Semellantes feridas
Que semana esta do 20 ao 28 de setembro! En Marín QG celebra a I xornada "Ser lingua non é fácil". O día 29 quere definir... Cada un de nós, seguramente, pensa. Comparo dous libros: Unha vida no século XX de Eric Hobsbawm, e a "Natureza humana", un debate de Noam Chomsky e Michel Foucault.
A min correspóndeme, como a Hobsbawm, a crítica do XX; este pequeno século de guerras, holocaustos, de soño dun capitalismo de "rostro humano" que denunciaron os do 68 e que precedeu á miseria do monetarismo. A herdanza de tanta violencia: sermos humanos ou desapareceren. Tan perto de nós, sermos galegos ou ficaren fora da historia.
Xusto o que debateron Chomsky e Foucault. Di Chomsky: "Un compoñente fundamental da natureza humana é a necesidade do traballo creativo, da investigación creativa, da creación libre sen limitacións arbitrarias das institucións coercitivas... Unha sociedade decente debería levar ao máximo as posibilidades de realización desta característica humana fundamental. Isto significa intentar a superación de elementos represivos, opresivos, destrutivos e coercitivos que se atopan en toda sociedade real- a nosa por exemplo- como residuo histórico".
Só como residuo histórico? Non se están a xeraren elementos novos represivos? E leo a M. Foucault: "Paréceme que a verdadeira tarefa política nunha sociedade como a nosa é realizar unha crítica do funcionamento das institucións que semellan neutrais e independentes; facer unha crítica e atacalas de tal maneira que se desenmascare a violencia política que se exerce a través destas de maneira oculta, para que as poidamos combateren. Na miña opinión, esta crítica e a loita son esenciais: o poder político vai moito máis alá do que se sospeita. Probabelmente, sexa insuficiente afirmar que detrás dos gobernos, detrás do aparato do estado, está a clase dominante; debemos localizaren o punto de actividades, os lugares e as formas nas que se exerce a dominación".
E ben, este enternecedor colectivo de Marín, o QGM, sabe que a escola e os mass media son manexados polos gobernos e pola clase dominante. Sabe que a lei de normalización lingüística e os decretos sucesivos para o ensino non son inocentes: o do goberno actual da Xunta que di estaren en igual situación o galego e o castelán e que impide aulas de ciencia en galego é un atentado contra o país; é un decreto de deconstrucción; inclúe unha perversidade na liña do exterminio nacional.
E inda máis, porque sabe que a lei de normalización lingüística e os decretos da etapa de Fraga e do Bipartito referentes á utilización escolar do galego, foron incumpridos por ese longo sector de ensinantes ao servizo e con identificación coa clase dominante. E fórono cinicamente.
Este país que por cinco séculos é vítima de ataques a súa cultura mediante decisión gubernamentais enmascaradas, agora recibe da Xunta a afrenta da discriminación da súa lingua propia desproptexida das defensas imprescindíbeis e expulsada da elaboración científica. Non estamos a debateren problemas de flores de alecrín, estamos a denunciaren a opresión e a represións desde o poder político e social dominante que decide arrasaren Galiza.
"Lingua proletaria do meu pobo", aguillón de cerebros, creadora de cultura, patria única galega que tes a desatención do 30 % dos opresores da sociedade, 0 70 % dos que viven agonías e soños de esperanza, coñecen que nas xornadas do QGM, na rebeldía do 29, e nos que levan "semellantes as feridas", está a nacer un sustituto a sistemas capitalistas do fascismo finaceiro e a longa e interminábel opresión. Porque ou sermos humanos ou desapareceren.