Sobre herdanzas


Fai un tempo, moi lonxe para algúns, aló polo mes de marzo de 2009 escoitábamos a un grupo de xente prometer o intanxible, á vista das escusas mostradas foi ou era algo intanxible. Lonxe das promesas electorais que se esqueceron moi pronto o único discurso que veu mantendo o Partido Popular ao longo deste tempo é o da herdanza recibida por parte do anterior goberno. Será casualidade pero nunca se estableceron criterios onde se analizara calquera decisión de tipo político asociado ao tempo de permanencia ou vixencia.
Explícome, o Partido Popular ten gobernado no noso país durante moitos anos, e a este novo goberno poida que lle chegaran herdanzas provocadas no propio seo do partido, pero como non sabemos con exactitude esa relación decisión-lonxevidade, é imposible establecer criterios directos no tempo.

Pero lonxe desta pequenas cuestións técnicas hai outros factores que nos teñen que determinar a problemática da orixe destas escusas. En primeiro lugar basear os teus movementos ou decisións en función de parámetros esóxenos, a parte de quedar moi ridículo, infantil diría, mostra ás claras o verdadeiro xénese que impulsa as decisións. Esconderse tras deste argumento sen mostrar toda a información é un exercicio máis do cinismo e do escurantismo ao que xa nos empezamos a acostumar, para a desgraza de todos e todas. O segundo punto sobre o que podemos analizar é a falla de solucións, onde a ética e a valentía podan ir xunto a unha realidade mostrada en todos os seus vectores e non manipulada como se nos ofrece. A imposición dun modelo económico alleo á gran maioría da poboación (evidentemente alleo en función dos resultados, non da participación pasiva ou indirecta), a imposición de regras de xogo establecidas sempre dende o centro do poder financeiro, etc son exemplos que estamos vivindo todos os días. Máis realmente o que nos debería asustar a todo o mundo é a frivolidade de esconder toda esta amalgama de situacións e información. Pero resulta evidente que este goberno e o seu presidente á cabeza acabou mentindo (máis ben comezou mentindo) xa que ao “supostamente” non controlar a situación de partida é lóxico que tampouco se controle a situación final, ou sexa que podemos concluír que ou ben se trata dun verdadeiro mentireiro ou dun verdadeiro inútil, a elixir.

Velaí circulan por internet vídeos e vídeos onde se pode comprobar a cantidade de promesas feitas diante de todos nós e o grao de incumprimento. Non podemos dicir que agora non estamos advertidos, non podemos dicir que aquilo que nos repetiron unha e mil veces na TVG sobre o decreto eólico era verdade, agora xa sabemos o que hai, sabemos que o presidente do noso país era coñecedor da situación das famosas preferentes de Caixa Galicia e, simplemente, non moveu un dedo, sabedes os motivos, non si?

Agora non pode haber máis escusas, todos e todas temos capacidade de movemento, psicomotricidade e “liberdade” á hora de escoller. Fagámolo ben, dunha vez e deixemos a miseria das accións covardes para quen fai uso delas acotío, non sexamos a poboación a que pague sempre, a que teña que manter o ritmo de vida duns poucos. Non nos queixemos despois das herdanzas recibidas.