Sermos Galiza: Comezamos a conta atrás (e II)
E é hora de entrar no proxecto. Algunhas persoas, cuxos nomes xa coñecedes polo blogue -sermosgaliza.blogspot.com- comezamos a falar nos últimos días de xuño pasado das posibilidades que viamos para un proxecto de comunicación. Comprometemos moito tempo e esforzo, e algúns cartos. Inicialmente centramos o noso traballo en incluírmos máis sensibilidades, en ampliarmos o grupo e darmos cabida a todas as tendencias, agrupacións, colectividades que tivesen a defensa de Galiza presente na súa ideoloxía e o galego como lingua de instalación. Non todas quixeron subir ao carro mais si que o tentamos. E conseguimos unha primeira listaxe de apoios de persoas que están a cabeza de organizacións diversas, e que pensamos moi representativa da pluralidade que queriamos conseguir. Non somos tres amiguetes. Non somos un lobby da comunicación. Tampouco somos o brazo de organización ningunha. Somos -sodes, quen queira sumarse- un grupo tan heteroxéneo como a sociedade galega; un grupo tan dispar, tan variado, tan múltiplo que o raro é que nos deamos posto de acordo en algo. Tampouco non somos intrusos na profesión xornalística, como quizais alguén por aí poida pensar. Nin se nos pasa pola cabeza facer o xornal nós cada mañá. Esa é a razón pola cal non hai xornalistas no grupo promotor. Pensamos que nun momento como este de precariedade laboral e de problemas na profesión xornalística, non sería unha boa práctica a de confundirmos grupo promotor e persoal. Nós somos persoas cunha idea que temos como misión darlle profundidade, servir de caixa de resonancia e difundir... Aí acaba o noso labor.
Sermos Galiza é unha iniciativa para constituír unha Sociedade Anónima que xestionará un diario dixital e máis un semanario en papel. Quizais haxa despois outros proxectos, en particular o grupo promotor séntese inclinado pola radio, mais isto aínda non existe. Despois de estudarmos a viabilidade económica, botamos contas prescindindo da publicidade. Por que? Pois porque é un sector inestábel -hoxe en caída- e ademais, para falarmos con toda a transparencia, porque sabemos da dificultade de contar con anunciantes. Funcionaremos a través de subscricións anuais duns 160 euros, de forma que cada semanario sairá a un pouco menos de 3 euros. Para mover todo isto precisamos xuntar primeiro un capital importante, 300 mil euros, que nos darían solvencia durante un prazo razoábel de tempo, o suficiente para darlle certo arraigo. Convocámosvos para encoraxarvos a mercardes esas accións. Porque saír ao mercado ten certos riscos. Se as mercar Bill Gates, ou NovacaixaGalicia ou o Papa Ratzinger, o proxecto será distinto de se as mercamos as e os que asistimos a estas presentacións, parece claro. O deseño da idea pode proceder do grupo promotor mais quen executará as decisións será a xunta de accionistas logo da constitución da empresa. Precisamente, para evitarmos que ningunha parte compradora poida tomar o control e evitar que Sermos Galiza se converta nun proxecto empresarial ao uso, puxemos a limitación de que ninguén poderá mercar máis do 10% das accións.
,Que vos pedimos como grupo promotor de Sermos Galiza?
En primeiro lugar, que vos deixedes ilusionar cun proxecto necesario. Xa está ben de que nos conten a realidade como queren! Xa está ben de que nos digan, por exemplo, que un sector inapreciábel do profesorado se está a mobilizar contra as medidas da Consellaría de Educación! Xa está ben de que nos digan que apenas tres tolos estaban manifestándose en San Caetano pola lingua! Despois da presentación na Coruña de Sermos Galiza, nalgúns medios non masivos como o Terra e Tempo saíron publicadas opinións favorábeis ao proxecto. Alberte Ansede salientaba a sorpresa de que, cunha sociedade dinámica e culta como a galega, que se foi dotando de centros culturais e dun tecido asociativo considerábel, como pode ser que a prensa maioritaria estea a tan baixa altura? Efectivamente, como pode ser a nosa prensa unha que pasa a vida a tirar pedras contra Galiza? Como pode ser nosa unha empresa de comunicación cando considera que defender a lingua propia é ser do monte, ou que reclamarmos soberanía é non querermos formar parte da xente traballadora do mundo unida?
O segundo que vos queremos pedir é que, unha vez que vos ilusionastes, que lle deades difusión a esta idea. Queremos que os produtos que xurdan de Sermos Galiza estean nas cafetarías e nos bares de copas, que estean nos centros de traballo, que sexan, real e efectivamente, a outra voz.
Finalmente e na medida das vosas posibilidades, nun momento difícil como este, pregámosvos que vos comprometades cunha achega económica. As accións custan 100 euros, coa idea de que o proxecto tivese sustento social, que fose o máis popular posíbel. Algunha desas accións xa foi mercada por algún mozo desempregado. Outras persoas mercamos un paquete un pouquiño máis grande. Seguro que podemos rañar a carteira para demostrarlles que denantes pobres que escravas. Pensade que é algo moi importante o que adquirimos: é o dereito ao futuro.
Finalmente, como xa dixen no blogue, non son unha gran lectora de prensa. Amólame ese produto clásico que foi creado para o pai de familia, coa súa sección de sucesos para se escandalizar a gusto, a súas columnas centrais de política do estado que chaman nacional, as súas páxinas de prostitución anunciada e até o horóscopo para ver se, despois de tanta "información", ao suxeito en cuestión aínda lle van saír ben as cousas. Na vida, con frecuencia me sinto molesta polos tópicos que acompañan as entrevistas, pola rapidez e a frugalidade con que a linguaxe xornalística trata os asuntos, pola agresividade que o mercado puxo de moda. Mais estou certa tamén de que outra prensa é posíbel. É posíbel unha prensa de esquerdas, feita para o pobo e polo pobo, desenvolvida con óptica radicalmente soberana, unha prensa que teña presente que os grandes movementos sociais -que as ideas do feminismo, do ecoloxismo, da relación entre quen produce e quen consome alimentos- teñen un fundamento político e unha razón ética que as fai máis respectábeis, máis suxestivas para saíren no xornal que a defensa da monarquía ou da constitución. E digo isto porque hai uns anos recibín unha oferta para escribir nun medio de gran difusión en Galicia. A única limitación que me marcaban era esa: non escribir contra o rei ou contra a constitución. Como se o propio concepto de monarquía non fose posto en xuízo polo artigo primeiro da Declaración dos dereitos humanos, alí onde di que todas as persoas nacen libres e iguais... Ou como se a constitución que-non-se-podía-criticar-nin-modificar non fose un texto agresivo, que lesiona a nosa nación chamándoa comunidade autónoma. Tiven que rexeitar a oferta. Poucos meses despois, outro dos medios máis instalados púñase en contacto comigo. Ofrecíanme unha columna de pensamento semanal coa única condición de que escribise en español. Cando aleguei que nese xornal había quen escribía en galego -por que eles si e eu non?- contestáronme: "iso é na sección de cultura e a ti estámosche ofrecendo pensamento". Pareceume raro que a min, unha muller, me fosen reservar algo supostamente de máis categoría. Tamén me abraiou que quen me falaba non deixaba espazo para concesións: a cultura podía ir en galego, o sublime pensamento non. Mais nunca se me foi da cabeza a sospeita de que querían utilizarme para dicir que as escritoras e os escritores usabamos o galego por unha caste de costumismo e non por unha convicción máis profunda, pola decisión rebelde e contra-poder de vivirmos en galego. Por suposto que houbo que contestar, "españois, go home!"
Conto as miñas anécdotas porque é hora de tirarmos á luz a nosa insatisfacción cos medios que nos rodean. Mais cadaquén terá as propias batallas que contar. O asunto é que, como percorremos ese camiño, temos a idea clara de que outra prensa debe ser posíbel. Posíbel e urxente, para nos regalarmos outros ollos con que interpretar a realidade que nos envolve. Por Sermos Galiza!