Sempre Comités, sempre por unha universidade galega, pública, democrática e de calidade
Fronte ao cuestionamento á organización e ideoloxía, fronte ás adversidades e competencia contra organizacións "modernas" supostamente apolíticas, mais non apartidarias, e fronte a actitudes paternalistas e adormecedoras nas nosas reinvindicacións, os Comités seguiron adiante e nestas eleccións ao claustro subiron dos 15 claustrais do último periodo até os 24 destas últimas eleccións. Habendo candidaturas dos Comités en case todas as facultades, obtendo representación en cada unha delas, e onde non, quedando fóra por unha escasa marxe. Dando a batalla e sementando futuro fronte ao amarelismo, á desideoloxización e ao acomodamento do estudantado.
E non por termos uns resultados potentes, sendo de novo a forza estudantil maioritaria, desta vez cun 33% de representación no claustro, van ser as institucións as nosas únicas metas. Sobra xente que impotente e con zunia atacan aos Comités só por ser a organización nacionalista maioritaria xa non no estudantado, senón tamén nos organismos universitarios. Mais como sempre fixo o nacionalismo, e polo tanto os Comités como organización nacionalista estudantil, as institucións, e neste caso organismos universitarios, están para dar batallas, conseguir resultados e representar a nosa alternativa, como mozas e mozos estudantes e nacionalistas.
Así pois, o noso programa é herdeiro das loitas de ERGA e dos CAF , continuador do sacrificio que tempo atrás fixeron mozas e mozos por construír aí onde non había nacionalismo. Nestas eleccións, e como sempre fixemos, seguimos a reivindicar unha universidade pública, fronte á suba das taxas, o incremento de custos nas matrículas e contra a privatización e elitización da universidade, onde os bancos e empresas queren crear man de obra barata e explotación. Seguimos a reivindicar unha universidade galega, onde se trate á nosa lingua como unha lingua franca, capaz de facermos ciencia e letra no noso idioma, de aprendermos a alto nivel na nosa lingua e tamén de promocionala a aquelas e aqueles que ao noso país veñan estudar. Seguimos a reivindicar unha universidade democrática, onde o estudantado estea representado, sen ponderación ningunha, onde teñamos verdadeira capacidade de participación e sobre todo de decisión, sexa nas Xuntas de Facultade, Consellos de Departamento, Claustro ou nos Consellos de Residentes. E como non, seguimos a reinvindicar unha universidade de calidade, onde se potencie o traballo investigador de cada estudante da Galiza, fronte á emigración, aproveitando os nosos recursos propios, mais tamén unha universidade de calidade en canto o que a materiais e facilidade debe dispor esta etapa formativa nas nosas vidas. Pois coa mellor calidade (e non no sentido exclusivamente materialista senón tamén humano) asegúrase a mellor formación.
Este 5 de maio seguimos a reinvindicar a visión histórica, hoxe máis vixente que nunca que noutros tempos foi o"Ensino centífico, nacional, popular e democrático", e hoxe, aínda máis vixente é a dunha universidade galega, pública, democrática e de calidade!