Sobre o voto "residente ausente"

Sobre o voto "residente ausente"

O peso do Censo de Residentes Ausentes no censo electoral galego e os efectos do "voto emigrante" nos resultados electorais reforzan a necesidade de afrontar a reforma da Lei electoral sen máis dilacións.

Cando se aproxima un proceso electoral vén sendo un lugar común traer a un primeiro plano o voto dos/as chamados/as "residentes ausentes". O exponencial incremento do censo electoral, a ausencia de garantías mínimas, indispensábeis para a lexitimidade dun sistema democrático e que permiten manipulacións reiteradas que permanecen impunes, ou mesmo o dereito de voto de persoas que nin tan sequera naceron en Galiza; son todas elas caras dunha mesma cuestión que evidencia as feblezas dun sistema que debería estar pragado de garantías pola importancia en tanto que configura a "vontade popular". Quero pensar que moitos emigrantes votan en función das súas preferencias, en todo caso mediatizadas pola información sesgada que lles chega pola ausencia de regulamentación das campañas electorais no exterior, pero todos/as temos coñecemento de que existen evidencias claras de que se produce manipulación, e en doses elevadas. En fin, en xeral todo o que rodea o voto do CERA é, cando menos, polémico.

A importancia de entrar de maneira decidida a regular o voto dos/as residentes ausentes parte, evidentemente, da ausencia de garantías, que se ve agravada polo excesivo peso que ten o CERA sobre o censo e, xa que logo, polo potencial efecto que pode ter nos resultados electorais, con todo o que iso implica. Estes motivos sitúan a este "colectivo" como obxectivo prioritario para algúns partidos cando se aproxima un proceso electoral. A situación en Galiza é verdadeiramente preocupante en tanto que mentres que o censo de residentes se estanca ou crece moi paseniñamente, o censo de "ausentes" increméntase de maneira exponencial, así se en 1993 representaba o 4,5% do censo, en 2010 xa supera o 13%. Na provincia de Ourense o CERA supón na actualidade o 21% do censo electoral. A nivel municipal as cifras son demoledoras se temos en conta que no 42,2% dos concellos galegos representa máis do 20% do censo. Son, realmente, cifras elevadas e sobre todo se temos en conta que a nivel estatal o CERA só representa o 3,8% do censo electoral.

O crecemento do CERA non responde aos fluxos migratorios, pois na actualidade os galegos e as galegas non elixen Arxentina como destino. Isto levaríanos a centrar o debate na modificación do Código Civil no que ten a ver coas limitacións no recoñecemento da nacionalidade. Unha limitación tan simple, pero á súa vez tan racional, como o establecemento dun período de tempo de ausencia como criterio para manter o dereito de sufraxio, reduciría claramente o peso do CERA. Non se trata dunha novidade, pois este criterio aplícase en Canadá onde só manteñen activo o dereito de sufraxio até os 5 anos de "ausencia", en Alemania até os 10, no Reino Unido até os 15 anos, e en casos como o de Nova Zelanda que o restrinxe aos tres anos de residencia fóra do país.

Constatada a importancia do CERA, vexamos agora os efectos que, de maneira reiterada, e cada vez con maior intensidade, ten o voto dos "ausentes" nos resultados electorais en Galiza. Nas eleccións autonómicas de 2009 o CERA representaba o 12,7% do total do censo electoral galego. Neste proceso o primeiro efecto significativo tivo lugar sobre a participación electoral que se viu reducida en 6 puntos a respecto da participación dos/as residentes. Se analizamos este efecto por provincias constatamos que as variacións son máis evidentes, así na provincia de Ourense a participación reduceuse en 11,3 puntos (poñendo de manifesto o clásico diferencial de participación entre o Estado e Galiza). Un segundo efecto é o que se constatou nos resultados definitivos de cada un dos partidos ou coalicións que concorreron ás eleccións, afectando á distribución porcentual dos votos e alonxándose de maneira evidente do comportamento dos/as residentes. O PP obtivo no CERA o 36,8% dos votos, o PSOE o 52,5% e o BNG o 3,9%, isto provocou que o PSOE incrementase 1 punto a súa porcentaxe de voto definitiva e o BNG perdese 0,6 puntos a respecto da porcentaxe outorgada polos/as residentes.

Se observamos agora o efecto do voto CERA desde 1993 até 2009 en eleccións xerais, autonómicas e europeas, concluímos que tanto o PP como o PSOE viron incrementadas as súas porcentaxes despois do CERA en case todos os procesos, entre eles é o PSOE o partido máis beneficiado, pois só se viu perxudicado minimamente en 2001 e 2004. En todo caso, queda de manifesto que o partido que goberna en Madrid consegue os mellores resultados, superando claramente as porcentaxes que acada entre os/as residentes. Nas xerais de 2008 o PSOE obtivo no voto CERA 19 puntos máis que no voto residente. Nas autonómicas de 2001 o PP achegouse a esa cifra con 17 puntos puntos sobre o voto escrutado o día das eleccións (acadando no CERA o 68% dos votos).

Convén subliñar que non se trata, como pensan algúns, de criminalizar aos emigrantes. En todo caso, o ninguneo ten nomes e apelidos e concéntrase maioritariamente nos partidos que só se lembran deles/as cando chegan os procesos electorais con viaxes e actos nos que se comprometen actuacións que dificilmente se van desenvolver. A Cuestión con Maiúsculas reside en que non se dan as condicións mínimas que deben subxacer detrás de calquera sistema electoral nun Estado democrático. É esta unha razón suficiente para atender con urxencia e con decisión á súa reforma establecendo unha limitación en base a un período temporal de ausencia, dispoñendo os mecanismos necesarios para garantir unha igualdade real entre os residentes e os ausentes (temporais) no que ten a ver coas garantías do proceso electoral, e, adoptadas esas medidas, considerando a posibilidade de limitar o dereito de sufraxio a determinados procesos electorais.

O problema ten remedio, mais este depende do PP e do PSOE. O debate sobre a reforma da Lei Electoral está en marcha, esperemos que desta vez se afronte a problemática e que, dunha vez por todas, deixemos de estar suxeitos ao clásico "o fin xustifica os medios" no que quedan en evidencia os mesmos resortes do sistema.