Si hai nación. Si hai clase traballadora. Si hai alternativa
Os fenómenos sociais teñen sempre algo de imprevisíbel, algo que se resiste á súa codificación. Son empiricamente estudábeis e, por tanto, susceptíbeis de seren obxecto de análise científica. Mais as leis que os rexen non son como as que imperan na física newtoniana: antes que para a lóxica formal, remiten para a non causalidade cuántica, non porque as goberne o azar, mais si porque non sempre é doado achar unha causa detrás de cada efecto.
Serva este exordio, agardo que non absolutamente abstruso, de limiar para unha reflexión talvez apresada sobre un fenómeno que aínda se está a desenvolver ante os nosos ollos, a folga xeral deste 29 de Setembro en que escribo este artigo.
A estas alturas -apenas un cuarto de hora antes das seis da tarde- podemos dicir sen riscos a equivocarnos que a folga en Galiza ten atinxido un enorme suceso. Era isto previsíbel? Cabía agardalo dado o cepticismo, a resignación e o individualismo feroz que en aparencia son trazos que definen a unha parte nada desprezábel da nosa sociedade? Cabía prevelo tendo en conta a aparataxe mediática despregada contra esta mobilización social, co exército de tertulianos a dispararen inmisericordes contra o pérfido movemento sindical? Cabía agoiralo considerándomos o dominio do pensamento conservador nas dúas últimas décadas da historia da Humanidade?
O CORPO SOCIAL GALEGO APROBA O TEST
Nas vésperas da folga, falaba eu cun compañeiro de que, acontecer o que acontecer este día 29, debíamos sempre consideralo non como un punto de chegada, senón como un punto de partida ou, mellor dito, como un episodio máis dun proceso histórico, felizmente inacabado, para desacougo de Fukuyama e demais epígonos. E nese sentido o 29 de Setembro tiña como virtualidade servir de test de como estaba en realidade -sen preconceitos rotineiros- o corpo social galego. De como ía reaxir perante a primeira oportunidade de se expresar con contundencia -ou sen ela- logo de ter sido obxecto dun tratamento de choque sen precedentes desde a instauración do actual réxime político no Estado. E realmente hai que concluír que o corpo social galego está moito mellor do que moitos autores de profecías autocumpridas -aquí non hai nada que facer, así que mellor entreguémonos- teñen sustentado teimudamente. Os tópicos saltaron polos ares. Claro que hai resignación, pero tamén rebeldía. Claro que hai cepticismo, pero tamén entusiasmo. Claro que hai individualismo, pero tamén camaradaxe e conciencia de que o pobo debe unirse. Si hai País, amigas e amigos. E está vivo. E, se me permitides engadilo, si hai clase traballadora galega con conciencia de seu, amigas e amigos. E está viva. E eu diría máis, ten conciencia de que o seu papel nesta sociedade non pode ser nen o de servo nen o de anestesiado subalterno -porque iso a había levar á súa paseniña desintegración- senón o de dirixente. E aquí está unha das chaves do presente momento histórico de Galiza. Aquí hai unha clase que se percibe a si mesma como medular na nosa sociedade e que ten perfeitamente claro que se é quen de desenvolver todo o seu potencial está en condicións de liderar un duplo proceso: o da emancipación social e o da emancipación nacional, as dúas caras da mesma moeda.
Non por acaso o nacionalismo en Galiza é un movemento político vinculado ao mundo do traballo e non ao do capital e aquí emprego o termo capital na súa acepción máis leninista, a que define a actual fase de desenvolvimento do capitalismo como aquela en que é o capital financeiro -e non o produtivo- o que detenta todo o poder.
MONICREQUE DOS PODERES IMPERIAIS E GLOBALIZADORES
Non hai na nosa nación nengunha vía que conduza á emancipación social que poda prescindir de transitar ao mesmo tempo polo vieiro da emancipación nacional. En puridade, a autoorganización da clase traballadora nun país dependente como o noso -baste ver como o Estado só considera os intereses das concas mineiras estritamente españolas cando aproba o Decreto do Carbón e esquece as térmicas situadas en Galiza- só se pode conxugar desde unha óptica nacional galega. Calquer outro camiño só leva á vasalaxe e a subordinarse ás necesidades de aparatos centrais -sexan políticos ou sindicalis- e, xa que logo, centralistas. Agora que o Estado español -monicreque dos poderes imperiais e globalizadores- quer debilitar a negociación colectiva emerxe como unha necesidade imperiosa da clase traballadora galega irmos cara á un marco galego de relacións laborais. Mentres non se conseguir, manterémonos no furgón de cola en salarios e pensións e, portanto, non daremos saído da posición de desenvolvemento relativo á que o modelo de dependencia e de non soberanía nacional nos condena.
Nunca acreditei no espontaneismo das masas -porque conducen á acracia e a becos sen saída-, pero -e aquí volto a Lenin- si na súa creatividade. En todo caso, a política alternativa non é viábel se non é co concurso directo do pobo e, desde logo, as políticas transformadoras teñen que ser verificadas sempre no laboratorio social. Nos grandes movementos. Nos grandes combates. E aí onde se tiran licións, se aprende dos erros e, nomeadamente, se ve de que lado está cada quen.
A FOLGA DOS PARLAMENTARES
A aposta decidida da dirección do Bloque Nacionalista Galego en favor da mobilización social contra as políticas neoliberais dos gobernos Zapatero e Feixóo -simbolizada na folga dos seus parlamentares- coloca o nacionalismo político de novo como referente potencial da grande maioria social deste País, que son basicamente as clases populares traballadoras. Non é unha aposta que naza do interese comenienzudo, mais si da análise que o nacionalismo fixo en Galiza desde Castelao e que liga os intereses populares coa construción da nación. Diría máis: a construción da nación -da nación como vontade colectiva- é un proceso que en Galiza é paralelo á construción dun paradigma alternativo ao mundo tal é como o que coñecemos. Ou sexa: construíndo a nación construímos a alternativa ao capitalismo neoliberal en crise. Precisamente este factor construtivo -e non unicamente reactivo- converte o nacionalismo no inimigo a bater por parte das forzas reaccionarias, basicamente nucleadas en Galiza arredor dos poderes oligárquicos e do españolismo político (tanto na súa versión pseudosocialdemócrata como na conservadora).
A NACIÓN DEPENDENTE E A CLASE SUBALTERNA
Criatividade e capacidade de reacción das masas, decisión e organización do sindicalismo nacionalista e determinación do nacionalismo político. Eses son os os elementos que fan a diferenza galega e que explican por que en Galiza a folga tivo máis suceso e máis brillo -con manifestacións masivas- que no resto do Estado. A nación dependente e a clase subalterna comezan a estar fartas de tanta incuria colonial e de tanta arrogancia explotadora. Fartas de que se nos presente como inevitábel e fatal -o axuste brutal decretado polo FMI e aplicado sumisamente por Zapatero e Feixóo- o que non é máis que a consecuencia dunha política determinada, a neoliberal, e dunha lóxica concreta, a do capital financeiro. Comezan a estar fartas, condición sine qua non para que comecen a pensar a serio na súa liberación.
NEN SOCIALDEMOCRACIA DECADENTE NEN PROGRAMA ESPAÑOLISTA E NEOCON
Este 29-S nen comeza nen remata nada. É un lance máis do xogo. Mais un lance que se salda de forma ben positiva e que nos aprende non poucas cousas, entre outras que centos de miles de compatriotas si están por políticas diferentes e por lóxicas alternativas, a do traballo produtivo e digno face a depredación irracional do capital. Lóxicas ademais non cosmopolitas, senón nacionais galegas. Este 29-S, por máis que os medios públicos galegos se esforcen en agachalo, é non só unha contestación inequívoca contra a socialdemocracia decadente que representa Zapatero -a mesma que levou ao desastre ao SPD alemán de Schröder ou ao Labour Party de Blair/Brown-, mais tamén unha emenda á totalidade ao programa españolista e neocon de Feixóo. Daí a especificidade galega deste 29-S detrás da cal, e non quero desmentir aquí os principios da física cuántica, si que hai un motor-causa: o movemento nacionalista galego, o sector da sociedade galega que, quer no ámbito sindical ou político, traballa para rachar coas cadeas.