Manuel González Vilas.

Non son quen de poñer en dúbida a súa valía e os seus coñecementos, fundados de sobra na extensa cultura e bibliografía que os atesouran, non vai por aí o tema, senón pola base que os fundamenta. Fálase, baixo o meu prisma, da sociedade en xeral, agraria en concreto , sen ter en conta o erro que se está transmitindo. Acordo no meu parecer que a sociedade como tal é un complexo sistema de anunciación de colectivos puntuais que non teñen outro fin senón o de existir. A sociedade non existe máis que para ser produtivos, para soster o ritmo económico que o elenco de capitáns marcan sibilinamente ao ritmo adecuado na elaboración dun produto a imaxe do mercado que nunca é noso. A sociedade son traballadores manifestándose en momentos puntuais por unha problemática que parece ser común, máis só na orixe e non no destino. A sociedade son eses mesmos traballadores e traballadoras sendo carne de canón das porras dos policías que eles mesmos se encargan de subvencionar mes a mes. Non nos equivoquemos, a sociedade non existe só é unha transfiguración transitoria que acaba diluíndose no vento, e aí está o erro.

Confiamos que a sociedade esperte, e non vai ser así. Os distintos momentos aleatorios que lle confiren ese nexo de unión son os que, precisamente, fan que fracase de raíz tódolos movementos que orbiten arredor dela. As empatías son as que engarzan dalgún xeito o proceder da xente e por descontado que son caducas, en caso contrario sería demasiado fácil elaborar unha estratificación de niveis de compromiso que redundaran en camiños comúns e en solucións á vista beneficiosas para o conxunto da xente. Pero non, aí está a gran mentira e aí é onde o mando invisible no que se ten convertido este capitalismo internacional manobra con tranquilidade e impunidade.

A importancia de ser coñecedores da nosa condición é sinónimo de albiscar un mínimo de esperanza e de acadar cotas de beneficio propio e común. Un bo exemplo son as SOCIEDADES cooperativas agrarias, feitas dende un principio de colaboración no traballo e non dende un punto de vista comercial, ven sexa na compra de insumos ou na venda de produtos. Hoxe en día esa filosofía está totalmente desterrada e as cooperativas non pasan de ser máis que meras empresas competindo nun mundo que non é o seu, nunha perigosa liña de flotación capaz de meter auga dentro do propio barco. Hoxe en día a conservación de postos de traballo, a competencia coas comerciais, as negociacións dos prezos de venda e compra teñen tan distraída á xente que é imposible pensar noutra cousa e fica abandonado o verdadeiro sentido de colaboración, xusto onde porían confluír liñas ou ideas que redundaran nun beneficio maior a longo ou medio prazo, e non só económico senón de permanencia no tempo, aquilo que se lle pide a toda empresa ( digo empresa, xa que así se mide todo ) que non dependa nin das subvencións nin do criterio político de quen goberne, evitando desta forma a propia liberdade intelectual, a que non se debe vender.

Situémonos pois nesta encrucillada e pensemos na crueldade dos feitos, do camiño emprendido e non deamos voltas ao chou. Teñamos claro dunha vez que ( aínda que sexa etimoloxicamente falando ) as grandes multitudes só se xuntan para ver fútbol, non para defender o seu. Deberemos pois reiniciar de novo o noso disco duro e comezar a sementar empatías nas asociacións de veciños, nas fábricas, nas tendas, onde sexa que poda nacer un crepúsculo de dignidade, unha información distinta para contrarrestar, debemos, creo, volver aos cimentos de quen sostén este mundo, a nosa patria.