Sectarios do 2013? En fin...

Sectarios do 2013? En fin...

Aló polos anos 70 comezaban as primeiras accións do nacionalismo para reivindicar os dereitos nacionais de Galiza. Eu estaba en Lugo, estreando o meu primeiro traballo profesional, e con Carlos Varela que coñecín axiña, iniciamos a recuperación do traballo que na cidade consolidara o antigo Partido Galeguista na etapa da República. Axiña conseguimos un grupo de mozos e mozas e, aparte da loita firme contra a ditadura de Franco, tivemos que enfrontar o obstáculo que no campo da esquerda representaban o Partido Comunista e Comisiones Obreras. Consideraban as nosas ideas como pequeno burguesas, no argot clásico daqueles tempos, e o noso traballo sectario, que rompía, ademais, a unidade da clase traballadora. A batalla foi dura, (eles tiñan historia longa e nós comezabamos practicamente desde a nada) pero ao cabo de catro anos, o nacionalismo estaba implantado na zona de Lugo e pouco despois comezaba a ter máis representación social e institucional que as devanditas organizacións.

Despois viñeron os anos da Reforma Política, cando se comezaba a pactar un acordo dos partidos de esquerda co franquismo agonizante. Daí saíu a Constitución que agora padecemos (co si de EU) e que se utiliza por quen a protexen, o mesmo para entregarlle soberanía española a Alemania, que para fustigar a quen defendemos outra, a nosa (sempre negada) e a de calquera nación que non a poida exercer. Daquela, o Partido socialista galego (PSG), xogou nos dous campos: co españolismo a través da Federación de Partidos Socialistas do Estado, e co nacionalismo a través da Mesa de Forzas Políticas Galegas. Ruptura Democrática ou Reforma Política, ese era o xogo. E gañou esta, cousa que agora estamos a padecer de xeito radical. Produto daquelas liortas e contradicións, no seu xogo ambivalente, o PSG quedou practicamente absorbido polo PSOE. Máis un grupiño de militantes seguiu dando a vara, co mesmo estilo conspirador, en distintas formacións políticas que se foron formando na Galiza. Até hai un ano, que repetiron a historia, esgazando a árbore vizosa do nacionalismo.,Conto isto a raíz de ouvirlle na TV a Yolanda Díaz, a coordenadora de Esquerda Unida, iso de que "non son tempos de sectarismos, senón de xenerosidade", e tamén estoutro: "se seguides co soberanismo é que non vos enterades de nada". Xusto xusto o esquema que nos anos 70 e posteriores, enchía os seus discursos e batallas. Mais unha cousa si que lle agradezo a Yolanda Díaz: que sexa tan clara estando aliada mesmo cunha forza política nacionalista galega.
Así, pois, nos vemos outra vez, no ano 2013. Os sucesores do PSG liados estratexicamente con EU, pois isto é o que ocorre cando se unifican os programas políticos para unhas eleccións. Os dous son un; a fin política, na práctica, a mesma. Diferente sería a alternativa de poñerse de acordo, cada un desde a súa independencia, en aspectos da acción política concreta para esa Fronte común tan teorizada. Sería distinto que presentados ás eleccións por separado EU e Anova, chegasen despois aos acordos tácticos que considerasen, pero isto non lles conviña porque os resultados serían distintos, e cando o prioritario é ser deputado ou deputada e non afianzar o programa político, pois o oportunismo será a guía das propias accións.

Os feitos van poñendo as cousas no seu sitio. O diferente non está en alborotar cada día o Parlamento se se entra nun xogo favorecedor de quen se intenta combater, que é o PP; ou dicir as boutades máis enormes coa fin de que causen escándalo e atención; ou estar hoxe con uns e mañá con outros; ou dicir que a soberanía de Galiza non pode entrar hoxe nas reivindicacións; ou disimular a dependencia fronte a EU aliándose cunha forza valenciana para o parlamento español, fuxindo, pola contra, de quen sería a máis natural e axeitada; e ao final, seguir con EU para as europeas (contradición das contradicións). Moito barullo, moita confusión para tapar sempre a inmensa gana de protagonismo, mal da nosa época e lección histórica que non se repetiría se un tivese un mínimo de humildade e respecto polo colectivo.

Podería, a pesar de todo, aplaudir os feitos antes detallados se vise que detrás deles houbese un programa claro e concreto para esta pobre nación que cando dá un paso adiante, axiña lle preparan outro atrás, en imaxe do admirado poeta Díaz Castro. Se ese programa claro nesta situación de destrución e desfeita fose a meta táctica e estratéxica da nosa práctica soberana; pero iso non é así, non existe nen no papel nen na contundencia coa que se exhiben a anécdota e a interpretación teatral da rebeldía. Por algo se aproveita tanto polo contrincante político para a súa propagación. E o máis triste para o noso pobo sería que todo este barullo fose cousa dun momento no que pode funcionar, mais pasado ese momento, todo seguise igual, e os verdadeiros inimigos do noso país continuasen dirixíndoo. E aínda o máis grave: que os posíbeis cidadáns e cidadás que se poidan entusiasmar con estas accións, ao final, vendo unha vez máis a súa ineficacia, acaben definitivamente por non crer en nada nen en ninguén.