Sen vivenda nin xustiza
As palabras de Pilar Rodríguez, unha galega xubilada residente en Barcelona e abocada ao desafiuzamento da súa vivenda habitual por avalar un préstamo dun fillo, transcritas hai uns días nun xornal de difusión estatal, son contundentes: “A xustiza é moi inxusta. É xusta só para os ricos”.
Esa valoración é, en realidade, a tradución coloquial da afirmación feita moito tempo atrás polo o pensamento marxista, que considera que o Dereito non expresa a toda a sociedade senón á clase dirixente, que impón ao conxunto da sociedade as normas de conduta ligadas á súa razón de ser e ao seu desenvolvemento. Ou dito nas palabras que deixaron escritas Marx e Engels no Manifesto Comunista, “o voso dereito non é máis que vontade da vosa clase elevada a lei”.
A problemática dos desafiuzamentos exemplifica a desigualdade que preside a normativa civil e hipotecaria vixente aínda hoxe en día, mais xurdida no momento de transición do Estado absolutista ao Estado burgués-liberal, baixo a orientación de privilexiar a posición da nova oligarquía burguesa nas relacións co resto dos estratos sociais. No caso concreto da regulación hipotecaria, de outorgar un tratamento vantaxoso á nova clase rendista para favorecer a expansión do seu negocio, ao legalizar a responsabilidade patrimonial absoluta de calquera debedor e así conceder facultades extraordinarias para perseguir calquera falta de pagamento.
O dominio desa clase rendista é tan intenso no Estado español que até o de agora sempre foi intocábel esa regra de ouro da “responsabilidade patrimonial ilimitada”, mesmo cando noutros Estados liberais, aínda mantendo nos seus trazos esenciais privilexios para quen presta, adoptáronse limitacións para equilibrar a relación. Xa no suposto máis actual das débedas hipotecarias, a responsabilidade limitada ao ben gravado en garantía do préstamo (a dación en pago) é legal en moitos estados que forman parte dos Estados Unidos ou da Unión Europea.
O propio Goberno do PP está preso deses intereses, pois sendo consciente da alarma social que están a provocar os desafiuzamentos, unicamente aprobou de xeito cosmético e propagandístico a adhesión voluntaria da banca privada a un “Código de Boas Prácticas”, que contempla a posibilidade de saldar as débedas coa entrega do ben hipotecado. Unha norma que xa fracasou ao pouco de entrar en vigor, pois en esencia mantén os privilexios da banca, que non se ve sometida a un novo marco legal, senón que lle faculta para aplicalo á súa conveniencia. Unha delegación en toda regra da súa función de gobernar, pois remite a aplicación e cumprimento das normas á aceptación voluntaria dunha parte directamente interesada.
Nada nos debería estrañar neste comportamento, por dúas razóns. En primeiro termo, porque esa delegación se efectúa cara os sectores máis poderosos e próximos ao partido que sustenta o Goberno, e onde o responsábel directo de propor ese Código (ministro Sr. de Guindos) procede dunha firma da grande banca privada internacional directamente implicada na crise financeira de 2008. En segundo lugar, porque é reflexo do dominio e poder da elite financeira, que aínda non se sente intimidada na súa posición, mantendo a resgardo as costas co parapeto que lle ofrecen as propias políticas do goberno e a maior parte do aparello mediático. De feito, o propio Goberno recoñeceu que na redacción do “Código de Boas Prácticas” colaborou directamente a Asociación Española de Banca, a Confederación Española de Caixas de Aforros e a Asociación Hipotecaria Española. É evidente que a opinión da outra parte afectada, dos embargados presentes e potenciais, nin se tivo intención de recabar nin tampouco de ter en conta. De todos xeitos, sería inútil esa opinión, porque a pretensión era facer unha norma a medida das entidades financieras, non dos miles de persoas afectadas. Lonxe de que o “Código de Boas Prácticas” penalizara as malas prácticas bancarias dos anos precedentes e lles obrigara a pagar penitencia por iso, a súa utilidade é servir de instrumento para ocultar a verdadeira intención de manter a privilexiada situación legal das entidades financeiras.
Porén, a realidade é teimuda e acabará impóndose. A nova a que se facía referencia ao comezo deste artigo é unha das moitísimas que están a publicarse diariamente, sacando á luz cada vez casos máis aberrantes. E, como denominador común de todos eles, un desvarío maiúsculo: que a falta de pago implica a perda dun ben básico para moitas persoas, como é a vivenda, que perden un teito onde vivir, mentres que a falta de cobro non implica que os bancos teñan que pechar, unicamente reducir multimillonarios beneficios que aínda colleitan nesta época de crise.
Na Galiza, aínda que de xeito máis demorado que noutras zonas do Estado español, comezan a aparecer movementos organizados para impedir os embargos, e premer a que as entidades financeiras ofrezan solucións alternativas ás persoas afectadas, sempre en todo caso mantendo o dereito a ocupar a súa vivenda. Nestes días, até os árbitros obrigados a sinalar sempre o castigo ás persoas embargadas en función baixo as regras dunha lexislación trucada, comezan a reaxir e pedir que lles muden o regulamento, pois a bancada tamén pode acabar sinalándoos como cómplices da farsa amañada.
Alén da inxustiza concreta que conleva a análise caso a caso, hai unha de alcance maior: que os causantes do actual desastre económico pretenden manter a súa posición de dominio no canto de ter que verse sometidos a novas regras que, tanto impidan volver a actuar sen control, como que paguen parte da factura dos estragos. Por iso, a loita contra os desafiuzamentos non é simplemente apoiar e axudar a casos concretos de persoas que atravesan unha delicada situación, é tamén unha boa ferramenta para reclamar un novo cenario económico onde as entidades financeiras cumpran estritamente co seu papel de intermediarios entre o aforro e o investimento e non se arroguen o rol de amos absolutos da economía, co respaldo de leis feitas á súa vontade e medida para afianzaren o seu poder.