Sobre este proceso electoral

Sobre este proceso electoral

Loxicamente nunca vivín os procesos electorais con pasividade e menos con indiferenza. Este no que estamos inmersos aínda menos, malia non ter responsabilidades institucionais. Porén, está resultando para min diferente nun aspecto substantivo, derivado de causas internas e das circunstancias políticas. Seguindo o aprobado, após os debates e votacións oportunas, nas nosas dúas últimas Asembleas Nacionais, procurei contribuír a unha mudanza necesaria de perspectiva e de actitude para mellorar a nosa actuación política. Esta mudanza tivo consecuencias tamén na forma de encarar estas eleccións ao Parlamento da Unión Europea, concretamente no lugar onde milito. Comezou por, dentro das nosas capacidades, intentar estruturar e convocar a nosa base social, polo menos a máis accesíbel, para lle aclarar o que está a pasar politicamente no Estado español e na Galiza, e como o noso país está condicionado pola dupla dependencia de aquel e da UE. Asemade explicamos cais eran os nosos obxectivos sociais, políticos e electorais nestas circunstancias. Pedimos tamén un compromiso, conforme ás capacidades e dispoñibilidades de cada quen, coa causa nacionalista nesta conxuntura, conscientes de que é prioritario alongar a nosa base social, fortalecela e mellorar a súa información e formación, se queremos resistir e avanzar. A verdade é que, dentro da modestia, o resultado foi moi positivo. Hoxe contamos cunha rede de simpatizantes formalizada como nunca en toda a historia do nacionalismo na cidade, unha verdadeira rede social para traballar e avanzarmos. Por certo, aínda moi lonxe do que son as nosas potencialidades. Tamén é certo que, en moitos casos, a nosa actividade cultural, a nosa actuación social en algúns barrios vinculada ao traballo no concello, nos posibilitaron entrar en contacto con moitas persoas que, con moi boa vontade e disposición, foron proclives a botar unha man e a comprometerse na medida das súas posibilidades.

Non acreditamos en que o deterioro da credibilidade do bipartidismo, o seu retroceso electoral mesmo, vaian beneficiar, de forma mecánica, as nosas expectativas electorais, nesta conxuntura. Moito menos lóxico é esperar que por si soias vaian mellorar ou facilitar a recepción social da nosa alternativa política nacionalista. Estase a producir unha crise de lexitimidade do réxime. Polo de agora, agás en Catalunya, non hai ningunha alternativa política de mudanza asumida socialmente de forma maioritaria. Na Galiza existe unha alternativa nacionalista, pero o que reina é a confusión, a atomización e un hipercriticismo, en versións variadas, que vai desde o repudio de toda a política até a esperanza de que a salvación veña de fóra, pola nosa pertenza a unidades superiores, as que están a causar precisamente a maioría dos males que padecemos. Porén nunca houbo tanta xente disposta a atender razóns, a escoitar sen prexuízos e mesmo a colaborar, perante o feito contundente de que o sistema non lles gusta e senten preocupación especial pola situación da súa concreta sociedade, a galega. Chegar a ela, informar das nosas análises e propostas, facelas partícipes, dalgunha maneira, da nosa práctica e dos nosos obxectivos políticos, é conformar unha opinión social e unha reivindicación colectiva da que Galiza, como pobo, está moi necesitada. Hoxe aínda é minoría quen mostra esta predisposición, pero minoría moi relevante que temos que gañar para o nacionalismo. Velaquí un dos obxectivos que, co gallo deste proceso electoral, tamén temos coidado.

Quero dicir que, nesta conxuntura, faríamos ben en non separar obxectivos electorais de obxectivos sociais e organizativos, pois se complementan e reforzan mutuamente. Por máis que nos dirixamos á inmensa maioría da sociedade, pois a nosa alternativa a ela serve, non cabe dúbida de que, nestas precisas circunstancias, estamos intentando aglutinar unha vontade de ser, de existir do pobo galego, un corpo social que asuma conscientemente que, dentro da actual Constitución española e do actual Estatuto, non hai solución para os nosos problemas, ou noutras palabras que co actual deseño do Estado e da Unión Europea o pobo galego non ten ningún futuro. Estamos intentando pór no centro do noso discurso a necesidade de o pobo galego decidir por si propio para saírmos da nosa tradicional e endémica crise que agora non fixo máis que se agravar, pero non iniciar. A mudanza da globalización a escala europea só se vai producir nun sentido favorábel ás clases populares se se conquistar a soberanía, a capacidade de decidir, dos pobos ou nacións, mesmo para acordaren calquera outra unidade entre iguais.

Esta a nosa acción e este noso discurso estanse producindo nun contexto de grande e antidemocrática hostilidade institucional, gobernativa, contra o nacionalismo e as clases populares, perfectamente adobiadas pola máis grave censura, marxinación e manipulación mediáticas dos vinte e cinco últimos anos. O gangsterismo está instalado, baixo xaculatorias liberais e competitivas, e con acenos dun hipócrita humanitarismo, nos centros de poder financeiro, industrial, militar, mediático, xudicial e político. Non en balde as miserias do sistema e do réxime nunca se puxeron tan de manifesto, como nunca estivo tan agudizada a confusión e o caos mental, expresados no maior descrédito da política mentres os poderes fácticos impoñen os seus criterios e deseños de forma desbocada. Sexa cal for o resultado electoral para o nacionalismo galego nestas eleccións, coido que foi unha proba de capacidade combativa e de mudanza necesaria facer este traballo de mobilización e estruturación da nosa base social, en condicións tan adversas. Teño evidencias de que, con diferentes métodos e logros, se levou a cabo en case toda a nación.

Vai haber unha grande abstención. Os resultados electorais haberá que valoralos como un síntoma, de forma relativizada, se unha inmensa maioría opta por non acudir ás urnas. Para nós son necesarios uns mínimos que nos manteñan como forza significativa e con presenza institucional. Necesitamos estar tamén no Parlamento Europeo, porque, malia parecer unha frase feita, é unha verdade incuestionábel que só se está alí o BNG, o pobo galego estará. Non se pode cavar máis fonda a idea de que non existimos, non valemos nin temos capacidade por nós mesmos, como pretenden desde todo o sucursalismo político para anular calquera aspiración do pobo galego a existir como tal. A inimiga contra o BNG recorreu a todas as andrómenas e intrigas imaxinábeis. Chegou ao intento da asfixia e desaparición dos medios públicos coa valiosa colaboración da Junta Electoral Central. O presidente da Xunta pretendeu, sen conseguilo malia a súa insistencia, demonizar unha alianza electoral, entre outras cousas moi coherentes e lóxicas, necesaria por mor de tratarse nesta ocasión dunha circunscrición de ámbito estatal, entre dúas forzas nacionalistas e democráticas, como BNG e Bildu, co recurso ao fantasma do terrorismo, sen dúbida porque o bota de menos como choio para a intoxicación das masas. E finalmente, o gangsterismo informativo do diario ao servizo da estratexia da aniquilación política de Galiza, intentando luxar o BNG con tramas de corrupción, sen rigor nin sustento legal ou xudicial.

Cando estivemos traballando cunha parte da nosa base potencial de cara a estas eleccións, aclaramos cais eran as nosas expectativas electorais nun contexto como o que estamos a vivir, tendo en conta os condicionantes externos, as nosas limitacións e a nosa historia recente. Afirmamos que pretendíamos movernos nun abano entre o 7 e o 10% do voto. Nas eleccións ao Parlamento da UE de hai cinco anos obtivemos o 9%. A nosa actuación social, a nosa organización de base, o noso dinamismo político en relación coa sociedade e os seus problemas teñen mellorado moito desde entón e superado fases internas moi críticas, malia ficar aínda moito por facer para estarmos á altura das circunstancias. O BNG aparece para moitos como unha forza política alternativa, a máis atenta ás necesidades e problemas das maiorías sociais de Galiza. Porén aparece para eses moitos, non xa para unha maioría, como alternativa no plano electoral? Sen dúbida, aínda non. Aínda moitos prefiren a abstención e outros a confusión. Após o que levamos padecido internamente cunha crise de orixe ideolóxico-política da que hoxe existen dados incuestionábeis para xulgar a súa orientación antinacionalista, e o que levamos soportado de manipulación, hostilidade e mentiras, manternos nunha porcentaxe como a de hai cinco anos, nun contexto de abafante abstención, deberíamos lelo como un síntoma de resistencia e de recuperación grazas á vitalidade e convicción dun corpo social que estamos sabendo dinamizar. Pero sobre todo, debemos lelo asumindo definitivamente a vía que nos temos marcado nas dúas últimas Asembleas Nacionais.