SINDICALISMO NACIONALISTA: UTILIDADE E ESCLARECEMENTO
As recentes eleccións sindicais no sector do ensino non universitario, onde o sindicalismo nacionalista representado pola Federación de Ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG) acadou un importante avanzo que confirma a súa hexemonía, son unha boa nova para o nacionalismo galego no seu conxunto. Estes resultados traducen unha atinada combinatoria de loita polas melloras laborais -coa defensa dos intereses prácticos- e, ao mesmo tempo, ser quen de enfrontar as políticas lingüísticas e culturais emanadas do Goberno da Xunta, tan agresivas para co noso idioma e sinais de identidade como pobo. A Consellaría de Educación tamén entendeu claramente a mensaxe que lanzou o profesorado nas votacións do xoves 9 e que se tornaron oficiais o día 13.
Debemos celebrar o éxito destes resultados na medida que expresan o apoio a un sindicato de clase e exclusivamente galego, que se caracteriza por atender a todos os ámbitos do mundo do traballo -sen afán corporativista- e onde as decisións se toman tendo como base material e operacional a nación galega. Convén recordar a importancia de termos construído na Galiza, entre todos e todas, un sindicato que toma como principio fundamental a autoorganización dos traballadores e traballadoras, máxime en contextos coloniais como o noso, onde tan necesario e difícil é erguer organizacións propias sen dependencias exteriores. Este esforzo é central para avanzar no proceso de autodeterminación política de Galiza.
O valor da unidade dentro da CIG, cunha práctica sindical combativa, participativo, sen dependencias do poder, percorrendo os centros de traballo, vencellado á sociedade e atento ás súas preocupacións, cun proxecto ideolóxico claro é a mellor ferramenta para a defensa dos intereses concretos dos traballadores. O referido proceso electoral, antesala do groso das elección sindicais que se van a celebrar ao longo de 2011, ten que servir para que o conxunto do corpo do nacionalismo sitúe na súa xusta importancia o proceso de eleccións para a escolla dos representantes dos traballadores e traballadoras nos diversos sectores da actividade económica.
Aínda máis, nun contexto de crise económica profunda, faise máis necesario que o sindicalismo nacionalista ocupe un papel referencial no mundo do traballo, como a mellor garantía de que a xestión da crise que pretende facer o capital, sexa respondida en clave galega coa contundencia debida polos e polas asalariadas e polo tanto os seus custos non tomen forma de recorte de dereitos laborais e sociais, de perda do poder adquisitivo e de bloqueo das capacidades produtivas da economía galega.