Smart Cities e Smart Rural

Entendemos unha “Smart City” (Cidade Intelixente) como aquela que usa as TIC para facer que tanto a súa infraestrutura crítica, como os seus compoñentes e servizos públicos ofrecidos sexan máis interactivos, eficientes e os cidadáns poidan ser máis conscientes deles. Así fomentan un desenrolo económico sostíbel e unha elevada calidade de vida cunha sabia xestión dos recursos naturais a través dun Goberno participativo.
Deste xeito unha “Smart City” é unha cidade comprometida có seu entorno, tanto desde o punto de vista medioambiental como no relativo aos elementos culturais e históricos, con elementos arquitectónicos de vangarda, e onde as infraestruturas están dotadas das solucións tecnolóxicas avanzadas para facilitar a interacción do cidadán cós elementos urbanos, facendo a vida máis fácil. “Smart City” e o Internet das cousas son dous conceptos que van moi unidos.
O importante dunha “Smart City” son os servizos que proporciona e quizais sexamos quen de explicar mellor o seu concepto relatando estes: a mellora da mobilidade urbana e da súa xestión, a eficiencia enerxética e medioambiental, a xestión de infraestruturas e edificios públicos, o goberno e a cidadanía cós conceptos de e-administración e e-participación, a seguridade pública (das persoas e dos bens), a saúde (axuda no fogar, receita electrónica, saúde pública), o ensino, capital humano e cultura (e-learning e teletraballo), o turismo e os servizos de información cultural (realidade aumentada) e o e-comercio entre outros.
Non parece pois moi discutible a necesidade de implantar nunha cidade as posibilidades das que dota este concepto. Unha eficaz e eficiente utilización dos recursos públicos é o paradigma de todo goberno sendo a maior das dificultades o investimento preciso para tal fin. Claro que uns fondos adicados a este tipo de cousas sempre teñen un retorno si se fan ben, e a medio e longo prazo van supor un aforro considerable na xestión pública ademais da eficacia e eficiencia comentadas. Bruxelas achega para estes proxectos fondos Feder que supoñen un 70% do montante total, sendo o concello o que ten que aportar o 30% restante. Isto será realidade cando un concello sexa incluído na “Rede Smart Cities”, cousa que ocorre en Galiza soamente co concello da Coruña. Na actualidade hai 102 cidades que desenvolven proxectos deste tipo e Lugo está a espera de ser incluído. A Coruña ten previsto un investimento de 11,5 millóns de euros, oito deles achegados pola Unión Europea e o resto polo propio concello.
O complemento preciso a unha cidade intelixente ten que ser o fogar e o edificio dixital. De nada valería dispoñer dunha serie de servizos para o cidadán se logo o seu fogar non estivera adaptado para aproveitar aqueles que teñen que chegar onde cada un vive. Podemos definir fogar dixital como o lugar onde, mediante a converxencia de infraestruturas, equipamentos e servizos, son atendidas as necesidades dos seus habitantes en materia de teleasistencia, confort, seguridade, aforro enerxético e integración medioambiental, comunicación e acceso a contidos multimedia, teletraballo, formación e lecer.
Este é un concepto innovador, no que se integran as infraestruturas e equipamentos necesarios para dar soporte a unha serie de servizos que se axustan ás necesidades persoais e sociais dos individuos.
As funcionalidades dun fogar dixital pódense dividir en catro grandes grupos: Seguridade (alarmas técnicas, integridade de persoas, integridade da propiedade e maior tranquilidade), Asistencia no fogar (atención aos maiores e dependentes nos fogares, teleasistencia e alarmas médicas), Control enerxético (control e aforro no consumo de enerxía, climatización e iluminación por ambientes) e Servizos multimedia (acceso a vídeos, fotos, películas; videoconferencia e teletraballo).
Para os usuarios dun fogar dixital as vantaxes son pois seguridade, accesibilidade aos servizos de teleasistencia, comodidade e confortabilidade, eficiencia, integrabilidade, control e comunicación. Pero é que ademais hai outros moitos axentes implicados que poden verse beneficiados da súa implantación: promotores e construtores, técnicos municipais, administracións públicas, provedores de servizos, profesionais, instaladores, operadores e integradores residenciais.
Por outra banda a maior preocupación ten que pasar polo rural e pola súa alarmante despoboación e máis o abandono da súa industria produtiva, de importancia vital para Galiza. É preciso o lanzamento da nosa economía, tan atacada nos seus sectores produtivos: rural (leite, gandería, explotacións agrarias), pesca, eólicos, construción naval, conservas, etc. Entendemos como fundamental levar o concepto de Smart (intelixente) ao rural, aproveitarse da información que flúe dun entorno, que é basicamente no que consiste a Smart City. Cremos que pode aplicarse perfectamente este concepto a un entorno rural. De feito o concello de Lugo, dentro da súa previsión da Smart City está a traballar no proxecto Smart Lugo Rural co que se pretende, así mesmo, optar ás axudas europeas antes comentadas.