Señor Xuíz ou as últimas vontades

Señor Xuíz ou as últimas vontades

Nunca antes de agora pensei en ter que escribir estas letras, Señoría, cun encabezamento que o chama de forma imperativa e que reclama a atención futura para quen, no presente, non fai senón deixarse caer a peso, conscientemente, no inmenso e fondo baleiro no que a súa sociedade se precipita sen perturbarse. E con esa apelación remítolle a miña lúcida confusión e a miña caseque penúltima vontade na espera sen esperanza de que, cicais, nalgunha outra idade do tempo, se poña fin a tanto desatino e trangallada como os que acontecen no noso vivir máis doméstico e cotián.

Señor, acúsome ante Vostede e o seu baixo tribunal, de non ter aspirado a ser outra cousa que un home honesto e honrado que non pretendeu roubarlle aos outros nin á administración, da que eses outros tamén forman parte, nin unha cadela; nin tan sequera a través deses complementos indignos cos que, legal e interesadamente, pretende comprarse o noso favor, complicidade e silencio favorecendo, de paso, aos nosos egos e estómagos; somente un primeiro paso na escada na indignidade colectiva.

Culpable de crer que a miña primeira obriga social era a de tentar de ser útil para a sociedade dende a rectitude e a honestidade, coas miñas carencias e feblezas, sen deixar de insistir no esforzo por mellorar nas miñas capacidades fortalecendo, con elo, á miña sociedade e propiciando una acción cada vez máis consciente e responsable. Nun esforzo tenso e continuado, sempre na crenza de que o perfeccionamento constante no meu labor e actitude de servizo á colectividade era un obxectivo máis que suficiente e digno para una vida enteira de traballo. E reo de ter considerado que esa actitude merecía cando non o recoñecemento e a estima dos meus concidadáns si a consideración suficiente como para poder sobrevivir con folgura no desenvolvemento da miña tarefa.

Teño que confesarlle con vergoña que, froito dunha ousada vontade, tiña elixido servir e non beneficiarme en relación co meu mundo. As miñas enormes ambicións o foron por querer ser mellor e máis útil e non na percura de ter máis ou de crecer noutra cousa que non fose en entendemento e en idade. Que, no colmo da malversación dos propios caudais, me sentín na obriga moral de loitar, sen outro prexuízo recoñecido do que me teño causado a min mesmo e a miña familia, por favorecer o derrubamento dun réxime político miserable e anacrónico, lexitimado pola adhesión silente dunha maioría, consecuencia dun longo rosario de despropósitos, arbitrariedades e crueis brutalidades cos que as nosas oligarquías, e os seus servidores, souperon adornar a nosa entrada na contemporaneidade con grandes doses de incompetencia egoísta, a dereitas e esquerdas. Que, tolo e desleigado, crin necesario e imprescindible para a saúde moral renunciar a todo aproveitamento (ao que algúns coidaban tiña dereito, como eles) nunha política partitocrática fraguada por aspirantes a privilexiarse e beneficiarse de xeito inmoderadamente profesionalizado deixando de lado unha traxectoria de servizo e responsabilidade, de nidia conciencia cívica e de voluntariamente limitada pero intensa dedicación á política: Daqueles polvos esta lameira...

Confeso ter desexado, no pasado, unha mellor ordenación da nosa vida pública e, inconforme sempre, seguilo desexando aínda cando os ventos exteriores nos fixeron descubrir as esencias de perfección nas que hoxe nos revolcamos satisfeitos. E de crer, polo mesmo, que toda Constitución o é para os cidadáns e non eles os escravos da letra da súa carta. Nin o Estado, nin a Realeza, nin os partidos políticos, nin a Xudicatura, nin a Eirexa nin a mesma empresa privada teñen valor e lexitimidade en si e por si mesmos senón na medida en que serven á sociedade na que se proxectan; nin ningunha destas corporacións e institucións, por divinal ou transcendente que se propoña, ten existido por sempre nin ten asegurado a súa pervivencia por toda a eternidade. E a medición para saber da súa eficacia non reside na conciencia de sí nin na autoestima que as caracterice, nin tan sequera nas enquisas de opinión, senón na evidencia dunha eficacia social que hoxe as cuestiona e debilita. Cando acudimos a xustificarnos polos grandes e solemnes principios é porque nos faltan os pequenos e pragmáticos argumentos e, sobor de todo, a convicción.

Para colmo, no meu desvío afirmeime como nacionalista galego na ignorante crenza de que asumir una identidade política marxinalizada me garantía a inmunidade contra as corruptelas do pancismo e da fachenda. O son sen vaidade, pero con conciencia, comprometido coa miña sociedade analfabeta, iletrada, dona dun antigo saber telúrico e coñecedora de tódalas prácticas que buscasen asegurar a supervivencia. Súbdita dun complexo oligárquico teimudo e degoirado, ineficiente para todo o que non fose o seu propio interese ou beneficio e despreciativo e sabido do moito que non chega nin chegará a entender. Deles me sei e me sinto ata na anguria de ver aos nosos sectores sociais máis concienciados fiar máis dos seus particulares e propios intereses que dos que compre asumir en defensa do seu pobo. Tantas formas de amar a Galiza que ata a poñen, coa súa cobiza, en perigo de maior afogo.

Amante do meu e sabedor de onde veño para poder recoñecerme na fraternidade co mundo, incluídos aqueles que desexarían afogar as miñas conviccións e ata a mesma voz. Solidario de quenes o precisan, sacando cara polos menos frente á indiferenza dos máis, identificado cos que pouco teñen pero son (e mira que se fai porque non sexan) e defensor de causas perdidas porque para axudar ás outras xa está Vostede e cantos se senten portadores de valores eternos, a súa digna cofraría.

Cúlpome de saber que non nos benefician nin proporcionan utilidade cantos, representándonos ou dicindo xestionar os nosos intereses, nos rouban en tódolos estamentos e responsabilidades; e de non apreciar nin dar crédito a cantos fan o seu éxito persoal e a súa fortuna a costa do esforzo, da vida ou da dignidade dos demais. De considerar que a corrupción é un factor de desestabilización social maior e máis xeneralizado e estendido nos seus intereses corporativos que o terrorismo. De coidar que nin isto é a finca de ninguén senón un patrimonio común nin nós os súbditos de calqueira que pretenda chamarse noso representante. De intuír que quenes poñen a lei por riba da xustiza se deslizan pola pendente da arbitrariedade e da componenda; e que o recurso de refuxiarse na dignidade institucional ou corporativa non é outra cousa que a demostración da carencia de razóns e da culpa.

Sei que non teño absolución nin remedio, e penso que tampouco os desexo.

Aínda neste penúltimo suspiro querería poder mirar as cousas como son e poder identificar engano, chulería, estafa, prepotencia, trampa, chanchullo, roubo, ladróns... Señoría.

Si o mira ben, eu son un dos moitos poucos que tenta de permanecer consciente neste inmenso suicidio colectivo.