Soberanía, Democracia e Traballo

Soberanía, Democracia e Traballo

Efectivamente, a Soberanía é o camiño para saír da delicada situación económica na que nos atopamos e que sucesivas decisións e actuacións de natureza allea complican cada día máis. A Soberanía centrará os ataques máis duros, en Galiza e Euskadi, da dereita e esquerda españolistas. A Democracia está a sufrir demoledores ataques que é preciso frear. E o Traballo e con el a volta aos dereitos e servizos sociais perdidos completa a triloxía base do esforzo electoral e a posterior asunción das responsabilidades de goberno.

Os ataques ao Estado Autonómico xa se iniciaron intentando argumentar que supoñen un gasto inasumíbel e innecesario derivándose diso que sería preciso devolver todas as súas competencias a Madrid. As nosas eleccións nacionais vanse ver ademais solapadas coas de Euskadi, onde un imparable ascenso das opcións nacionalistas vai facer que se potencien os furibundos ataques e as descualificacións da caverna madrileña aos nacionalismos. Os movementos de Mayor Oreja e Esperanza Aguirre, a parte das súas ambicións personalistas, van nesta liña: presionar para radicalizar aínda máis o discurso da dereita poñendo, ademais, sobre o tapete e fornecendo novas opcións como a de Mario Conde. O obxectivo é duplo, acabar con Raxoi para poñerse eles, e converter ao PP nunha especie de “Fuerza Nueva”, da que, por certo, non anda moi lonxe na actualidade.

Asistiremos a continuas argumentacións sobre o sentido das autonomías, do custo que supoñen e da necesidade de acabar con elas, demonizando a política e aos políticos. A radicalización do discurso xa está atopando acubillo e nos leva a situacións estrambóticas, pero por elo non menos preocupantes como a do coronel Francisco Alamán que ameazou con intervir militarmente Cataluña si intenta independizarse. A súa concepción de Franco como un “español providencial co que Deus agasallou a España por evanxelizar América” atopa nos círculos madrileños cada vez máis adeptos, e o que é máis perigoso o convencemento de que a solución á situación económica virá de mans dun novo Franco do século XXI.

Galiza necesita Soberanía para recuperar todos os seus sectores produtivos que sucesivos gobernos foron anulando en aras a uns intereses “superiores” (ou sexa doutros lugares con maior poder de presión política e económica). Entre outros, o leite coas súas cotas leiteiras que agora que xa non lles interesan eliminan, o agro en xeral, a pesca, o veto sobre os estaleiros e o escándalo do concurso eólico e a súa fraudulenta anulación que o que conseguiu foi acabar coa situación privilexiada de Galiza na produción deste tipo de enerxía, renovábel por outro lado, paralizando unhas enormes posibilidades e atrasándonos varios anos a un lugar do que xa vai ser moi complicado saír.

,Estamos cansos do argumento de que Galiza non sobreviviría por si mesma, que vive da solidariedade doutros, nomeadamente Madrid e Catalunya. Quítannos a capacidade produtiva a cambio dunha esmola en forma de subvención, que van minorando pouco a pouco, e logo din que somos dependentes. O discurso repetido nos medios madrileños de que esta capital é a que máis ingresa nas arcas do Estado e polo tanto é máis solidaria e na que ten que residir todo o poder, basease nunha falsidade: Madrid non produce, Madrid é sede de empresas que producen noutro lado, véxase Fenosa sen ir máis lonxe, e víronse obrigadas a levar a súa sede á capital do Estado, tributando consecuentemente nela.

Estes ataques van unidos aos ataques á Democracia. A manida frase “todos os políticos son iguais” favorece aos que están no poder, e os recortes en democracia e en control democrático, vía redución deputados e supresión de institucións necesarias pretenden levarnos ao convencemento de que os tecnócratas son os que teñen que solucionalo todo. Por suposto estes tecnócratas son os que provocaron a crise ou son nomeados por estes. Necesitamos Democracia e control democrático e o argumento do aforro non se sostén xa que supón unha mínima parte dos gastos do Estado. Por suposto hai que eliminar os excesos pero isto virá da man, sobre todo, do control democrático. En Galiza, por desgraza, temos moita experiencia en caciques e no seu nulo control democrático. Iso é o que hai que eliminar.

Claro que, hai institucións innecesarias (Deputacións e Monarquía) ou outras nas que hai que replantexarse a súa concepción como o Senado cuxa modificación ou supresión suporían un aforro importante ao que se podería engadir a supresión das prebendas a Igrexa católica ou a redución de gastos militares. Non sei se a aparición de persoeiros como o coronel Alamán é sintomática, pero solo nos faltaba que despois de comprarlles as pistolas as apuntaran contra nos. Fálase da modernización das forzas armadas pero episodios como este, sen unha fulminante reacción en forma de cese e expulsión do individuo, non apuntan demasiado nesa liña.

O terceiro alicerce é o Traballo. Precísanse políticas económicas que incentiven e faciliten a produción, que reactiven a economía, non reformas laborais que abaraten os despedimentos e recorten dereitos laborais. O resultado está claro a máis reformas laborais regresivas, máis agravamento da situación económica, do paro, dos dereitos laborais. O traballo e a reactivación económica traerá consigo a recuperación dos servizos públicos a niveis que nunca tiveron que ser rebaixados. A Sanidade e o Ensino, fundamentais nunha sociedade, teñen que ser recuperados e non poden ser obxecto de negocio, nin un produto de luxo solo ao alcance dos privilexiados.

Preséntase unha campaña moi dura, pero estamos preparados, a campaña do Día da Patria demostrou que os esforzos tiveron a súa recompensa cun éxito histórico. A maquinaria está lanzada, todos e todas moi ilusionados e comprometidos, así que o 21 de outubro será a continuación dun Día da Patria do que tan orgullosos e orgullosas nos sentimos.