Semana mundial dos comúns

Semana mundial dos comúns
Dentro dos actos da Semana mundial dos comúns, o pasado mes de Outubro, tivo lugar na freguesía de Ansiaes, no concello de Amarante, no veciño Portugal, unha xornada intitulada Investigaçao –Acçao con comunidades de baldios. Oportunidades e desafíos para a regeneraçao do rural. No evento participou a Organización Galega de comunidades de montes veciñais en man común.

Na primeira parte do evento, varios investigadores e investigadoras, presentaron varios estudos sobor a existencia na Unión Europea de este tipo de bens. Estes investigadores e investigadoras, nestes estudos, cometen un erro de bulto. Equiparan os ben comúns cos bens comunitarios (os montes veciñais), cando non son, en nada, equiparábeis. Os primeiros son titularidades correspondentes as diversas administracións públicas. Os segundos, son titularidades da veciñanza comuneira, entendida, non como entes administrativos, senón como grupos sociais. Aínda que semelle unha contradición, privatizar as terras comunitarias ou remunicipalizalas, ten o mesmo obxectivo: sacarlle estas terras a veciñanza comuneira.

Este erro de bulto, fai que as conclusións dos estudos, sexan inexactas. Así afirman que no noroeste de España, o 33% do territorio é de bens comúns. Cando a realidade é que en Galiza, o 33% do territorio son bens comunitarios e somentes o 4% do territorio, son bens comúns. O erro de estes investigadores e investigadoras, encadrados na corrente altermundista”, parte da base de considerar a Galiza, como unha rexión de España. E por iso, con respeito a Galiza, non cumpren a os seus principios filosóficos, que son, “pensa global e actúa local “.

A segunda parte do evento consistiu na creación de redes entre o que eles chaman activistas (profesionais ,investigadores/as ,ecoloxistas.....) e as comunidades de montes para desenvolver todo o potencial das terras comunitarias. Sitúan a veciñanza comuneira fora do activismo. Cando a veciñanza comuneira son os principais activistas, dos montes veciñais, dos baldíos. Adican tempo, traballo, esforzo e ideas, para por en valor as súas terras comunitarias, para mellorar o seu funcionamento democrático. Evidentemente, non acertando sempre. As veces da impresión, que para certas persoas, a veciñanza comuneira, se cadra, por ser populación do medio rural, non sabe nin pensar, nin escribir, nin falar. E saben. Se esa actitude non é nepotismo ilustrado, parecéselle moito.

Se cadra, convén lembrar un feito histórico. A finais do século XIX, enxeñeiros forestais, da escola madrileña de enxeñería forestal, cursaron unha visita a Galiza, para facer un estudo sobor o monte galego. No informe de visita din “Os aldeanos galegos teñen os seus montes abandonados .Non hai arborada e todo o monte está a toxo”. Ante este informe, cabe facerse a seguinte pregunta: Quen tiña mais saber, os aldeanos galegos que tiñan o monte a toxo, xa que esta produción era o soporte do complexo agrogandeiro, actividade económica da que vivía a populación, ou os enxeñeiros madrileños que querían encher os montes galegos de arborada?.

A terceira parte do evento consistiu en que os denominados/as activistas, presentaron proxectos levados adiante en diversos baldíos. E certamente, algúns de estes proxectos, moi interesantes. Como foi o presentado polo proprio baldío de Ansiaes, unha unidade didáctica acerca de que son os baldíos,que significan, como funcionan, como se xestionan, cales son as súas riquezas… Mais, este proxecto, se remata aquí, e digno de parabéns, mais non deixa de ser unha actitude individualista e xa que logo politicamente inútil.

Co contido de estas unidades didácticas referidas os montes veciñais en man común, referidas os baldíos, e preciso dar un paso mais aló. Un paso de carácter reivindicativo. Compre reinvindicar ante os poderes políticos, que os contidos de estas unidades didácticas individuais, pasen a formar parte do curriculum escolar de todos os niveis do ensino. E o único xeito de situar ao monte veciñal, ao baldío, nas sociedades das diversas nacións. De universalizar a existencia destas terras.

Empregando a mesma linguaxe que gostan de usar estas persoas encadradas no altemundismo, diríalle que os seus estudos, as súas investigacións, serian da aplicación útil a Galiza, cando consideren que no suroeste de Europa hai unha nación, que chaman Galiza, e que as súas “comunidades indíxenas”, son a veciñanza comuneira, titulares das terras comunitarias que son os montes veciñais, dende tempos inmemoriais.