Sobre os indignados, sobre a individualidade e sobre a colectividade
Antes de comezar vaia por diante o meu respecto a todas as persoas que optan por mobilizarse fronte a apatía social do momento aínda que non comparta de todo o método ou a mensaxe.
O que pretendo con estas liñas simplemente é aportar a miña visión sobre o que aconteceu e o que está a acontecer co chamado movemento dos indignados. Xa que, esperta en min moita curiosidade tratar de entender porque xente que recoñece abertamente non terse mobilizado antes reacciona deste xeito concreto.
Volvo sempre a insistir na miña subxectividade á hora de interpretar o movemento DRX.
SOBRE HESSEL E SOBRE OS INDIGNADOS:
Resulta imposíbel non recorrer a Hessel para intentar comprender este movemento. Que é o que pon neste manifesto que pode ser a causa de tal revolta social? E aínda que comparta algunha crítica con Anselmo López Carreira, si creo que a reflexión é acertada para o comezo dalgún cuestionamento simple e sinxelo (penso que esa era a intención do autor).
Tiro algunha conclusión que coido atinada para artellar o comezo da mobilización ou da indignación. Porén creo que estas conclusións non son debidamente recollidas na reivindicacións do 15 M ou por algunhas asembleas (segundo as actas e os acordos que colgan na rede).
En todo momento o autor amosase orgulloso do seu compromiso político. El recoñece formar parte dun consello cidadá (a resistencia) integrado por movementos, partidos e sindicatos que artellarían a base programática da democracia.
Na maioría dos casos os indignados perciben a organización política como problema e non como solución para combater o sistema, a realidade social (... ) o que queiramos. E dende o meu punto de vista fanno dende a xeneralización absoluta (todos son iguais).
En ningún momento digo que a única forma de indignarse sexa a través da organización política mais non podemos esquecer que é unha vía máis e que os que militamos optamos por este tipo de compromiso. Pretender integrarnos nun movemento deste tipo non significa querer apoderarse de el senón contribuír á resistencia fronte un sistema no que os partidos minoritarios somos maltratados, e á vista dos acontecementos xa non so polo sistema senón tamén polo movemento anti partidos.
Isto enlaza co concepto de democracia do que fala o autor e que, ao tempo, paréceme básico para entender a importancia da organización social e política: a defensa da democracia política e económica.
Unha das persoas que integra este movemento pasoume un vídeo dun dos fundadores da banca ética. No vídeo dicíase que non estamos fronte unha crise económica senón sobre unha crise da conciencia das persoas. A min verdadeiramente paréceme perigoso non chamar as cousas polo seu nome porque pode xerar actitudes que lonxe de destruír os modelos pre establecidos os manteñan no tempo e incluso os fortalezan.
É dicir, crer que a solución pode pasar por actitudes individuais e non pola creación do interese xeral ou de vontade colectiva é (sempre dende o meu punto de vista) equivocado.
O mesmo Hessel recoñece que a resistencia loitaba por unha "organización racional da economía que garanta á subordinación dos intereses particulares ao interese xeral".
SOBRE A INDIVIDUALIDADE E A COLECTIVIDADE:
Recollendo todo o anterior unha das cuestións que máis me preocupa desta mobilización é o excesivo individualismo.
Recoñezo que sempre me indignou un pouco iso da liberdade das persoas. Explícome, que cada un faga o queira, ou que coide oportuno ... e indígname porque se falamos de intentar lograr que os intereses colectivos superen os individuais haberá que empezar a acreditar en fórmulas que así o fagan.
Recupero o vídeo: "o problema é a conciencia das persoas que non se mobilizan". Non, o problema é que estamos nun sistema que se sostén (entre outras cousas) sobre a teoría da plusvalía que basea o beneficio na explotación económica e que nos illa cada vez máis uns dos outros destruíndo xeitos de organización colectiva e nos fai máis escépticos na loita polo cambio social.
A solución non é que cada un teñamos que deixar de meter os cartos nos bancos senón que pasa por demandar unha caixa nacionalizada (por moi rancio que lle soe a algún) ou loitar por impedir a reforma laboral estatal secundando as folgas e as mobilizacións en vez de estar continuamente propondo votacións (nalgúns casos absurdas) que, por certo, logo nunca se acatan porque por riba do acordado está a liberdade do cidadán a facer o que estime.
Por todo creo que este movemento non presta atención a importancia da construción do interese colectivo nin ao compromiso. É dicir, non busca chegar a un acordo de mínimos entre todos (movementos, partidos, sindicatos..) que actúe ou sexa verdadeiro eixo vertebrador da mobilización.
E non se chega a consenso se se exclúen formas de mobilización social ou se nos perdemos entre intereses sectoriais, xa sexa, no eido dos contidos ou no ámbito de actuación.
Dicía Mancur Olson que, a forza da acción colectiva depende directamente da coincidencia do interese xeral coa nosa motivación mobilizadora. Dito doutro xeito, eu participo se me sinto identificado coa causa ou coa razón da revolta. Dende logo é máis doado identificarse con algo concreto que con intereses dispersos. Polo que excluír aos partidos e aos sindicatos que acrediten nun modelo alternativo retrasa o cambio e resta forza e apoios.