Sobre a redución do número de deputados no parlamento de Galiza

Sobre a redución do número de deputados no parlamento de Galiza

A proposta de Núñez Feijóo de reducir o número de deputados, enmascarada no caixón de xastre da austeridade, representa unha manipulación máis do sistema electoral con un obxectivo puramente partidista: manterse no poder custe o que custe.

Estamos de saldo, esa é a impresión que ten calquera persoa minimamente crítica e informada logo de asistir, vía entrevista, á proposta do presidente da Xunta de reducir o número de deputados no Parlamento galego, malia que hai poucos días dicía que en Galiza este non era o problema.

Quixera comezar deixando claro que estamos a falar da institución representativa central dentro dun sistema parlamentar, limitado de partida polo marco autonómico pero con competencias propias e claramente definidas. O Parlamento é a institución na que se elixe ao Presidente da Xunta, é onde se elaboran as leis, é onde reside a representación dos galegos e das galegas, é onde se aproban os orzamentos da Xunta, é onde se debate e lexisla sobre a sanidade, a educación,… Tendo claro isto, enténdese esta proposta do señor Feijóo no curto prazo como un intento de gañar nas eleccións sexa como sexa, e no medio prazo como un avance estratéxico contra a xa limitada autonomía galega, evidenciado na súa actuación de deixadez fronte ás inxerencias do goberno central nas competencias exclusivas galegas.

Centrémonos agora no sistema electoral galego. O Estatuto de Autonomía sitúa a provincia como circunscrición, fixa o número de deputados entre 60 e 80 e remítese a un sistema proporcional sen definir a fórmula concreta. Na súa disposición transitoria primeira establécense os mecanismos para a elección do primeiro Parlamento que contaría con 71 deputados/as distribuídos seguinte maneira: A Coruña 22, Lugo 15, Ourense 15 e Pontevedra 19. Para as cuestións non previstas remítese de maneira subsidiaria á lexislación estatal. Este sistema aplícase nas eleccións de 1981 e para os comicios de 1985, malia que xa estaba vixente a Lei de Eleccións (Lei 8/1985), mantense transitoriamente a distribución de escanos. A Lei de Eleccións incorpora unha novidade fixando o tamaño do Parlamento en 75 escanos, partindo dun fixo de 10 por provincia e dun prorrateo dos 35 restantes atendendo á poboación de dereito das circunscricións; e recolle a barreira do 3% dos votos válidos para entrar no reparto de escanos.

A Lei de Eleccións de 1985 sofre dúas modificacións, unha en 1992 (Lei 15/1992) e outra en 2004 (Lei 12/2004). Xa que logo, houbo dúas reformas nos 27 anos que leva en vigor, dúas modificacións deseñadas polo Partido Popular que, como veremos, teñen motivacións moi distanciadas da mellora do funcionamento do sistema. Na reforma de 1992 cámbiase a barreira legal que pasa ao 5% dos votos válidos reforzando deste xeito o efecto mecánico do sistema e os seus efectos psicolóxicos. Manuel Fraga obtivera a maioría absoluta xusta en 1989 en coalición con Centristas de Galicia en Ourense. O obxectivo de Fraga ía na dirección de desincentivar calquera intento de recompoñer o centrismo. A outra cuestión que sofre cambios é a ampliación das causas de inelixibilidade que se definen pola súa singularidade en tanto que tiñan unha pretensión clara: evitar que o daquela alcalde de A Coruña fose deputado mentres seguise sendo alcalde, e axustar contas dentro do seu partido cos presidentes das deputacións. A modificación de 2004 tiña un obxectivo moi concreto, incrementar os prazos do escrutinio xeral para recibir o maior número posíbel de votos dos residentes ausentes, cando nunca se atendera con seriedade ás garantías deste, malia as denuncias e as sospeitas de fraude. Os prazos fixados son os mesmos que a lexislación canaria, o escrutinio comeza o oitavo día posterior ás eleccións e pode prolongarse até o undécimo día posterior, pero supoñen unha ampliación clara a respecto da lexislación estatal na que o reconto comeza o terceiro día e remata o sexto posterior ás eleccións.

As dúas reformas evidencian a manipulación de mecanismos do sistema electoral en base a intereses puramente partidistas e a cálculos electoralistas.

Pois ben, en xullo de 2012 xorde outra proposta de modificación da Lei de Eleccións que se pode asimilar ás anteriores en tanto que responde a intereses electoralistas, mais ten un engadido antidemocrático tanto polo que implica como polo argumento sobre o que se constrúe, en tanto que sitúa o Parlamento na diana do populismo destrutivo.

A proposta que realiza Feijóo nunha entrevista dominical, consiste en reducir o número de deputados de 75 a 61. Unha proposta que non implica un reparto de 61 deputados para toda Galiza, senón un reparto por circunscricións que reducen considerabelmente o seu tamaño e que ten un efecto inmediato na representatividade, na proporcionalidade e no incremento do limiar efectivo de representación.

Con esta proposta, e se mantemos todo o demais igual, é dicir o mínimo por circunscrición e o rateo dos 21 restantes atendendo á poboación, o reparto sería o seguinte (cifras de poboación provisionais do INE a 1 de xaneiro de 2012): A Coruña 19, Lugo 13, Ourense 12 e Pontevedra 17. Co sistema vixente quedaría así: A Coruña 25 (un máis que en 2009), Lugo 14 (un menos), Ourense 14 e Pontevedra 22.

Vexamos agora algunhas das implicacións desta modificación da magnitude das circunscricións:
-Sobre os resultados das eleccións de 2009. O Partido Popular tería 32 escanos, o PSOE 19 e o BNG 10. Desta maneira a maioría absoluta actual pasaría a ser máis folgada en tanto que o PP, cos mesmos votos, obtería tres deputados máis que a suma de PSOE e BNG. Este é o efecto máis evidente da reforma. -Representatividade. Co sistema actual correspondía un deputado por cada 45.734 habitantes na provincia de A Coruña e en Ourense un por cada 23.582; con esta reforma un deputado en A Coruña representa a 60.176 habitantes e en Lugo a 27.819. O problema de sobrerepresentación do sistema actual agrávase claramente con esta reforma.
-Proporcionalidade. Se examinamos todas as eleccións ao Parlamento de Galiza, constatamos que o partido máis votado obtén permanentemente unha prima importante entre a porcentaxe de voto e a porcentaxe de escanos. Así, en 2009 o PP co 46,7% dos votos obtén o 50,7% dos escanos, o PSOE co 31 o 33,3% e o BNG o 16% coa mesma cifra de voto. Con 61 deputados as primas serían máis elevadas para o PP, en tanto que tería o 52,5% dos deputados (+5,8). Xa que logo, evidénciase o efecto maioritario.
-Limiar efectivo de representación. A barreira legal para entrar no reparto de escanos é desde 1992 do 5% dos votos válidos. Desde as primeiras eleccións autonómicas o deputado que entrou no Parlamento co resto menor, limiar efectivo, foi na provincia de A Coruña co 3,4% en 1981, é dicir o tamaño da circunscrición ten un efecto mecánico na delimitación do limiar. En Pontevedra sempre se situou por riba do 4,1% e en Lugo e Ourense por riba do 6%. A redución do número de deputados provoca un incremento significativo do limiar de representación. Cos resultados de 2009 en A Coruña situaríase no 4,55%, en Pontevedra no 5,21%, en Lugo no 6,83% e en Ourense no 7,97%. Xa que logo, a barreira legal só terá vixencia en A Coruña mais non nas outras circunscricións. -Custe dos escanos. Trátase dun indicador que depende da participación electoral. Cos resultados de 2009 cada deputado para o PP tería un custe medio de 24.669,6 votos por 27.604,6 para o PSOE e 27.071,2 para o BNG. Unhas diferenzas que se incrementan considerabelmente na circunscrición coruñesa, na que cada escano do PP ten un valor de 30.477,9 votos, fronte aos 34.129,8 do PSOE e aos 35.114,7 do BNG. Co reparto actual as diferenzas na provincia son máis baixas, pois cada escano do PP corresponde a 25.398,3 votos, por 25.597,4 do PSOE e 26.336 do BNG.

Queda de manifesto que o principal beneficiado con esta reforma, tendo en conta os resultados de procesos celebrados, é o Partido. E o principal prexudicado é o incipiente e limitado sistema democrático, e polo tanto a cidadanía.

Polo tanto, Núñez Feijóo pretende con este recorte do número de representantes constrinxir a proporcionalidade dun sistema que xa ten parte das súas carencias no tamaño das circunscricións e na aplicación da fórmula electoral vixente. O obxectivo é volver a gañar as eleccións, aínda que sexa prexudicando a principal institución representativa en Galiza no marco institucional actual. Máis unha vez, para o Partido Popular o fin xustifica os medios.

Esta proposta únese aos ataques irresponsábeis a institucións representativas que poderán ser melloradas, pero distanciase, a modo de cortina de fume, do realmente importante para a maioría social como a desaparición das deputacións e da administración periférica do Estado, entre outras medidas; ou a reforma fiscal e, sen dubidalo, do cambio de modelo económico.

E mentres tanto, segue aberto o concurso da austeridade de corte mediático propia dunha democracia monitorizada que só pode ter un receptor: o homo videns.