Soberanía para saírmos da crise

Soberanía para saírmos da crise

Por segundo ano consecutivo, ao abeiro do marco consensuado polo bipartidismo estatal na reforma constitucional de 2011, levouse a termo a imposición desde o Goberno central dos criterios de déficit para todo o sector público. Se ben antes de dita reforma, a “autonomía financeira” xa era moi limitada, pois o control da maior parte dos ingresos e unha parte significativa do gasto exercíase directamente desde Madrid, agora redúcese a ser executor de pagamentos, priorizando, tal e como se ordena na reforma constitucional, atender a débeda por riba incluso de financiar necesidades urxentes de servizos públicos esenciais.

O debate público estivo presidido pola aplicación do criterio do “déficit á carta”, porén o esencial, o poder absoluto que agora se exerce desde o Ministerio de Facenda sobre todo o sector público, foi agochado, xa que constitúe a maior evidencia dun sistema político e institucional ferreamente centralizado, moi alonxando dos esquemas federais, que aínda hoxendía se empregan polos apoloxistas da unidade constitucional como comparativos do modelo constitucional xurdido hai case catro décadas.

Por se non abondaba, o Secretario de Estado de Administración Públicas, deixou ben claro o mecanismo de intervención deseñado para que se aplique unha reforma institucional cos criterios do PP.Se non se fixer, non se aproban os plans económico-financeiros, dese xeito tampouco se poderán acoller aos mecanismos de financiamento adicionais, co que se producirán os incumprimentos da Lei de morosidade e con iso activaranse mecanismos para poder intervir en aplicación da lexislación sobre estabilidade orzamentaria. Mais non remata neste esteo o afogo económico, se houber calquera intención de deixar de aplicar esa reforma, obrigaraselles a iso, porque (textualmente nunha entrevista recollida en Europa Press) “para eso está el Tribunal Constitucional”, que ademais como é notorio, está liderado por un militante do PP.

A estensión a todos os ámbitos institucionais da doutrina económica do PP está asentada nun marco xurídico político que non só protexe a súa imposición desde un único órgano central, senón que mesmo aínda se pode ampliar de persistir a obstinación en desenvolver o mesmo programa económico e político, porque, como estamos a comprobar, o denominador común a todas as decisións e reformas aprobadas nestes dous anos, é reforzar o poder de decisión en Madrid en todos os eidos.

As consecuencias destas decisións están á vista: canto máis concentración económica e de poder político, mais se agrava a situación económica e social, e tamén máis se afasta calquera cenario de recuperación. Semella que canto máis forza e enerxía se concentra no núcleo central do Estado, máis se aboca a que Galiza, á que se lle outorga un rol de periferia, perda potencialidade e capacidade de reacción, pois as ferramentas coas que podería contar son as mesmas que levan fracasando ano tras ano despois de xurdir a actual crise económica, e cada vez se lle impide dun xeito máis contundente adoptar solucións diverxentes ás que se ditan desde Madrid.

Cómpre entender que é esta deriva cara unha maior concentración de poder político e económico a que reforza o estatus periférico e dependente de Galiza, e que nestes momentos a mellor opción é sermos capaces de decidir por nós mesmos, sen ter que pasar pola peaxe das imposicións da visión dun Estado, e dos poderes que o lexitiman, que primeiro miran polos seus intereses cargando sobre as nosas costas os axustes da crise.

De non haber mudanzas inmediatas e profundas no actual modelo constitucional, que nos permitan exercermos a capacidade de decidir consonte os nosos intereses, non imos saír indemnes da actual crise, senón que as feridas serán máis graves e as facturas para curalas máis avultadas. Por iso está da nosa man esforzarnos en espallar o camiño da soberanía para Galiza como superación da crise actual, e tamén como escudo para resistir envites análogos no futuro.