Só o povo pode salvar o povo: leccións do Estado Francés

Só o povo pode salvar o povo: leccións do Estado Francés

É non só lexítimo, mais mesmo vital que os povos sen Estado defendamos e loitemos para conseguir que se respeiten os nosos direitos colectivos en todas aquelas institucións que teñen –queiramos ou non– un poder determinante sobre nós, as nosas vidas e o exercicio dos nosos direitos colectivos.

Deste xeito, non é nengún paradoxo que o nacionalismo organizado se apresente baixo as siglas do BNG nas eleccións ás deputacións, ao mesmo tempo que advoga pola súa abolición, ou que concorre ás eleccións dunha Unión Europea que denuncia como profundamente antidemocrática e baluarte do neoliberalismo, xa que sería fuxir da nosa responsabilidade ficarmos sen voz nen voto nun organismo que influi sobre a vida nacional do noso País.

Porén, cabe distinguir claramente entre o ineludíbel utilitarismo pragmático e acreditar inxenuamente que de tais institucións vaia provir calquer tipo de solución profundo e sincero para colmar o déficit de direitos que padecemos como nación. Sinxelamente, é que os intereses destes institucións son, pola súa propia natureza, antagónicos para cos intereses nacionais dos povos que se achan sob o seu controlo. Ao igual que, por moi progresista que pareza ser, un partido de carácter estatal nunca podería servir asemade os intereses da Galiza e os do Estado.

Por se fixese falta, estes días pasados tivemos máis unha mostra que confirma esta tese, desta vez procedente do Estado xacobino viciño –sen dúbida o máis centralista de toda a Europa occidental– e que serve para demostrar claramente que non se debe confiar nunca nos potentes que non poden salvar, nomeadamente os Estados que teñen por misión asoballarnos.

O 8 de abril foi debatido na Asemblea Nacional o Proxecto de lei sobre a protección e a promoción das linguas rexionais promovido polo Deputado independente bretón Paul Molac. Este proxecto outorga às “linguas rexionais” o rango de patrimonio lingüístico da Franza, recoñece a rotulación bilingüe en edificios públicos e nas placas de sinalización urbana, autoriza o seu uso na comunicación institucional, autoriza o uso no rexistro civil de letras non francesas (por exemplo o eñe, presente no bretón) e favorece o ensino das linguas “rexionais”, incluído o sistema por inmersión onde a docencia se imparte inicial e principalmente nunha lingua diferente ao francés: A.B.C.M. Zweisprachigkeit (alsaciano e alemán), Calandreta (occitano), La Bressola (catalán), Diwan (bretón), Scola Corsa (corso), Seaska (euskara).

Tras mobilizacións populares o día 29 de maio convocadas por “Para que Vivan as Nosas Linguas”, o proxecto foi submetido à votación, ficando aprobado por unha maioría esmagadora na Cámara, con 247 votos a favor, 76 en contra e 19 abstencións. Cabe recalcar que 100 dos representantes do grupo A República en Marcha (LREM) do Presidente Macron tamén votaron a favor, frente a 57 en contra. Pola contra, votaron en contra 12 dos 13 deputad@s con que conta A Franza Insubmisa, o partido liderado por quen foi candidato à presidencia, Jean-Luc Mélenchon, que nunca perde a oportunidade de arremeter contra as linguas nacionais, reservando unha especial sorna para o bretón, acusando mesmo as escolas en lingua bretoa Diwan de seren unha seita.

No entanto, os xacobinos centralistas derrotados tan claramente en votación democrática non se dan tan facilmente por vencidos e, aproveitándose do facto de se precisar de apenas 60 avais, formulouse unha apelación ante o Consello Constitucional à iniciativa da porta-voz e Presidenta do grupo parlamentar de LREM, Aurore Bergé. Finalmente, este orgao superior ditaminou que a lei é anticonstitucional en base a dous elementos esenciais: o uso oficial das letras non-francesas e o apoio aos sistemas educativos por inmersión.

A decisión non debería surpreender, pois ataca o instrumento vital sine qua non para garantir a supervivencia e expansión efectivas das linguas nacionais, nomeademente o sistema educativo, por un lado. E, polo outro, xa existen antecedentes da negación legal da pertenza a un colectivo nacional diferenciado con lingua propia mediante a escusa da proibición de elementos alleos ao francés à hora de inscribir unha crianza no rexistro civil cun nome ostensibelmente non francés.

Así, en 2017 negóuselle a unha parella de Kemper rexistrar o seu fillo co nome ‘Fañch’ (forma bretoa popular de Francisco), pretextando que non se conforme à grafía propria do francés, única lingua oficial da República e consagrado como tal na súa Constitución. Mesmo tras o tribunal de apelación de Roazhon validar o uso do eñe en 2018, a Fiscalía Xeral non dubidou en revogar esta decisión, aludindo às “potenciais repercusión nacionais”. Finalmente, en 2019 a Corte de Casación recoñeceu a legalidade do tilde. Abofé que lles deben molestar as nosas linguas se tanto empeño poñen en censuraren unha simples letra que –grazas, por certo, à súa negativa cabezona– pasou a tornarse un emblema da loita para a identidade bretoa.

En definitiva, por se coubese algunha dúbida ao respeito, os Estados chocan frontal e inevitabelmente coa defensa dos direitos dos povos que encerran, xa que os seus intereses son antitéticos. Non podemos deixar de exixir que os Estados dentro os cais nos achamos respeiten as nosas linguas e culturas, mais sabendo que nunca as van promover de xeito verdadeiramente eficaz, que só se poderá lograr dentro do cadro de autodeterminación onde foren os povos quen exerceren a súa plena soberanía para decidiren libremente por si proprios e segundo as súas necesidades sen chatas e obediencias externas.

A lección non podería ser máis clara: Non hai salvadores supremos, nin rei, nin tribuno, nin deus! Temos que salvarnos nós mesm@s, o povo traballador... O noso povo traballador; o galego.


Robert Neal Baxter

Xuño 2021