Sobre a ameaza china
Hai unhas décadas estendeuse o bulo de que a comunidade China instalada na Galiza e no resto do estado español comía en segredo aos seus mortos, argumentando que era esa antropofaxia a razón pola que nunca tiñamos coñecemento de unha morte ou dun enterro entre os chinos que traballaban en bazares ou restaurantes. A memoria no tempo dos impactos mediáticos é moi fráxil e haberá quen non crea o que está lendo; pero o que digo nin é brincadeira nin froito do efecto do uso de substancias alucinóxenas na festa de fin de ano. Era algo estendido, e pode constatarse sen moita dificultade, consultando algún dos desmentidos publicados ou preguntando á xente maior, pois moita aínda ten presente esa impresión.
Nos últimos anos veume á memoria esa anécdota en diversas ocasións, ao ver como se divulgaban outras “noticias” fabricadas sobre a maldade intrínseca a ese país, aos seus dirixentes, e como non, ao maquiavélico Partido Comunista Chino que manexa as mentes e sobre todo a vida da súa poboación.
E no que levamos do novo ano a cousa non vexo que teña mudado, o demo chino segue a ser responsábel de perigos para as nosas vidas. Non hai dúbida de que toca inchar un novo globo, e facelo xigante dándolle grande repercusión mediática; con case todos os medios de comunicación occidentais ao unísono repetindo a mesma mensaxe arrepiante; unha mensaxe seguida de inmediato do anuncio de decisións drásticas por parte dos diversos gobernos que entran en histérica carreira. Agora o globo a inchar é a posibilidade de que a evolución da covid no xigante asiático, traia consigo un estourido de contaxios en Occidente, feito que especialistas recoñecidos consideran improbábel; pero que non deixa de ser o capítulo que toca agora do proceso de demonización. Un proceso no que os mesmos que criticaban duramente por excesivas unhas medidas de covid 0 impostas polas autoridades chinas que impediron unha sangría de millóns de mortes, agora critican co mesmo ímpeto o remate desa política.
China está cada vez máis presente nas nosas vidas, vaino estar aínda moito máis. Diante desa perspectiva hai dous posíbeis camiños; un é o de presentala como ameaza para o noso xeito de vida, unha ameaza que debemos combater e eliminar; o outro é considerar como necesarias a convivencia e o respecto por quen é diferente, abandonando ese complexo de superioridade tan propio do eurocentrismo. Eu opto por este segundo camiño.
Descoñecemos case todo sobre China e en xeral sobre todo Oriente, e quen teña interese en informarse debe buscar pola súa conta. Consciente diso, levo xa un tempo buscando datos, reflexións e opinións que me permitan situarme. Nesa busca, hai uns días chegou a min un pequeno libro que despois de telo lido recomendo a toda persoa que teña curiosidade por coñecer unha visión distinta e afastada dos tópicos. O libro “China, amenaza o esperanza. La realidad de una revolución pragmática”, publicouse no mes de novembro, e está escrito por Javier García, un xornalista galego de ampla experiencia, que desde hai uns anos exerce como profesor de xornalismo en Beijing.
Estamos diante dun libro prologado por Xulio Ríos, referencia fundamental para falar sobre China; e iso pode chamar a engano ao considerar que se trata de unha obra para especialistas, pero non é así, estamos diante dunha obra de doada lectura, incluso para persoas que teñan un total descoñecemento sobre esa realidade. O libro pode dividirse en dúas partes, unha primeira de dous capítulos que poderíamos considerar de análise, e os outros cinco capítulos que podemos considerar informativos ou explicativos.
Na primeira parte vanse debullando as distintas frontes e operacións da chamada guerra híbrida, que desde hai tempo se executa contra China; destacando as referencias aos medios de comunicación como ferramentas de transmisión de noticias fabricadas á mantenta, co obxectivo de crear un determinado ambiente, unha realidade que o autor debido á súa profesión coñece de primeira man.
Na segunda, que é a máis ampla, as persoas pouco coñecedoras da realidade china poden atopar información de primeira man sobre múltiples aspectos e sobre a evolución dos mesmos; unha información coa que é posíbel facer unha composición de lugar sobre a China de hoxe. Para iso o autor vai debullando a realidade dese inmenso estado, pero non con unha enxurrada de datos estatísticos que as veces o que fan é agachar ou enmascarar realidades detrás dos números. Hai moitos datos, pero sobre todo hai referencias ao radical cambio nas condicións de vida da poboación, ás necesidades de adaptación do modelo económico e industrializador inicial baseado no crecemento para chegar ao que se considera necesario para o futuro baseado na sostenibilidade, etc... E as referencias englóbanse dentro da cultura propia de unha civilización milenaria, unha cultura que ten unhas características que chocan coas predominantes en Occidente, destacando o seu pragmatismo, un pragmatismo baseado máis na análise da práctica que na teorización.
Di o autor que só desde o respecto e a tolerancia será posíbel unha nova orde mundial, pois non chegamos en absoluto á fin da historia; e eu considero que para iso precisamos coñecer máis e mellor outras realidades, este libro sen dúbida é unha achega nese camiño.