Sen bandeiras


Xuntemos tódalas mans....

Un revolucionario/a nunca pensa en negativo. A retorta, resentida e reaccionaria idea de que a unidade das loitas e dereitos populares se logra prohibindo e negando as ideoloxías, os idearios e as organizacións populares non é moderna, xa fai tempo que a teñen posta no campanario os tecnócratas, os predicadores da fin das ideoloxías e ate Franco cando dicía: “Haga como yo mi General, no se meta en política”...

O chamado “apoliticismo” é o produto mais apropiado para chegar a ditador, escravo, ou escravo con ideas de ditador.

Durante as relevantes e esperanzadoras mobilizacións sociais que se fixeron pola crise do rural galego e que xurdiron do roubo que se está a producir no sector lácteo galego recollín tres frases que reflicten a influencia do pensamento do que se chama a ideoloxía dominante do sistema capitalista aquí e agora, ditas en público por persoas relevantes:

_Un representante sindical en Compostela: “Isto foi todo un éxito porque o fixemos sen bandeiras”

_Unha concelleira do PP dun concello rural de Lugo: “Fora partidos, fora sindicatos”.

_Un coro que completaba a partitura da voz cantante da concelleira rural: “O leite sube solo”. Ou sexa, que sobraban as tractoradas, as manifestacións, as protestas e calquera apoio as protestas. Ao final- cousas da vida- de alí a uns días había dous tractores, un diante doutro, con dúas pancartas e con pensamentos tan semellantes, como que un dicía que os sindicatos non fan falla e outro (posto a posteriori) “A unión fai a forza”.

Conclusión desta tese doutoral:

“A unión fai a forza sen bandeiras, sen ideoloxías, sen partidos, sen sindicatos, sen cooperativas,sen asociacións, sen gobernos, sen pensamento político e ate sen pensamento, porque son todos uns ladróns”. Ou sexa, a unión fai a forza sen ningún tipo de unión nin organización”.

Esta solemne tese lévanos de novo a Salamanca onde se di que D.Miguel de Unamuno lle escoitou outra célebre frase ao citado e lexionario Xeneral: “¡Viva la muerte, abajo la inteligencia!”.

Foi tal a habilidade que o capital e os poderosos tiveron para “criminalizar” as organizacións políticas e sociais que o peor non é que che chamen político ladrón si non que che chamen simplemente político. Con todo, e pódese comprobar,si falas mal do PP e fácil que moitos che retruquen por falar de política, si falas mal de tódolos políticos seguro que te aplauden; o poder ten a xente “ben educada” para que saiba co quen ten que meterse e ante quen ten que disimular.

Compre ser rigoroso e non aproveitar demagoxicamente as ideas e prédicas do sistema e do poder porque o capital, os peixes gordos, teñen as ideas moi claras e están moi organizados e son moi políticos. Xa lle vin a alguén preguntar en público a alguén si era anti-capitalista, ou anti-sistema, ou an-ti-político, ou casta, ou partidario de partidos, ou anti-monarquico... Non sei si algúns se foron dando conta que de pouco serviu dicirlle a xente que os partidos eran malos porque son dos políticos e os sindicatos vos porque so dos traballadores. Cando foi preciso facer os recortes laborais, o aparato propagandístico do poder, pagado cos nosos cartos, meteunos a todos no mesmo saco,incluídos aqueles funcionarios que renegaban dos políticos porque se meten a dirixir a sociedade e a Administración. Seguindo a idea do sistema un taberneiro de Lugo, un pouco retranqueiro el, soltoulle a un cliente que é funcionario. “Semella que non che sentou ben que che recortaran a paga do Nadal”. Meu amigo Manolo, tan retranqueiro como el como o taberneiro, retrucoulle: “ A quen cha quitaron foi a ti; xa verás como non che encargo este ano as ceas familiares que celebraba no teu bar por esas datas”. ¡Que dependentes somos e canto individualismo nos meten nos miolos!

O malo do asunto e que toda a ignorancia que leva a idea de non querer informarse da política e perseguir e atacar as poucas organizacións que a xente que vivimos do traballo podemos soster e apoiar non é responsabilidade da dereita nin do capital, nin dos domadores do noso país, eles defenden a política que pensan que lle convén. Os desprezos e ataques mais graves que estamos a recibir nos últimos tempos veñen moitas veces do entorno dos chamados progresistas ou incluso “anti-sistema”. Fai pouco puiden ler en Sermos Galiza a alguén moi crítico dentro de Podemos que consideraba a Podemos dentro do campo electoral de Cidadáns; e non so de cidadáns, diría eu, tamén do PP, antes e agora. Si o eixo central do discurso é que tódolos políticos son ladróns (casta) e corruptos e os culpábeis de tódalas desgrazas que padecemos, e que había que metelos a todos na cadea xa temos outra volta aprobación e aclamación para o pensamento de Millán Astrai reformando un pouco: “Viva a cadea perpetua, abaixo a intelixencia”.

Un vello dito latino cheo de sentido común ven a poñer un pouco de orde sobre os disparates interesados que se escoitan a diario no que ten a ver con algo tan importante para as nosas vidas e convivencia como é a res pública: “Raro negues,nunquan confundas,semper distingas”.

Negación: -Non quero saber nada de política, o mellor é non votar. (Votan PP).

Confusión: -Os políticos son todos iguais,van ao deles.( Resentimento e auto-odio). Votan por calquera menos por forzas propias do País.

Distinguir - Antes de votar hai que miralo: O pensamento é moi galego pero, como en tantas cousas, non se usa moito para as decisións políticas. Mirar si que miran, pero, para a lúa ou para o dedo...?

Cando queren pensar métenlle polos ollos a camisa de moda dicindo que non ten marca, e no próximo proceso electoral xa mudou de marca e de tenda. Como o leite, produto reclamo.

Dentro das limitacións e censuras que ten en Galiza o ideario da querencia polo noso temos cousas tan patentes da nosa discriminación e que conviven sen ningún tipo de alarma que debían abrirnos plenamente os ollos: O atraco diario da AP_9 dende tantos anos, o prezo do leite, a sanidade pública, a desfeita do sector pesqueiro, e moitas mais. Independentemente do respecto que merece cada quen, e fora xa de posicións electorais, non carecería de senso común facernos a seguinte pregunta ¿ Teríamos resistido ou avanzado algo como pobo e como pobo traballador si non fose pola existencia dun movemento nacionalista organizado?

¿Decátase a xente de que a pesares de que no rural había un cabreo e canseira moi forte nos últimos tempos, foi decisivo e imprescindíbel o nacionalismo para quitar adiante unhas protestas pexadas dende dentro e dende fora cos mortíferos pensamentos que freaban e destruían calquera tipo de organización, véndonos os nacionalistas nunha situación que nos impedía ate xuntar a xente e que tomara democraticamente as súas decisións?

Sería un erro grave non saber ou non querer estar abertos, e fundamentalmente nas loitas sociais a dinámicas de movemento popular a xuntar as mans, as voces, as propostas e as accións. Claro que podemos saltar ao campo con distintas cores ou bandeiras nun partido ou noutro, pero, ollo, Madrid xoga sempre coas vantaxes todas, con razón ou sen ela, con lei ou sen lei. Si alguén ten procurado formas e plataformas abertas con todo o mundo, eses fomos os nacionalistas. Fai ben pouco fomos acompañados en manifestacións de moitos/as representantes do PP.

Xustamente nese punto as nosa xentes populares sempre foron de levar bandeiras e pancartas e non de escondelas; serán os que teñen eses medos ou pre-xuizos os que terán que dar explicación. Mais,¿ non é unha contradición pedir dereito a participación para calquera que crea unha ONG e vetar e ate perseguir as organizacións que, ben ou mal, pasaron moitas veces polas urnas e patearon o País?

Estou a repetir un pensamento que fai pouco tempo tivo que presentar un vello anarquista de Lugo, Serxio Castilla, nunha plataforma da sanidade onde semellaba que para ser demócrata tiñas que facer apostasía de calquera credo político. Parecía que a democracia consistía en eliminar os programas políticos e substituílos polo partido que un veterano portavoz do BNG tiña para a intimidade familiar: “ ALA VOS”. Non sei si lle mudou o nome tendo en conta a proximidade cos seguidores do Islam.

E tamén é un erro, e fíxose e séguese a facer, enganar aos representados dende as organizacións populares dándolle por resoltos problemas e conflitos co poder que non se resolveron. Nunha xuntanza da Plataforma do Sector Lácteo Galego o 24 de agosto un labrego de Santa Comba reclamaba que nos conflitos os representantes contaran sempre a verdade “gañárase ou perdérase”.

Non imos quitar adiante o País con críticas ao poder e a quen nos oprime, e tampouco con agacharnos e deixar que nos leven segar a Castela e sen soldada. Pola contra temos que facer algo mais difícil, facer que os nosos veciños sintan que son galegos e galegas e aprecien o seu, incluídas as organizacións sociais, sindicais ou políticas. Mentres non comece a sentirse un respecto polas cores dun partido político como por unha equipa de fútbol inda estaremos sen normalidade política nin democrática. Parte das liberdades logradas na transición estanse perdendo. Fixarse no difícil que poñen inda levar bandeiras galegas ao fútbol. Pero tampouco é estraño. Chegaron a arredalas das mobilizacións incluso quen din que loitaron por esas liberdades de expresión, reunión, asociación, expresión, folga... ¿ E si organizaramos un partido de fútbol en cada manifestación ou protesta para poder chamarlle a Fijoo o que lle chamamos ao árbitro? Ou sexa “Vendido ao ouro de Madrid”.

Como imos a loitar polas liberdades dun grupo social ou colectivo si non lle deixamos expresarse por oral, gráfico ou escrita a quen o representan ou apoian? ¿Non é xustamente este silencio o que quere o poder? ¿Que preocupación lle meten aos que teñen o poder as procesións de caladiños? Esas xa as había nos tempos de Franco.Os problemas teñen que ter unhas causas, uns causantes, uns responsábeis de resolvelos, e si non os resolven teñen que vir outros que os resolvan, e teñen por necesidade que comunicarnos como os van a resolver.

Por si alguén (e fai ben) me retruca por ser político trasnoitado e ter o pensamento nada moderno dos anos setenta – a democracia e a civilización foi unha creación seica recente que naceu no corazón da España dos Austrias fai catro anos- direi, e non é por vana gloria, que ser defensor das organizacións políticas non implica prescindir de tódolos instrumentos e xeitos de funcionamento democrático. Si houbese un pouco mais de aprecio polo noso poderíamos ter exportado para uso e manexo de Europa e parte do exterior análise, propostas, loitas e conquistas de tipo político e social dende Galiza que serven para orientar a moitos “modernos” a vontade dos ventos e ate dos eventos. Por citar a mais recente, rematamos de conseguir unha suba moi boa do leite para Andalucía...

¿Que foi no seu día a AN-PG mais que unha plataforma política de unificación e rexurdimento dunha Galiza esmagada que se soergueu contra vento marea, cometendo erros e acertos ate que tivo soltura para camiñar?

¿ Onde están agora os modernos que nos chamaron de todo cando presentimos a “Europa dos mercaderes”? Ate eles mesmos nos copiaron: “La Europa de los mercados”...

¿Que pasou coa Constitución Europea? Aséntena enriba da mesa e ollen como a aplica do xeito mais brutal contra os pobos e toda a xente do traballo a Troica.

Os e as que xa fai tantos anos votamos en contra da OTAN (por certo non sei si desapareceu coas novas tecnoloxías), da Constitución Española, dos pactos da Moncloa... eramos pre-modernos, ilusos...?

Cando fallan os piares dunha edificación o resto sobra, cando un fillo sinte vergoña dun pai ou dunha nai pola súa vestimenta non os vai levar a romaría. Cando unha e outra vez os meus compañeiros/as de viaxe me negan vestirme como me prace, inda que eu non diga nada do seu traxe, ou teñen vergoña ou envexa. Temos que ir xuntos, todo o xuntos que se precise polos camiños que antes chamaban populares ou da esquerda (agora xa me perdo, porque os populares están claros, pero...), agora ben, o que non lle compensa aos outros populares(do pobo) e ir confundidos. A política esa de mirar quen lle pilla o tres co as ao do lado ou quen se achica no arrastre, en Galiza non sei se terá xa escarallado mais dunha partida de tute. Inda que sexa lexítimo que a política non sexa mais que un xogo. Pero, inda no tute, hai compañeiros e contrarios...Non pode ser a preocupación principal dunha organización que está nunha loita común con outras facer invisíbeis as cores, a figura e alternativas das outras, porque sería privar a todo o mundo do enriquecemento desas propostas, unha sociedade económica na que todos pensen así pouco ven social produce. Xa sei que estou atacando os piares do capitalismo, pero falamos doutra cousa.

O fraccionamento e a división de alternativas e propostas leva a contradición extrema de facer tantos anacos como individuos e ate a ilusión de que grazas as novas tecnoloxías podemos ter unha asemblea de democracia permanente de inter-conectados. Logo a realidade remata co espellismo e compre partir daquelas organizacións sólidas, coherentes e algo rodadas para que ande o carro. Son útiles e necesarias moitas entidades e grupos sociais, claro, un corpo faise de células e membros pero todos xuntos e ben axuntados.

Prescindir do rigor do que teñen avanzado as ciencias sociais e pasar olimpicamente da existencia das loitas e conflitos no que os pobos e clases sociais están metidos, non ver o imperialismo, a opresión, as múltiples formas de violencia, dominio e exclusión, nada bo vai traer para lograr un mundo con algo de paz e felicidade.

Di a propaganda do sistema que as organizacións políticas e sindicais defenden intereses. Claro, para iso son, e canto mellor os defendan mellor cumpren o seu cometido. As organizacións bancarias, as relixiosas as militares, as empresariais,todas defenden intereses; o que se precisa que sexan democráticas e transparentes para que estean ben dirixidas.

¿A quen lle interesa que non haxa partidos políticos nin sindicatos que defendan a xente popular? ¿Interésalle a unha traballadora, a un labrego, a un autónomo? ¿Que fai esta xente berrando en contra de si mesmos? ¿Porque abusan tanto de nos, dos que traballamos? Pois por esta razón entre outras, porque as buscamos pola man... ¿Quen te vai desatar cando te decates de que ti tamén estás atado? ¿A que organización acudirás cando estean anuladas ou prohibidas por lei ou na práctica?

A democracia non é mais perfecta si apartamos aos partidos, sindicatos ou organizacións; todo o contrario son as organizacións si funcionan e están activas o maior instrumento de democracia. A democracia vai moito mais aló de opinar; ten que ver co uso e gozo dos bens e servizos da sociedade e co uso non so privativo e individual. Ten que ver coa equidade, coa xustiza, coas relacións entre as persoas, entre os pobos, coa distribución e uso do que a terra nos da, ten que ver co pasado, co presente e co futuro...

Descubrir un método de elección ocasional para propoñer unhas persoas para un cometido é simplemente unha técnica de elección, que dependendo de como se utilice pode ser tan válida ou inútil como outra calquera. E tamén compre dicir que o poder ten neste intre capacidade para facerlle crer a xente con moita información que moda, modernidade e corrección son a mesma cousa. Non hai xa pensamento único, hai “pensamento a última moda”. Xa ves, un credo mais fanático que o de calquera relixión. O poderoso sempre tivo de moda para consumo do oprimido que non pensara e que non se unira. Un labrego que escoitou a Conselleira en Lugo razoaba a posteriori: “A Conselleira dinos que lle demos ideas, nos estamos para muxir, non estamos para ter ideas”...

Co traballo, sufrimento, prisión e vidas que custou ter liberdades e organizacións é ben triste e ben deprimente que o berro revolucionario sexa “fora partidos, fora sindicatos”. Si estas enfermidades se están propagando por Europa algo moito mais criminal que o ébola se está estendendo.



,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.