Se eu fose autora


Se eu fose autora escribiría unha peza para conmemorar a memorábel data do 25 de abril.

Érguese o pano, vemos unha rúa da vila de Grândola, chea de homes e mulleres traballadores do campo, da minaría… unha rúa ateigada e no centro unha reunión que aos poucos vai medrando, un home se dirixe aos que o rodean, fala da forza do traballo, da plusvalía, de que uns poucos se enriquecen co traballo de todos, mais que unidos poderán combater o capital.

Na escena seguinte a mesma rúa está tomada polas traballadoras e os traballadores, van atrás dunha enorme faixa. Do lado dereito do escenario sae a PIDE cargando contra os manifestantes, baten violentamente contra as persoas e fan retroceder a manifestación, deixando mulleres e homes feridos ao seu paso.

A terceira escena é un cuarto no que un grupo de persoas senta ao redor dunha mesa. Falan acaloradamente, unha delas deseña sobre un grande papel. Entra unha muller cunha máquina de escribir na man, rodéana e agardan a que remate de teclear o que o home que deseñaba lle dita. En canto remata, outro home sae á carreira co papel na man.

A obra está finalizando. Escuridade total no escenario e no palco de butacas, despois dun silencio excesivamente prolongado, comeza soar a canción que José Afonso escribiu despois de coñecer a Sociedade Musical Fraternidade Operária Grandolense, o Grândola, vila morena. Na segunda estrofa unha luz cenital comeza acenderse gradualmente, baixo o seu foco veremos o escenario estrado de caraveis vermellos.

Só con estas escenas representaría a loita de todo un pobo contra a ditadura, deixando unha mensaxe de esperanza en todos os presentes, agardando que saísen do teatro sentindo medrar dentro de si o desexo de se opoñer a unha realidade que os oprime e os nega, procurando que ao lembrar a peza sinalen a importancia de tomar conciencia e unirse para loitar. A luz da memoria dos acontecementos históricos como facho que nos guía no camiño do futuro.

Despois, nunha recensión literaria da obra, alguén sinalará a intención de intervención social que a peza ten, lembrando que así sucedía co teatro na época das Irmandades da Fala, tal vez desprece o intento cualificando a obra de ancorada en tácticas de séculos pasados e lle reste calquera valor artístico por pretender ir máis alá dun texto que busca o entretemento e o puro goce estético.

,
Outro escritor responderá argumentando que a tal recensión procuraba desacreditar a obra, deixando de lado a importancia da mensaxe nela trasladada. Afirmará que o teatro ten unha capacidade pedagóxica superior á doutras artes, que é función da autora, do autor espertar as conciencias, mover á reflexión.

Cando a obra remata, a vida é o drama que interpretamos. Nese drama, os que exercen a autoridade porque están hoxe no goberno realizan os movementos necesarios para que o teatro non se lle vaia das mans, para que sexa un lugar de divertimento que non nos faga pensar. Prohibición da celebración do día internacional do teatro, cese da Directora do CDG, nomeamento doutro Director … movementos de xadrez destinados a derrubar as pezas do contrario até ter o control absoluto do taboleiro.

Hoxe é 25 de abril.

Cando sobe o pano, para o saúdo final, o patio de butacas énchese de luz. As actrices e os actores saen, collen un caravel e baixan do escenario, un a un entréganllo ás mulleres e aos homes do público. Unha marea de flores vermellas sae cara ás rúas.


----------------------------------------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
----------------------------------------------------------------------------------------------