Sobre o dereito á asistencia sanitaria

Sobre o dereito á asistencia sanitaria

Desde que se creou o Instituto Nacional de Previsión, xa no ano 1908, até 1986, en que entrou en vigor a Lei Xeral de Sanidade, a atención sanitaria pública protexía tan só aquelas persoas que, por realizaren unha actividade laboral, eran dadas de alta, e contribuían coas súas cotizacións, na correspondente entidade protectora (INP, posteriormente INSS) ou mutualidade. Coa Lei Xeral de Sanidade de 1986 prodúcese un xiro radical na situación. Coa súa entrada en vigor, recoñécese o dereito á atención sanitaria non polo feito ser traballador cotizante a un réxime determinado senón, simplemente, por ser cidadán. Así o proclama o seu artigo 2.1: son titulares do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria todos os españois e estranxeiros que teñan estabelecida a súa residencia en territorio nacional. Este mesmo dereito reitérase no artigo seguinte: A asistencia sanitaria pública estenderase a toda a poboación española. O acceso e as prestacións sanitarias realizaranse en condicións de igualdade efectiva.

Desde a aplicación desta lei vai cesando a achega das cotas directas dos traballadores e dos empresarios para a asistencia sanitaria e esta vaise financiar enteiramente cos impostos xerais que saen do peto de todos os cidadáns nas diferentes formas tributarias con que o Estado recada para atender todos os servizos que presta. Mais é desde xaneiro de 1999 cando, en aplicación da Lei 49/1998, de Orzamentos Xerais para 1999, o Estado asume totalmente o financiamento da asistencia sanitaria, suprimíndose a achega das cotizacións sociais e producíndose a desvinculación total da Sanidade da Seguridade Social. A partir do ano 2002, varios gobernos autónomos, entre eles o galego, implantan tamén o denominado céntimo sanitario coa mesma finalidade malia as reiteradas advertencias da Comisión Europea de constituír este imposto que grava os hidrocarburos unha contravención das normas comunitarias. Xa non se cotiza, pois, á Seguridade Social pola prestación sanitaria por continxencias xerais (enfermidade común ou accidente non laboral), senón que se contribúe ao seu sostemento cos impostos de todos os contribuíntes.

A Lei Xeral de Sanidade non só recoñece xenericamente o dereito á saúde, senón tamén, e isto é o máis importante, o dereito da prestación sanitaria e considera como titulares de ambos dereitos a todos os españois e estranxeiros, é dicir, a cada cidadán, co único requisito de ter a súa residencia no territorio do Estado. Con isto, a pertenza ou non ao INSS, a alta e afiliación ao mesmo, e por extensión, a da persoa dependente do afiliado e en alta, desaparecen como requisito para ter acceso ás prestacións sanitarias. Estar ou non dado de alta en calquera dos réximes do sistema da Seguridade Social (xeral, autónomos, especial agrario, empregados de fogar, da minería e do carbón, seguro escolar e de traballadores do mar) é indiferente para gozar do dereito á atención sanitaria en igualdade de condicións. Esta última referencia vén aplicar, neste ámbito concreto, o dereito á igualdade recoñecido no artigo 14 da Constitución, cuxa realización efectiva deben promover os poderes públicos, correspondendo ao Estado a regulación das condicións básicas que garantan a devandita igualdade e aos gobernos autónomos que teñen transferidas as competencias sanitarias a súa execución.

¿Onde radica, pois, o feito de que a Consellaría de Sanidade pretenda excluír das prestacións sanitarias os parados de longa duración e outros colectivos cando legalmente todos os cidadáns residentes teñen recoñecido por lei este dereito? ¿Como unhas disposicións administrativas de rango regulamentario, como son as emanadas da Orde do 5 de setembro de 2011 da Consellaría de Sanidade, poden privar de dereitos recoñecidos nunha norma con forza de lei? ¿Como se poden aplicar normas baseadas na asistencia sanitaria como prestación do INSS e, por iso, unida aos requisitos de afiliación, alta ou asimilada e cotización, cando esta prestación pasou a ser un dereito de todo cidadán residente en territorio do Estado? Simplemente porque no control dos usuarios do dereito á atención sanitaria se seguen a aplicar normas e costumes herdados da situación legal anterior ao ano 1986. O Instituto Nacional da Seguridade Social, entidade xestora estatal adscrita ao Ministerio de Traballo e Inmigración, seguiu sendo o órgano encargado de recoñecer o dereito á asistencia sanitaria, cando xa non é unha prestación de Seguridade Social nin sequera parcialmente no aspecto financeiro e cando a administración e xestión do Sistema Sanitario xa estaban transferidas a parte das Comunidades Autónomas. O número de afiliación (NAF) que identificaba a cada traballador ou perceptor de prestacións do Sistema de Seguridade Social converteuse tamén no número de usuario das prestacións sanitarias, aínda hoxe denominado inadecuadamente NUSS, isto é, Número de Usuario da Seguridade Social, dado que debera denominarse Número de Usuario do Sistema de Saúde ou, no caso de Galiza, do SERGAS. Deste xeito, dunha forma anacrónica, e ilegal, con disposicións normativas incongruentes, a Consellaría de Sanidade, ao dar de baixa do acceso á sanidade pública a determinados colectivos sociais por non estaren en situación de alta no INSS está a lles conculcar o dereito que legalmente lles corresponde en condicións de igualdade efectiva aos demais cidadáns.

Aplicando os argumentos que utiliza a Xunta de Galiza para excluír os parados de longa duración e outros colectivos da asistencia sanitaria en condicións de igualdade efectiva, tamén podería privalos do dereito ao ensino gratuíto malia teren o mesmo recoñecido por normas de rango superior. ¿Non se financian igualmente ambos dereitos cos impostos que pagan todos os cidadáns independentemente de que coticen ou non ao INSS?

¿Que son insuficientes os orzamentos para soster as prestacións públicas sanitarias e educativas neste momento? De ser así, haberá que aumentar os impostos, claro está. Mais o que de ningunha maneira procede é o que está a facer a Xunta de Galiza: excluír destes servizos aqueles cidadáns que sofren en propia carne os peores efectos da situación económica.