Soberanía, vontade e política

Soberanía, vontade e política

Hai dúas semanas deuse a coñecer o total da débeda externa do Estado Español e a súa distribución. Segundo estes datos, proporcionados polo Banco de España, a débeda externa do Estado a finais de 2011 é de 1 billón 775 mil millóns de euros, dos cales un 40,34% corresponde á débeda do sector financeiro, un 23,83% é débeda de empresas e familias, e un 15,88% é débeda das administracións públicas (Estado, comunidades autónomas e entidades locais).

Como se pode observar á luz destes datos, o 64% da débeda externa do Estado, é dicir, 1 billón 139 mil millóns de euros, é débeda privada das entidades financeiras (bancos, caixas...) e das empresas e das familias. Este dato sen embargo, pasou totalmente inadvertido nos medios de comunicación, que non o esconderon -todo hai que dicilo-, mais ningún articulista, ningún “tertuliano” e mesmo ningún dos partidos políticos maioritarios puxeron o acento sobre a enorme débeda privada e as súas consecuencias.

Paralelamente á publicación destes datos, e en pleno ataque especulativo dos mercados contra a débeda pública soberana do Estado Español, o goberno central do Partido Popular daba a coñecer a través dunha nota de prensa uns recortes de 10.000 millóns de euros na sanidade e na educación públicas, uns recortes que se engaden aos reflectidos nos orzamentos xerais do Estado elaborados polo goberno do PP, e dos que fixo no seu día o PSOE.

,O que poñen de manifesto estes datos é que o problema real desta crise non está na débeda das administracións públicas, que segundo o Banco de España é de só 282 mil millóns de euros, senón na enorme débeda privada, e en concreto na do sector financeiro, que non o esquezamos, foi o detonante desta crise. Sen embargo, sendo como debería ser o sector público o motor da economía, é este ao que se lle está a por freo con continuas privatizacións, recortes nos servizos e nos investimentos públicos, que, como demostran os datos do paro, non trouxeron mellora económica algunha, como se anunciaba desde o goberno de turno, e si un empobrecemento e unha perda de dereitos dos traballadores e das traballadoras.

Coa enorme débeda privada existente, non só no Estado Español, senón a nivel global, non é estraño que os mercados acaparen o 100% do financiamento dos bancos centrais, que sufragan os excesos do sector financeiro a costa de afogar aos estados. Así por exemplo, vemos que por unha banda o BCE proporciona aos mercados liquidez sen límites a un prezo de saldo, e pola outra adquire débeda pública no mercado secundario, é dicir, aos propios mercados, para que estes poidan seguir presionando aos estados para adquirir débeda pública nunhas condicións de usura.

Mais na tarefa de agrandar a bola de neve da débeda do sistema financeiro non só participa o BCE, tamén os Estados que aprobaron reformas constitucionais, como a pactada polo PP e o PSOE no mes de setembro do ano pasado; unha reforma que dá “prioridade absoluta” ao pago os xuros e o capital da débeda pública, fronte ás políticas de gasto social e investimento público.

Os mercados, o capitalismo, teñen a súa lóxica, perversa, que nada ten a ver coa lóxica e as necesidades humanas, sobre todo das clases traballadoras, que son a inmensa maioría da poboación. A lóxica dos mercados é maximizar os beneficios. Así non é estraño que moitos fondos de investimento expliciten sen rubor o seu interese na quebra de entidades financeiras ou estados; neste sentido non temos máis que ollar o informe de Carmel Asset Management (ver páxina 10), no que reflicten explicitamente que de quebrar o Estado Español terían uns beneficios do 300%.

Sen embargo, e indo a exemplos concretos, Arxentina no seu día abandonou as políticas ditadas polo FMI e o Banco Mundial que afogaban a súa economía con continuos recortes, privatizacións e e máis endebedamento, abandonou a paridade dólar-peso, e nestes días o goberno arxentino vén de nacionalizar YPF, unha empresa estratéxica privatizada en plena euforia neoliberal dos anos 90 do século pasado. O exemplo arxentino demostra que si é posíbel facer outro tipo de política, como tamén o demostrou Venezuela, Ecuador, Bolivia ou Islandia, cuxos políticos actuaron no seu día ao ditado dos mercados, e agora actúan ao ditado dos seus respectivos pobos.

Hai alternativa...! Unha banca pública, defensa e potenciación dos nosos sectores produtivos, fiscalidade progresiva, regulación do sistema financeiro, eliminación dos paraísos fiscais, eliminación das deputacións e dos ministerios con competencias transferidas, ... e mesmo, -porque non-, a saída do Euro. Hai moito onde “recortar” e onde “reformar” sen necesidade de recortar dereitos e servizos públicos, só é cuestión de ter vontade política e exercermos a soberanía para reverter esta espiral perversa que está empobrecendo a mantenta a inmensas capas da sociedade.

Como fixo Arxentina, a soberanía, se se ten, hai que exercela, e Galiza ten que decidir se exerce a súa soberanía ou prefire suicidarse con España.


----------------------------------------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
----------------------------------------------------------------------------------------------