Soberania alimentar ou soberania política

Soberania alimentar ou soberania política

Neste mundo de imperio de novo cuño dominado por catro badulaques desalmados sen conciencia nin respecto pola vida nin pola xente, e que se guían polo instinto voraz do diñeiro e do poder, matar a xente de fame está a orde do día; e para adormentar algunha conciencia que puidera espertar ante tamaño xenocidio temos unha manchea de agrupacións compasivas, especie de ordes mendicantes, que reclaman solucións idealistas mentres os depredadores seguen intocables a súa masacre e xúntanse de vez en cando coa promesa de rematar coa fame e coa pobreza nun prazo de vinte, trinta ou cincuenta anos.

Cando algunhas destas masacres son tan evidentes como a da barca de emigrantes libios que segundo testemuñas presenciais a OTAN deixou morrer a mantenta, ou poboacións cercadas como o pobo Palestino ou Sahariano, os culpables directos convértenos en terroristas, delincuentes, prófugos, ou o que sexa, e xa ten xustificación a súa miseria. Sobre os famentos que hai nas nacións ricas ninguén se pregunta nada,suponse que é porque queren, porque segundo as leis o dereito á alimentación está garantido.

Moito se está a falar nos últimos tempos de "soberanía alimentaria", mais esta alternativa, como tantas outras defendidas polas oenegás nas que o imperio ten logrado fragmentar aos movementos sociais, está incapacitada para resolver o problema da fame como tantos outros problemas que so se resolven virando a tortilla, como se dicía en tempos. A soberanía alimentaria é unha consecuencia da soberanía política, como o son a soberanía financeira, a fiscal, a enerxética, a comercial ou a cultural.

Que non se poda lograr un mínimo de soberanía alimentaria no noso país, Galiza, non quere dicir que debamos estar coas mans quedas, inda que so sexa para impedir que nos quiten o pouco de noso que nos queda. Defender a promoción e consumo de produtos galegos en toda parte, as denominacións de calidade ou os mercados locais, son algunhas das formas de resistencia para non desaparecer, pero moi lonxe estamos de acadar un mínimo de soberanía alimentaria. Teñamos en conta que a capacidade de producir alimentos, incluíndo os mariños e fluviais está sendo aniquilada.

Si temos en conta a capacidade de producir alimentos que Galiza ten, podemos dicir que non foron moi abondosas tanto as iniciativas privadas como cooperativas que se implicaron neste campo. Salvo algunhas excepcións. Menos podemos loar a iniciativa do Goberno Galego dominado, salvo un pequeno período, por colonizados que o sector primario lles cheira tanto a país que están por exterminalo. As derradeiras canalladas: O desmantelamento dun dos mellores centros de selección xenética de Europa en Guísamo que tiña pouco custe e grande rendemento para as nosas ganderías. Ou a introdución de dúas razas francesas en Xenética Fontao en Lugo para competir e frear a raza rubia galega, hoxe en día unha das mellores razas de carne do mundo.

A ninguén se lle oculta neste momento a desaparición da Consellería do Medio Rural e a súa nova función de cabalo de Troia para que entre aquí quen queira facer negocio a conta nosa e en contra dos intereses galegos.

Non exercen as competencias que lles outorga o Estatuto nin esixen a outros gobernos que cumpran con Galiza. Semellan as choronas que en tempos acompañaban os enterros.

Soberanía comercial: E unha mágoa que os primeiros e mais prexudicados polas grandes areas comerciais en Galiza agachen a orella tan docemente e logo se arme a do demo por outras problemáticas como a do tabaco ou o botellón. Habendo como hai tantas asociacións de pequeno comercio en Galiza, non teñen azos para dicir algo, inda que so sexa emitir un desexo antes de morrer....

Teñamos en conta que esta colonización comercial non so desfai postos de traballo no comercio, desfai sistemas produtivos e moita pequena empresa e autónomos, e a larga, e xa a curta, encarecen os produtos e rebaixan a calidade, e chegado o caso dirannos como a Grecia: Vostedes son probes e pouco solventes, prepárense para a miseria absoluta!

Si alguén pon en dúbida estas dinámicas fagamos unha pequena reflexión e preguntémonos porque pasaron e inda pasan fame moitos cidadáns arxentinos cando este país foi considerado o celeiro do mundo, cando era único país do mundo que tiña mais vacas que habitantes. E como se puido chegar como se chegou fai 15 anos a que as multinacionais mercaran a prezo de saldo extensións de miles de quilómetros cadrados e onde unha boa vaca na Arxentina tiña menos valor que unha ovella en Galiza. Visto isto estou agardando que alguén do PP me volva a chamar soberanista despectivamente para chantarlle: "¡Se vostede fora intelixente tamén sería soberanista, inda que so fora español!".

O ULTIMO PROXECTO IMPRIALISTA: O TERRORISMO ALIMENTARIO

Co asasinato masivo da información e da verdade moi pouco ou nada se está a falar das extralimitadas e terroríficas subas dos prezos de alimentos básicos dende 2008, casualmente dende a crise que abren as hipotecas lixo dos EE.UU. E aínda se fala menos de como estas subas aumentaron o descontento das revoltas en moitos países. Falamos nin mais nin menos que do trigo, do millo e do arroz. Nalgún país como en Exipto multiplicouse por tres e ate por catro o prezo do trigo, alimento básico do país. Cando a FAO ou o Vaticano alertan dalgún destes abusos é que xa van aló moitos millóns de mortos, especialmente nenos; cousa que fixeron fai pouco tempo, en poucos medios e por poucas horas. Os responsables de todo este xenocidio son doados de atopar índose a bolsa de Chicago e observando como supliron a anterior "artillería" por "armas de destrución masiva". Xa non lles chega con marcar, como fixeron sempre, os prezos dos cereais no mundo,ou deixar en estok grandes cantidades por anos, senón que someten ao mercado de futuros o alimento de unha parte da humanidade para especular con el.

Remato transcribindo, quitado dunha das publicacións dos mercados financeiros, un macro proxecto que traerá abundantes fames si os propios países danados non defenden con unllas e dentes a súa soberanía política entre eses países está Galiza:

A Richard Davis, co-xestor do BGF World Agriculture Fund, engade: Ademais das compañías que subministran productos aos labregos, o fondo BGF World Agriculture Fund ten a flexibilidade para investir en compañías que prestan servizos ao sector agrícola e nas que se dedican directamente a produción de cereais e materias primas agrícolas. Analizamos o sector en busca dos sectores mais prometedores que poden beneficiarse nos distintos contornos de prezos dos cereais dende fornecedores de sementes,produtos químicos e equipos ate compañías agrícolas e de plantacións. Actualmente o fundo está ponderado cara outros subsectores de empresas agrícolas, aceites comestibles e fertilizantes.

No subsector de empresas agrícolas, gústannos as manipuladoras de cereais con base nos EE. UU. e Sudamérica. Non so se benefician do volume crecente de produción mundial de cereais grazas a súa presenza loxística no transporte, senón que os seus modelos de negocios verticalmente integrados tamén lles da flexibilidade para negociaren cereais ou subministralos para actividades de procesamento de valor engadido". Por exemplo biogás, ou se fai falla xogar coa fame de quen produce e quen consume. A fame comeza a ser moito mais útil a OTAN que as bombas de acio.