Sobran deputados?


Na colaboración correspondente ao pasado mes expuxen como, desde unha ideoloxía neoliberal, se está a xustificar a inhibición do sector público verbo dos cometidos que lle encomendara o denominado Estado do benestar na protección dos dereitos sociais dos cidadáns. Apuntaba daquela que a mutilación destes dereitos ía tamén acompañada dunha nova ideoloxía que carga as tintas sobre a desconfianza cara a todos os políticos como causantes da actual crise económica e, consecuentemente, da necesidade de minguar o gasto público reducindo o número de representantes nas distintas institucións. É certo que algunhas das actuais administracións públicas son totalmente innecesarias, e mesmo contraproducentes, para satisfacer as necesidades dos administrados. Isto é o que acontece coas Deputacións, órganos que, de feito, xa foron suprimidos hai moitos anos en todas as autonomías uniprovinciais do Estado. ¿Por que, xa que non existen deputacións en Madrid, Asturias, Cantabria, Murcia, etcétera, teñen que seguir existindo na Galiza e no resto do Estado?

Parto desta iniciativa de supresión das deputacións, que desde vello foi sostida polo nacionalismo galego e á que na actualidade tamén se sumaron algúns outros grupos políticos, para chegar á proposta recentemente anunciada polo Partido Popular para reducir tamén, aproveitando este marco ideolóxico, o número de deputados no Congreso, dos parlamentos autonómicos e mais das corporacións locais.

Mais, agora vou centrar a atención na proposta de redución do número de representantes no Congreso dos deputados. A primeira norma legal postfranquista que fixou o número de representantes nesta cámara en 350 foi o preconstitucional Real Decreto-Lei sobre Normas Electorais, de 23 de marzo de 1977. Daquela, a poboación do Estado español estaba constituída por 35 millóns de habitantes e, por tanto, a proporción entre habitantes e deputados era de 1/100.000.

Segundo o artigo 68 da Constitución, o Congreso componse dun mínimo de 300 e dun máximo de 400 membros, elixidos nos termos que estabeleza a Lei. A norma que desenvolve este mandato constitucional é a Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime electoral xeral, que fixa en 350 o número de deputados do Congreso. Na actualidade a poboación do Estado supera os 47 millóns. Isto é, a relación cambia de forma que a cada deputado corresponden 134.285 habitantes. Desde o ano 1977 a hoxe pasaron trinta e catro anos e este incremento demográfico supuxo exactamente un 34 por cento nese período mentres que a composición do Congreso se mantivo inalterada nos 350 membros.

Na proposta formulada recentemente polo PP de modificar a lei electoral para reducir o número de deputados a 300, baixo a escusa do aforro do gasto, abrígase a pretensión de reforzar os partidos maioritarios en detrimento do pluralismo político e dunha representación máis equitativa da sociedade na Cámara baixa. Se estabelecemos unha comparanza coa proporción dos Estados do contorno europeo temos os seguintes datos:

Asemblea da República de Portugal 1/49.204;
Asemblea Nacional Francesa: 1/114.388;
Cámara dos Deputados de Italia 1/95.258;
Cámara Baixa do Reino Unido 1/94.426;
Bundestag da República Federal alemá 1/132.803
Congreso dos Deputados español: 47.150.800 de habitantes/350 deputados = 1/134.716.

Constatamos nestes datos que a proporción máis elevada de habitantes por cada representante parlamentar sitúase no Estado español e tan só esa ratio se aproxima á española no caso da República Federal Alemá, ficando as dos outros Estados moi por debaixo. De levarse a cabo a proposta de redución de deputados anunciada polo PP, a proporción dispararíase a 1/156.666.

Ás xa grandes dificultades con que se encontran os grupos políticos minoritarios para salvar os obstáculos da actual lei electoral, sucedería, de executarse esta proposta de reforma, a eliminación de toda esperanza de acadaren representación no Congreso. Deste xeito, instauraríase un bipartidismo letal para o sistema democrático que reproduciría, en pleno século XXI, a quenda de partidos no poder seguindo o modelo da Restauración canovista do século XIX.

Máis aínda, a redución de representantes dos cidadáns resultaría mesmo inconstitucional dado que o artigo 1.1 da Constitución recoñece como valor superior do ordenamento xurídico español o pluralismo político á par da liberdade, da xustiza e da igualdade.

Pero a finalidade desta pretensión do PP, neste contexto de euforia preelectoral, tamén leva implícito o desexo de constituírse como partido con capacidade para controlar todos os resortes do Estado a través das maiorías cualificadas. Deste xeito, o PP abrigaría a posibilidade de nomear os membros do Tribunal Constitucional, do Consello Xeral do Poder Xudicial, do Tribunal de Contas, do Director da RTVE, do Defensor do Pobo e, mesmo, de pretender a reforma da Constitución.

En xuño de 2008, o Goberno elevou ao Consello de Estado a solicitude dun informe sobre diversas cuestións relacionadas coa futura reforma da Lei electoral. Entre estas cuestións figuraba a mellora da proporcionalidade do sistema. Na súa resposta, o Consello recoñece que "o sistema electoral do Congreso dos Deputados presenta algúns aspectos que poderían ser susceptíbeis de mellora, en aras de garantir a igualdade dos electores e dos partidos políticos no proceso electoral e de revalorizar a participación dos cidadáns na designación dos seus representantes". E continúa afirmando tamén este órgano consultivo que "a mellora da igualdade do poder de voto fai aconsellábel que tales desviacións tendan a corrixirse, en liña coa tendencia xeral -apreciábel nos sistemas electorais europeos examinados- a lograr unha distribución equitativa dos escanos en xogo". Respectando os límites impostos pola Constitución, "o lexislador podería alcanzar o devandito obxectivo reducindo a representación mínima inicial [por circunscrición electoral] de dous a un deputado e elevando o número de deputados do Congreso a catrocentos. Ambas medidas, aplicadas de xeito conxunto, son as que, a xuízo do Consello de Estado, resultarían máis indicadas". Como ben sabemos, nin o PSOE nin o PP tiveron en conta estas recomendacións para mellorar a proporcionalidade na representación popular no Congreso dos Deputados. A reforma da Lei electoral operouse coa aprobación da Lei Orgánica 3/2011, de 28 de xaneiro, sen que, neste sentido, se lle fixese caso ao devandito Informe. Malia isto, o PP vén de proclamar a necesidade de reducir a 300 o número de representantes.