Setembro non é un mes calquera

Setembro non é un mes calquera. Non o foi nunca. Pero este, se cabe, é aínda máis diferente ca o resto. Agosto remataba con colas nos supermercados, colas nas gasolineiras e incluso colas nas perruquerías. Porque o 1 de setembro entraba en vigor a suba do IVE. Así que foron moitas as persoas que decidiron tentar escapar durante un curto espazo de tempo da suba de ate o 21% en boa parte dos produtos, seguindo aquilo que dicía miña avoa de: Ai! garda para cando non hai! ou neste caso é máis caro.
Xunto coa suba dos combustíbeis, asistimos a unha nova suba das peaxes das autoestradas, vías de comunicación que pese ao escandaloso custe, non podemos deixar de empregar moitas nais e pais, porque son a única posibilidade de manter un posto de traballo a 45 quilómetros do domicilio, e compatibilizar este feito cos horarios escolares das nosas crianzas.
O día 6 comezou o novo curso nas Galiñas Azuis, despois do peche en agosto, imposto na rede de escolas infantís de Galiza polo goberno do Partido Popular, comezamos setembro cunha suba das taxas das escolas infantís de máis do 19%, e que no caso daquelas persoas que empreguen -coma min- o comedor, pasarán a pagar 70 euros por un servizo que é fundamental para poder conciliar a vida familiar coa laboral, e que até o de agora se viña prestando por 33 euros. Un custe ao que hai que sumar o feito de que os descontos aplicábeis á cota, xa non serán acumulábeis.
E o 12 de setembro comezaron tamén as clases nos colexios de educación infantil e primaria. Un novo curso onde haberá máis crianzas e menos profesorado, máis agrupamentos de unidades de diferentes cursos ou ciclos, para aforrar mestras e mestres, e menos escolas unitarias no rural.
Fican poucos días para que as mozas e mozos galegos comecen seus estudos, universitarios, nun curso no que a primeira matrícula non sufrirá cambios, pero no que nas titulacións de grao e antigas licenciaturas as taxas incrementaranse até o 30% na segunda matrícula, o 65% na terceira e o 90% en cuarta e sucesivas matrículas. Un curso no que, de non aprobar o 50% dos créditos, haberá que devolver a bolsa na súa integridade. Pero que pese a situación de axustes orzamentarios, segue a realizar concertos económicos cos cinco centros de ensino galegos que aínda segregan por razón de sexo.
Unhas aulas nas que, un ano máis, se perdura o emprego do galego, é só grazas ao empeño das familias que así o comunicaron naquelas famosas – e fraudulentas- consultas, ou dun profesorado consciente do seu papel como garante de supervivencia do idioma. Que en casos coma o meu, aturamos impotentes, como a nosa filla vai ser educada en castelán, en todas as materias, pese a telo demandado, e pese a ter o dereito.
,E comeza setembro tamén para moitas cidadás e cidadáns aos que se lles denegará o acceso á asistencia sanitaria por estar en situación de desemprego ou por pertencer á poboación migrada e que terán que enfrontarse ao copago sanitario, tanto na asistencia sanitaria como farmacéutica. Un setembro onde as novas e novos parados recibirán un dez por cento menos de prestación a partires dos seis meses. Ou onde as persoas que cobraban unha prestación por coidar aos seus familiares dependentes terán que pagar do seu peto ate final de ano o 85% das cotizacións, se deciden subscribir un novo convenio, e a totalidade a partires do ano que ven.
E só levamos medio mes de setembro. Mais eu son das que vexo o vaso medio cheo e non medio baleiro, polo que podemos dicir que alá foi o peor. Falta menos para o 21 de outubro. Unha data onde as galegas e os galegos imos poder ter a oportunidade de manifestar o noso rexeitamento a un goberno do Partido Popular, que, da man da igrexa, do capital financeiro e especulativo, levou a Galiza durante estes anos á situación que agora padecemos.
Fica menos, logo, para poder respostarlle ao presidente Feijoo que non se pode ter o cinismo de escoller como lema de campaña Galicia por riba de todo cando unha das primeiras medidas tomadas desde a súa chegada á Xunta, foi a de desbotar libros de texto das aulas por estar escritos en galego, xa que aprobou un decretazo contra o noso idioma, que ate mudou o nome e a imaxe corporativa das escolas infantís por parecerlle ideoloxizador para as crianzas (pasando de ser Galescolas a Galiñas Azuis), gastando cantidades inxentes de cartos públicos, ou que mesmo eliminou o galego como requisito para acceder á Lei da Función pública.
Porque non estamos dacordo co desmantelamento das políticas de igualdade, amparado na situación de crise económica, mentres subvencionaba a entidades ultracatólicas e ultraconservadoras para que se ocupasen de atender as necesidades das mulleres. Ou co boicot que fixo desde a Consellaría de Sanidade á dispensación da pílula postcoital en farmacias, e á propia lei do aborto que agora pretenden derogar, mentres aprobaba unha retrógrada Lei de familia que na práctica pretende que as mulleres reingresemos no fogar e nos centremos unicamente no noso rol reprodutivo.
Por estas e por outras razóns, fagamos de setembro un mes de reflexión sobre a Galiza que queremos. Existe a posibilidade de dar unha resposta contundente fronte ao ataque da dereita á nosa capacidade para producir, fronte ao desmantelamento dos servizos públicos e de calidade, e para recuperar os nosos dereitos de cidadanía, incluídos os sexuais e reprodutivos. Porque é preciso un cambio radical nas políticas económicas, e para iso é preciso afortalar o autogoberno e avanzar cara a soberanía. Porque en Galiza só hai unha opción política que durante todo este tempo estivo a carón da clase traballadora galega. Só apoiando ao Bloque Nacionalista Galego poderemos manifestar a nosa insubmisión aos recortes e aos ditados dos mercados. Porque en Bloque, podemos.