Se os gobernos quixesen


Estes días as sardiñas chegaron custar 18 euros/kg, din os medios. Así dito, parece caro, mais non tanto como se dicimos 3000 pesetas, na moeda de antes 3000 pesetas.

Calquera o diría!, que a popular sardiña que tantas veces ten andado tirada de prezo, ou tirada literalmente de novo ao mar para que os prezos non seguisen baixando, acadase valor de peixe de luxo. Ironías do destino!

É a época do ano en que a sardiña tiña que saír dos barcos por abundancia, e non, escasea como se non fose agora o seu tempo. Sabemos que isto ten unha explicación científica, pois é unha especie con grandes oscilacións anuais posiblemente influídas pola temperatura das augas que non favorecen a presenza dos grandes cardumes nos lugares habituais de pesca. Mais eu non podo evitar que me veña á cabeza a frase de Castelao, ao pé da imaxe do vello e o neno, representación da miseria contra un mar en calma, como deserto espoliado en beneficio alleo. O avó que lle di ao neno, que mira a lanchiña na súa man: “as sardiñas volverían se os gobernos quixesen”.

Ben sabemos que literalmente non é así, mais quen pode pensar que esteamos ante unha afirmación literal? Mais ben estamos ante a constatación de que o compromiso dun goberno, a defensa do seu pobo e o seu país pode facer posíbel o imposíbel, mesmo que as sardiñas volvan, malia non ter o mar a temperatura axeitada para que se alimenten e engorden. E se mo permiten, creo que Castelao hoxe retomaría esta afirmación. Pois vendo os tempos que corren, como o goberno botou enriba de nós a pesada lousa do seu concepto de austeridade, como ese mesmo goberno non defende a pesca galega e o marisqueo como corresponde ante as autoridades competentes, como os que debían gardar os nosos aforros roubáronnos, como os que nos roubaron alardean da súa impunidade e bótanlle a culpa a outros, como a liberdade de opinión e información é perseguida e a censura é unha maquinaria activa ou se pretende levar aos tribunais uns rapaces que repartían propaganda... que imos dicir senón que as sardiñas volverían se os gobernos quixesen!, porque até este manxar dos pobres é agora artigo de luxo.

,Tamén Castelao dixo que o peixe é a prata do mar feita carne e que o peixe do Atlántico sabe a sal de vida libre. A vida que nos negan os que non queren que volvan as sardiñas. Porque non nos queren libres, quérennos escravos, sometidos, alienados. Cans de orellas caídas e rabo entre as pernas cada vez que nos rebaixan o salario, cada vez que aceptan outro ERE, cada vez que reducen as bolsas de estudos, cada vez que nos impoñen xornadas superiores ao que marca o convenio, cada vez que nos negan o dereito de nos reunir para falar dos problemas que temos nas empresas, cada vez que nos despiden por estarmos preñadas, cada vez que o empresario foxe co roubado e nós ficamos sen traballo, cada vez que a empresa consegue con trampas e falsas testemuñas que o despido sexa procedente, cada vez que o goberno muda a lexislación e recorta os dereitos do pobo, cada vez que...

Mais aínda que non puidemos probar as sardiñas, ao menos as do Atlántico, este ano, ninguén nos impediu prender a fogueira para curar este mal de ollo que xa dura meses e anos e botar no lume todo o que non desexamos.

Remato coas derradeiras palabras do Libro Primeiro do Sempre en Galiza: “O día que Galiza sexa nosa, o mariñeiros vivirán na fartura”, unha frase con 76 anos de sabedoría. A chave do futuro.