Sobre Coalición Galega


O partido Coalición Galega representou unha experiencia política que tivo o seu momento de “gloria” nos anos oitenta en Galiza. Hoxendía séguense producindo referencias a respecto do partido e da súa suposta “alma”. Ante isto, considero que é preciso voltar sobre este fenómeno político, co único propósito de aclarar debates que, dependendo das circunstancias, volven estar en primeira liña. O proxecto Coalición Galega xorde con motivo das eleccións municipais de 1983. Parte dos restos da Unión de Centro Democrático (UCD) en Galiza entraron en contacto co malogrado Partido Galeguista (PG) e decidiron constituír unha coalición para concorrer ás municipais en todas as provincias coa excepción de Pontevedra. Os ex-ucedeos, capitaneados polo deputado Euloxio G. Franqueira, aportarían á alianza a maquinaria electoral e o PG correspondería co “pedigree” nacional-galeguista. As partidas e as contrapartidas sempre están presentes nas alianzas que non pivotan sobre principios.

A coalición electoral obtivo un rotundo, e máis ou menos previsto, éxito nas provincias de Ourense e Lugo, e nomeadamente alí onde se mantiveran intactas as redes que antes serviran á UCD. Daquel 10,3% dos votos válidos, canto lle correspondía ao PG?

Dados os resultados, os líderes coaligados e o PG, aos que se unen os restos da UCD que permaneceran fóra nas provincias de A Coruña e Pontevedra, deciden convertela nun partido. Así xorde en 1984 o partido Coalición Galega.
A ilusión inicial vóltase efémera xa que, ao pouco sofre a excisión dunha parte do sector ourensán liderado por Vitorino Núñez, que coa marca Centristas de Galiza vai formar parte da Coalición Popular de Manuel Fraga. Malia todo, CG acada 11 deputados nas autonómicas de 1985, adquirindo unha posición central en tanto que bisagra para a conformación de goberno. A ausencia de maiorías absolutas e a existencia dun sistema de partidos inestábel e sometido a importantes incertezas, explican o éxito de CG.

Nas eleccións xerais de 1986, malia perder a metade dos votos que conseguira nas autonómicas, en parte polo bochornoso espectáculo ofrecido ao electorado na investidura de Fernández Albor (en xaneiro e febreiro de 1986 sucedéronse especulacións, pactos e desautorizacións) e, en parte, polo efecto do daquela aínda non moi coñecido “voto dual”, o partido obtén un deputado no Congreso pola provincia de Ourense.

A división existente dentro do partido da piña incide directamente na inestabilidade da Xunta, que, á súa vez, vai retroalimentar o conflito interno entre “conservadores” e “progresistas”. As preferencias no tocante a un pacto con AP ou co PSOE residen detrás das etiquetas empregadas na época para definir aos dous sectores enfrontados. O conflito desemboca na excisión dos progresistas, que logo, parte deles, crearán o Partido Nacionalista Galego (PNG).
A indefinición de CG queda de manifesto coa súa incorporación, máis ou menos confusa, á denominada “operación Roca” (o nome débese ao seu promotor formal o deputado de CiU Miquel Roca) que pretendía crear un “partido reformista” de ámbito estatal aproveitando os rexionalismos que aparecen despois da desaparición da UCD; ou mesmo coa incorporación a Coalición Progresista Galega nas municipais de 1987 xunto co Partido Liberal e o Partido Demócrata Popular, e á difuminación con este último nas europeas dese mesmo ano, decisións que, por certo, non foron comprendidas polas bases “coagas”, nomeadamente a coalición das municipais.

Finalmente, “Coalición Galega-conservadores” decide censurar ao goberno de AP (os resultados das eleccións xerais de 1986 e das municipais e europeas de 1987 explican esta decisión, de primeiras paradóxica) e entra a formar parte do tripartito xunto co excindido PNG, o PSOE e deputados tránsfugas da Coalición Popular incorporados a CG. A partir dese momento parecía comezar unha nova etapa para o partido coa incorporación como secretario xeral do ex-líder de Alianza Popular Barreiro Rivas.

A sorte do partido foi parella á do seu secretario xeral e nas autonómicas de 1989 reduciu a súa representación a 2 deputados, un por Lugo e outro por Ourense. A partir dese momento CG pasa a ser unha forza marxinal no sistema de partidos galego.

Xa que logo, o éxito de CG veu da man das redes caciquís e dunha estrutura de partidos aínda non consolidada en Galiza. A partir daquí os conflitos polo poder e os inevitábeis erros provocados tanto pola carencia dunha ideoloxía compartida, dun proxecto político e, nomeadamente, dunha organización, remataron na práctica desaparición da alianza, e con ela do partido. Xa se sabe, sen resultados non hai negocio, e sen negocio non ten sentido a sociedade, así que sálvese quen poida.

Despois desta breve síntese da evolución de CG, centremos agora a nosa atención na definición ideolóxica do partido. Os seus fundadores outorgáronlle as etiquetas: “centrista, democrático, autonomista e pragmático”.
Centrista? Nin de dereitas, nin de esquerdas, mais na práctica é de todos/as coñecido que os partidos que se “centran” comezan a definirse como moderados e rematan en posicións claramente dereitistas, así que a metáfora espacial é unicamente unha etiqueta con intencións electoralistas desde a suposición de que desde o “centrismo” se pode acaparar todo o electorado (haberá quen considere isto como o clásico “atrápao todo”).

Democrático? Está de máis, sempre e cando non se presupoña que existen forzas políticas no seu contorno que non son democráticas. En todo caso, esta etiqueta é moi recorrida polas forzas de dereitas, e por algo será.
Autonomista? Aquí está unha das claves pois, desde a posta en funcionamento do ESTADO DAS AUTONOMÍAS, ser autonomista non é máis que unha adaptación do clásico ser rexionalista. Un Estado con rexións xera, ou pode xerar, rexionalismo, e un Estado con autonomías, autonomismo. Xa que logo, autonomismo non é sinónimo de nacionalismo. O primeiro ten como referencia a autonomía e o segundo a nación, e creo que queda moi claro que non é o mesmo. En consecuencia, unha forza política autonomista asume de principio a estrutura xurídico-política do Estado, unha asunción que é inconcebíbel desde o nacionalismo.

Pragmático? Cando a ideoloxía e os valores se consideran superfluos predomina o pragmatismo que sempre é, por definición, curtopracista. Desde este “principio”, que redunda inexorabelmente na reprodución da orde establecida, enténdense os anteriores.

A evolución ideolóxico-política de Coalición Galega, despois da confusión dos anos 1986-87, reflicte o intento de dotarse dun proxecto político “galeguista”, un proxecto que, en todo caso, se podería definir polo sempre confuso “nacionalismo práctico” que, a fin de contas, remata reconvertendo o adxectivo en substantivo e este último perdendo completamente a súa denotación orixinaria, pasando deste xeito ao plano do oportunismo.

En definitiva, CG foi un partido creado desde as institucións e apoiado en estruturas caciquís. Cando isto faltou evidenciouse que non existía un proxecto nin unha organización que non fose máis aló dun cúmulo de intereses persoais, de ambicións. A súa orixe e a ausencia dun proxecto, quedan de manifesto na laxitude das fronteiras organizativas que permiten, acríticamente, a incorporación de persoeiros procedentes de experiencias moi alonxadas do que podería representar a suposta “alma” de Coalición Galega; mais isto só confirma que nunca existíu porque nesta nosa terra iso non é máis que un fantasma virtual, senón cómo se explicaría o barato que foi o transvase ao PP?. Creo que a carga da explicación reside nas redes caciquís e na súa reprodución, e no, duro pero real, predominio dos valores que representa a dereita española no seu sentido máis conservador. E do galeguismo? Pois iso, rexionalismo de necesidade (“porque eu son daquí”), sen que implique en ningún momento un cuestionamento da estrutura territorial do Estado, e, en fin, folclore no seu sentido máis “folclórico”.