Sermos Galiza: Comezamos a conta atrás (I)

Sermos Galiza: Comezamos a conta atrás (I)

Á hora de presentarmos o proxecto Sermos Galiza á sociedade o primeiro sentimento que abrolla en cada un dos actos públicos que se van sucedendo é o dunha necesidade partillada. Poderiamos mesmo felicitarnos colectivamente cada asistente por esta capacidade de convocatoria, por esta sensación de complicidade. Que tantas persoas deixen de facer as tarefas urxentes de cada día para se sentaren a debullar os detalles dun proxecto de tal envergadura significa que, contra os malos augurios, ... aquí hai pobo! Gustaríame agradecer profundamente desde estas liñas a tant@s asistentes, e tamén a tantas asociacións culturais, a tantos centros de difusión de ideas, a tantas persoas individuais que se prestaron a citar a súa veciñanza, que nos presentan e que nos avalan coa súa presenza ou coa súas calorosas exhortacións a pór fin a este silencio comunicativo en que nos movemos.

Por suposto, cabe agradecer moi especialmente, ademais da asistencia, as contribucións que moitas das persoas que acoden aos actos de presentacións xa fixeron, mesmo antes de concorrer a eles. Grazas por crerdes neste soño! Unha vez rematada esta cortesía mínima vou deixar de falar como se este proxecto fose noso, do grupo promotor, porque unha das cousas máis importantes para as que estamos a convocar á sociedade galega é para dicir que este proxecto é voso, de todas as persoas que decidan subscribirse ou mercar accións.

Xa sabemos que vivimos un momento crítico da historia. No internacional, padecemos os últimos estertores do modelo neoliberal, que nos converteu a todas as persoas traballadoras en afectadas do abuso dos ditados económicos. No nacional, sufrimos un goberno trapalleiro, que converteu a lingua no seu principal inimigo e no social, entre tantas outras cuestións, o peche reiterado de todos os medios de comunicación en galego. Vieiros, A Peneira, A Nosa Terra, Xornal de Galicia, Galicia hoxe e multiplicado por dous cando coexistiren edición en papel e mais dixital. Todos foron desaparecendo, como se se tratase de demostrar que a información en galego non lle interesa a ninguén. Brincadeiras á parte, non me gusta falar do desastre xeral dos xornais cando se presenta este proxecto. Podería parecer que andamos pechando a competencia antes de entrarmos nós en faena. En realidade, por ideoloxía, nin sequera levo ben o concepto de competencia. De feito, voulle dedicar unhas palabras eloxiosas a unha das poucas excepcións que se salvan da queima dos medios desta tempada, o Novas da Galiza, un medio crítico e interesante, que continúa por fortuna vivo. Desexamos mil primaveras máis para o Novas. Se só nos movese o afán de competencia, isto sería impensábel; mais como o que nos dá pulo é o interese de facermos país, de construírmos conciencia nacional, entendemos que todos os proxectos que cada día vexan o lume feitos desde o arredismo, con entusiasmo, con entrega, con interese crítico, están no mesmo barco. Así tamén nos recibiron desde o Novas, onde xa publicaron unha entrevista con algún dos promotores, un comportamento ben distinto ao do resto dos medios que desde o comezo nos silenciaron absolutamente.

Porén, eu quería afastarvos un momento da realidade inmediata, esa do peche doutros proxectos, porque con frecuencia a evocación doutras cabeceiras induce ao vicio da comparación. Persoalmente procuro non facer comentarios salientando o que nos aproxima ou o que nos distingue de iniciativas previas. É hora, coido eu, de pasarmos páxina. Sen entrarmos a analizar nada, Sermos Galiza é un proxecto distinto. Non somos arrogantes nin pensamos estar en posesión da razón mais Sermos non xorde como é habitual. O máis frecuente é constituír unha empresa cun capital e cuns obxectivos de mercado e, despois desenvolver un determinado produto. Aquí traballamos ao revés. Primeiro deseñamos un proxecto e despois constituímos unha empresa. E iso permite que Sermos Galiza sexa unha iniciativa sen precedentes na prensa galega, talvez na prensa planetaria... ou casemente.

Antes de concretarmos o proceso, querería citar un texto que escribiu un dos membros do grupo promotor:

"Mais hai unha cousa que corre moita présa. Fai falla un comité que se encargue de ver a maneira de que en Galiza haxa pronto un xornal diario totalmente composto na nosa lingua, pois ese sería o mellor expoñente do valor do noso idioma e dos seus direitos a ser recoñecido con capacidade bastante para ser a nosa lingua oficialmente nacional. Claro que xa está demostrado polo incansábel labor das nosas letras mais, nisto como en todo, a espectacularidade do escaparate con que nos presentemos sempre influirá moito. Isto do xornal debe tomarse como cousa de amor propio, e sobran cartos en Galiza, e se non os atopamos en Galiza buscarémolos entre @s mellores galeg@s do mundo, entre @s galeg@s de América que estando sempre dispost@s a acudir a cantas chamadas se lle fan para o melloramento da patria, non faltarán co seu concurso a unha obra tan necesaria para que Galiza apareza nesta hora coas mesmas roupaxes de gala que poidan ofrecer as demais nacións ibéricas. As nacións que están conquerindo a súa liberdade e que teñen lingua propia teñen os seus boletíns diarios que pregoan a importancia da mesma. Galiza, aínda non..."

,Por estraño que poida parecer, tomei este extracto do artigo -cunha simple adaptación á sensibilidade contemporánea incluíndo o feminino a través da @- publicado en A Nosa Terra, o 1 de setembro de 1931 por un tal Fernán Cobas. Hai 80 anos disto, como do voto feminino. O seu autor non puido asistir as nosas reunións este verán por se achar comodamente deitado no cemiterio de Santo Amaro mais, en canto se dea levantado, virá. Quizais a estas horas xa estea sentado aquí, entre vós. Benvido, Fernán, e benvida a tantas persoas promotoras que chegan de atrás, alumeándonos como devanceir@s.

Para continuarmos sen demasiado apego á realidade inmediata, -esa que nos quita os ollos e nos fai ver o que queren que vexamos- quería lembrar a importancia da prensa na nosa historia. Porque os medios de comunicación fan moito máis que contar o que sucede. Quizais contar o que sucede só sexa a parte visíbel do iceberg. Con moita frecuencia dise que se aínda falamos galego é porque o pobo traballador o conservou para nós. É certo. Mais ás veces esquecemos que entre o pobo traballador están as persoas que escribiron; tamén pobo, e pobo traballador. Cun forte proceso de diglosia minándonos e unha historia marcada pola baixa auto-estima, o pobo labrego e mariñeiro só non daría conservado a lingua se non tivésemos iso que se chamou o segundo renacemento. Sen a valentía de Rosalía de Castro e dalgunhas persoas máis que a fixaron por escrito, sería cando menos moi difícil que vísemos a nosa lingua como algo distinto dun dialecto de andar por casa. Esa tarefa fíxose a través de libros, de editoriais case artesás, de follas voandeiras e, tamén, cando os houbo, de xornais.

Non sei se estaremos a valorar de xeito acaído o fenómeno da escrita na contemporaneidade. Por primeira vez na historia as clases traballadoras están completamente alfabetizadas e este feito coincide co momento en que, tamén por primeira vez, a sociedade galega acada un nivel de desenvolvemento económico que permite dedicar algún excedente á cultura escrita. Coa aspiración de chegar a formar parte das clases medias, a instrución divulga entre o proletariado os libros dentro dun sistema escolar cada vez máis longo e universal,... polo menos por agora. Mesmo sen perder o carácter de elite cultural, a literatura penetra en todas as casas. Na fórmula máis simple, a escrita entra a través do xornal, que en principio -e nótase- vai destinado ao pai da familia. Mais o gran capital, sempre atento, decatouse axiña desta dispoñibilidade universal para a cultura escrita; de aí a proliferación de revistas específicas de coches, de motos, de caza, ou publicacións que mesturan o erótico, o deportivo e o político en distinto grao, ademais das publicacións estritamente femininas que adoitan acompañar os xornais. Noutro momento haberá que meditar por que non se conseguiu aínda que esa poboación alfabetizada e con certos recursos se afixese a frecuentar as librarías ou, especialmente, se afixese a sentir como propia a lingua e a cultura de noso. Mais o certo é que, se a transmisión de coñecemento por vía escrita é o motor básico da cultura occidental, na Galiza temos razóns específicas para devecermos polos textos. Non en van foi por escrito como aprendemos a nos recoñecer como nación diferenciada; foi ver a nosa fala -que chamaban rural e torpe- en letras impresas o que alimentou o noso orgullo e nos deu azos para voar alto. Sen os proxectos editoriais das Irmandades da Fala ou de Anxel Casal non dariamos conservado a nosa dignidade nin espallado a idea fulcral de que o discurso escrito faría o pobo.

Nos xornais, entre outros, escribiron os perseguidos, os silenciados. Moitos dos galeguistas que pensaron e axitaron non chegaron a ver o seu pensamento nin a súa acción política pousada nun libro ou nunha iniciativa parlamentaria; só ciscada polas columnas dos xornais. Mais a prensa ten unha peculiar relación coas mulleres. A pesar da contradición de os xornais se destinaren ao home burgués -ou precisamente por iso, para ocupar estes medios de produción de ideas- as mulleres de finais do século XIX e principios do XX anímanse a publicar pequenos contributos nos xornais. En revistas comeza Concepción Arenal a ter unha voz propia e, máis tarde, a pedagoga republicana María Barbeito. Moitas mulleres hoxe descoñecidas, como a compostelá Pura Lorenzana, escribiron nos xornais opinións sobre a instrución feminina ou o divorcio, tratados sobre moral e costumes, ou, por raro que nos pareza nun xornal, tamén poesía. En revistas galegas escribiron Elvira Bao, Mercedes Vieito Bouza, Emilia Calé, Manuela Cambronero, Elisa Lestache, Joaquina López de la Vega, Amadora Tapia, Ramona Simán, Avelina Valladares, Clara Corral, Emilia Portal, Sofía Casanova, Filomena Dato Muruais ou Virginia Felicia Auber. Todas elas galegas, todas elas escritoras na prensa. A prensa non é algo que necesitemos coxunturalmente porque acaban de pechar uns determinados medios; a prensa é necesaria para que unha sociedade poida producir e debater ideas; para que unha sociedade cre suxeitos libres, capaces de pensaren por si propios.