Soberanas!

As imaxes da cadea humana que percorreu Catalunya na súa Diada, amosando a vontade do pobo catalán de exercer o seu dereito a decidir, deron, e darán lugar, a unha morea de interpretacións nos faladoiros, mais é incuestionábel o éxito da convocatoria.
Non fun quen de apartar a vista delas, mesmo rematei substituíndo -no meu pensamento- o vermello e amarelo polo branco e azul -coa estrela vermella-, imaxinando o noso país collido da man, vestindo as cores da nosa bandeira.
Autodeterminación, dereito a decidir, soberanía... son moitos os termos que definen o sentir dun pobo, unha rebelión cidadá contra todo un sistema descomposto, unha xornada masiva de rebelión, un día en que o pobo manifestou: “Até aquí chegamos; queremos decidir por nós mesm@s”.
,“Por unha patria soberana”. Este é o lema da manifestación que percorrerá as rúas de Compostela este domingo 15 de setembro. Se hai unha nación negada e anulada polos seus gobernantes esa é Galiza. Do mesmo xeito que impiden que as mulleres exercitamos o noso dereito a decidir, négannolo, tamén, como pobo. Deciden por nós. Pretenden que fiquemos dependentes dun estado e dunha Unión Europea que só serven aos intereses do capital. Mentres, estamos a vivir unha situación límite e insoportábel. Temos un país cunha terra chea de recursos e potencialidade para xerar riqueza que está a ser espoliada para beneficiar a uns poucos. É unha situación de dependencia intolerábel, á que temos dicir basta.
Se para o feminismo a soberanía supón o recoñecemento do dereito a decidir das mulleres, para Galiza é unha aposta estratéxica para que manteñamos o noso poder de decisión sobre a nosa economía, a nosa cultura, o noso modelo de sociedade. Só con soberanía poderemos actuar sobre os nosos sectores produtivos básicos, poderemos frear a destrución do emprego, do noso sistema financeiro, e xerar actividades que favorezan o desenvolvemento e o emprego. Mais demandar soberanía significa tamén para nós loitar contra a imposición dun patriarcado que continúa expropiándonos o poder de decisión sobre as nosas vidas, a través do control dos nosos corpos, da nosa sexualidade, mediante leis punitivas, e da imposición dunha arcaica tutela moral, por parte do goberno do Partido Popular e da propia Igrexa.
O pobo galego debe asumir sen reparos a necesidade da reivindicación da soberanía nacional como solución a moitos problemas que padecemos: o desemprego, a emigración da nosa mocidade, a privatización e os recortes nos servizos públicos, a desprotección e persecución da nosa lingua, a aniquilación do naval, do agro, da pesca, dos nosos sectores produtivos, etc. Sen soberanía, sen capacidade de decidir, non teremos as ferramentas necesarias para combater todas estas situacións. Polo noso futuro. Pola democracia. Soberanas somos! Queremos tamén unha Galiza soberana, dona de decidir por si mesma!